Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019)

En coidada edición de autor, porque a sociolingüística segue a ser bocado pouco apetecible para as editoras, o historiador Xosé María Lema Suárez (Bamiro, Vimianzo, 1950) vén de publicar unha compilación de textos agrupada baixo o título Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019). O volume chega arroupado coas suxestivas ilustracións do polifacético e “renacentista” autor Héitor Picallo, de Cuntis tamén nomeada Vila do Baño, quen tamén asina o Prólogo, e un Epílogo de Maka Arca, profesora e membro da entidade ProLingua. Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua, da que o propio Lema participa desde a súa etapa fundacional. Dúas interesantes (re)lecturas que beben do mesmo afervoado compromiso co galego. Completa a sección de paratextos o exhaustivo cadro «Algunhas datas importantes para a lingua galega nos últimos anos» que elaborou o propio autor.
Alén diso, na contracapa e no pórtico do libro reprodúcese un debuxo da ermida de Monte Torán, o cumio sagrado da parroquia de Bamiro, realizado por José María Lema de la Iglesia, pai do autor, tirado dun caderno de 1937 no que fai a historia da escola rural do lugar. E nos paratextos non se debe esquecer a fermosa dedicatoria ás súas netas italianas Sabela e Irea, que en Pisa mesturan o italiano materno e o galego paterno, e á súa sobriña neta, Uxía, que estende a «todos os nenos e as nenas de Galicia que falan galego» mais tamén, de xeito inclusivo «á rapazada que aínda non o fala, coa esperanza de que tamén o faga malia os atrancos do poder político».
Lema Suárez é académico correspondente da RAG dende 2002 (na miña opinión con méritos ben sobrados para o ser de número, xa só polo seu inmenso labor lexicográfico imposible de resumir nun parágrafo), como tamén o foi moito tempo atrás o poeta baiés Labarta Posse para quen diversas voces, como o propio Lema, veñen reivindicando un Día das Letras. Mais tamén Lema fai parte doutras entidades como a citada ProLingua, a Asociación Galega de Onomástica (AGOn), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o Museo do Pobo Galego e é membro fundador e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom).
Son trinta e un textos de diferente extensión e que, malia o elo común de se referiren á cuestión lingüística, abeiran diversas perspectivas e modulacións. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu con todo merecemento o Premio de artigos xornalísticos Manuel Reimóndez Portela 2010, convocado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. E tamén incorpora completo o discurso proferido na recepción do devandito premio.
Na ordenación dos textos Lema Suárez optou polo criterio cronolóxico e nas notas a rodapé explica a primeira aparición dos artigos que viron a luz en publicacións varias, en papel ou en formato dixital, como a edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Xornal de Galicia, Irimia, Música na Noite, Sermos Galiza, Que pasa na Costa ou A Trabe de Ouro, nos sitios web de ProLingua, da AGOn e da RAG, ou nos xa desaparecidos Vieiros, Galicia Hoxe (de cativa presenza aínda na rede), De luns a venres, que testemuñan a febleza dos medios na nosa propia lingua. E mesmo algúns destes artigos incorporouse a obras ensaísticas de autoría colectiva.
No tocante á temática dos textos hainos que se centran na posta en valor da toponimia galega, a única amparada pola lexislación, mesmo lembrando que nun congreso sobre turismo na Costa da Morte o representante do País de Gales defendeu a existencia do turismo lingüístico fronte a actitudes prepotentes que desprezan as linguas propias. E outros nos que é a antroponimia galega a que provoca a reflexión do autor, tamén experto nestes saberes sobre os que xa ten publicado traballos de investigación como Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). I, Os nomes masculinos (Asociación Galega de Onomástica: 2006).
Noutros textos é o ensino en galego a cerna, nomeadamente desde o decreto de plurilingüismo e outras medidas do goberno de Núñez Feijoo que atentan contra a presenza da nosa lingua, e Lema Suárez bota man de Balbino e de Manolito, personaxes das Memoria dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, para falar do apartheid lingüístico que nos agarda. Mais tamén bota man de episodios históricos como a brutalidade colonialista española contra o campesiñado cubano na fin do século XIX e que acendeu a loita dos mambises. Ou trae á palestra a San Cirilo, “o filósofo (séc IX), tan ben querido polas nacións eslavas por ser o salvador e normalizador lingüístico das súas linguas minorizadas”. Ou tamén lle lembra ao noso actual presidente da Xunta de Galicia que hai cincocentos anos aínda non existía a “nación española”. A preocupación polo ensino na lingua propia acada a máxima altura e beleza estética no artigo intitulado «Unha gran pira -de libros de ciencia en galego- no Obradoiro?» onde bota man da retranca para lembrar que a actual prohibición do ensino das ciencias en galego ten moitas semellanzas coa queimas de libros perpetradas na historia e até datas recentes, nos anos do franquismo. E noutros artigos son anécdotas ben contadas (que excelente narrador oral é o Lema!) como un sucedido a conta da camisola daquela fermosa campaña do “Fálalle galego” que aquí non vou desvelar. O desazo polo roubo do Códice Calixtino dálle pé a Lema Suárez a testemuñar a absoluta falta de sensibilidade da administración polo perigo de desaparición dos arquivos parroquiais ou pola escasa protección da nosa lingua, que tamén é patrimonio da humanidade.
E noutros textos vai contrapoñendo actitudes galegófobas, coma a dun ex-alcalde de Ames xa retirado pola forza dos votos da cidadanía, fronte a actos de amor á nosa lingua, coma o de Ramón de Castromil, emigrante de Salto (Vimianzo) en Montevideo, que defendía o uso do ghallegho como a mellor herdanza que recibira de seus pais ou o orgullo pola lingua doutro emigrante que foi mecenas do galeguismo e que biografou Xosé Mª Rei Lema en Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal (Galaxia: 2018).
A crítica, ben argumentada, cara ás medidas do goberno galego, son acompañadas doutros textos que lembran e valorizan experiencias positivas elaboradas desde as entidades sociais ou desde administracións máis sensibles coa causa da nosa lingua, como o labor de integración dos inmigrantes a través da aprendizaxe da lingua galega que se experimentou con éxito en Burela. Ou cando parabeniza os premios Manuel Beiras cos que a Cámara de Comercio e o Concello compostelán galardoan empresas que fan do noso idioma un valor engadido. Ou estima as/os deportistas de elite que se expresan en galego con naturalidade.
E aínda hai textos nos que amosa a súa preocupación (que tamén é nosa) sobre os problemas de (in)visibilidade da nosa literatura, fai unha recensión dunha obra que recoñece as orixes galegas do portugués ou aqueloutros nos que fai unha crónica das viaxes culturais do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte nas que se puido (puidemos) tamén visualizar e comentar polo miúdo a situación lingüística de flamengos e valóns ou a recuperación temesiña do idioma córnico, que chegou a desaparecer.
Unha coda, un epicedio en prosa para lembrar o recente pasamento do historiador e ex-presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro Fernández, serve para lle poñer o ramo a esta trintena de artigos de vocación xornalística, que se len de maneira amena e que son tamén un outro acto de amor á nosa lingua.
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
NOVAS RELACIONADAS
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.