«Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota

A revista Carnota publicouse na década dos oitenta e xa reproducimos aquí a ficha da miña autoría incluída no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación de Dolores Vilavedra, crítica e profesora de Literatura Galega na USC.
Pois ben, na paxina 18 do número 10 da revista Carnota, distribuída en xaneiro de 1985, aparece un poema manuscrito de Xela Arias coa epígrafe «Cidades neón» e a seguir da súa sinatura unha brevísima anotación tamén manuscrita indica: Esto é da miña DENUNCIA DO EQUILIBRIO, libro inédito.
En efecto, Denuncia do equilibrio viu a luz uns meses despois, xa en 1986, na fermosa colección Ventobranco de Xerais, con capa e ilustracións do pintor Xosé Guillermo. Sen esa cuberta e con limiar da poeta Olga Novo vén de ser reeditado este ano no novo formato de Xerais Poesía.
Na compilación da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018), a profesora e crítica María Xesús Nogueira sinala en nota a rodapé: "Unha versión máis extensa do poema fora publicada en Treboada (1984). Debido ao seu interese reprodúcese na sección «Poesía dispersa». Co título «Cidades neón» foi publicado tamén en Boletín informativo do Concello de Carnota 10 (1986) (sic). En versión bilingüe galega e alemá («Auf dem Weg darüber tauchte Ich»), a cargo de Georg Pichler, apareceu na revista Lichtungen 63 (1995), publicada en Graz (Alemaña)."
Alén da epígrafe «Cidades neón», que non aparece nos libros, o texto publicado en Carnota aparece manuscrito completamente en letras maiúsculas e difire en varias cuestións, correccións como naquilo, ton, abandonada, aquilo e tivo, no canto de NAQUELO, TONO, ANONADADA, AQUELO e TUVO na revista, e unha matización Pásote no canto de PASO, no texto manuscrito.
Como moi ben analiza Nogueira nos versos deste poema percórrese unha escenografía urbana, moito máis evidente na epígrafe do mecanoscrito que desapareceu na edición e que neste caso ten a súa máxima expresión nos versos tivo que pasar: aparexeime nos ventos / contaminados sinto ese vehículo / acenderse.
Tamén chamou a atención da crítica a sintaxe forzada e o "emprego de colocacións pronominais que levan ao desconcerto". Percorren todo o libro, e son evidentes tamén neste poema:
mergulleime
sentinme
que me era
séndome
aparexeime
Relátome
Un recurso lingüístico de tremenda forza significativa que vai ter continuidade na súa obra, como demostra o título Intempériome (Espiral Maior, 2003), no que hai versos deste xorne: Entregóteme obsesa a entrar en min. Como lle sinceraba a Ana Romaní nunha entrevista a raíz deste último libro "desartellando as palabras para construílas doutro xeito". Escribirá nesa mesma obra:
Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.
A unidade componse.
Da desorde.
Curiosamente, a aparente desorde no texto que hoxe nos ocupa revela un poema de moito ritmo de dición (coma case todos os seus) e que se pecha coma un círculo pois principia "Polo paseo arriba mergulleime" e remata "Relátome polo paseo arriba mergullada".
Canda ela, a procura de certo cripticismo creba cos versos que engade como pórtico e como epílogo na versión que ese mesmo ano de 1986 vai aparecer na revista Treboada e que tampouco vai conservar na edición do libro.
Non sei que hai que quero decir sen ter que falar
de nada que pensado faise ese non sei coma pesadelo
constante e furafollea-los instantes. Vaia. Se xa
nin prefiro rematar este intento de explicarme
(...)
bukowski ten razón para min
a cidade
foi poema
A poeta mantivo en Denuncia do equilibrio o diálogo intertextual con Cirlot, Novalis, Rilke e Raimbaud, mais pola contra decidiu silenciar Bukowski cando de todos os citados é o que representa unha poética máis acorde co seu propio estro, con certo halo de malditismo. Cal foi a razón desa decisión? Difícil de saber, como non fose que a cita significase espirse demasiado, mais isto entraría en contradición coa feito de que en todo o libro a voz poética, abeirando o nihilismo, non amosa especial pudor en se significar. Autoesixencias talvez dunha poeta reflexiva que nunca quixo publicar un seu libro intitulado Lili sen pistolas, malia ser finalista do prestixioso premio Esquío. Ou se callar a pretensión de deixar o poema pechado na circularidade na que antes reparamos.
Bibliografía esencial
- Arias, Xela (1986). Denuncia do equilibrio (Vigo: Xerais, colección Ventobranco)
- Arias, Xela (2021). Denuncia do equilibrio (Vigo: Xerais, colección Poesía). Limiar de Olga Novo.
- Arias, Xela (2018). Poesía reunida (1982-2004) (Vigo: Xerais). Edición, introdución e notas de María Xesús Nogueira Pereira.
- Romaní, Ana (2013). "Xela Arias. Serse intempestiva". Vieiros, 20 / 11 / 2003.
- Vilavedra, Dolores, coordinación (1997). Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (Vigo: Galaxia).
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
NOVAS RELACIONADAS
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.