SoandoconForza: O adeus de Edwyn Collins pasa por Galicia e ten un vínculo co Xiria Pop

Carwyn Ellis de Colorama extraido do FB do XiriaPop

O músico escocés Edwyn Collins está a percorrer España coa súa xira de despedida, The Testimonial Tour. A Last Lap Around Spain. O 10 de maio actuará na Sala Capitol, en Santiago de Compostela.

Collins é unha figura fundamental do pop británico. Cofundou o lendario selo Postcard Records xunto ao seu amigo Alan Horne para publicar os primeiros singles de Orange Juice, grupo que co tempo sería considerado pola crítica como os “Talking Heads europeos” pola súa mestura única de funk, soul e post-punk. Tras a disolución da banda, Collins continuou cunha brillante carreira en solitario coroada polo éxito mundial de A Girl Like You.

Entre os músicos que o acompañan nesta despedida está o galés Carwyn Ellis, baixista da xira e líder do proxecto Colorama. Banda  que pasou polo Xiria Pop na edición do 2017, nunha desas conexións  que o pop independente acaba tecendo co paso dos anos.

Colorama publicou traballos a través de AED Records, o selo impulsado por Edwyn Collins e James Endeacott, unha relación que reforzou ao longo dos anos a estreita colaboración entre Collins e Carwyn Ellis.

Ellis leva tocando con The Pretenders dende 2017, banda coa que actuou na Praia de Riazor durante o Festival Noroeste Pop Rock en agosto de 2018. Aquela xira tamén o levou ata un dos escenarios máis míticos do planeta: o Maracaná, onde The Pretenders actuaron o 22 de febreiro de 2018.

Foi precisamente nesa viaxe cando a súa traxectoria deu un novo xiro. Chrissie Hynde decatouse da súa paixón polos discos de música brasileira e animouno a explorar ese universo musical nun proxecto propio. Daquela conversa acabaría nacendo Carwyn Ellis & Rio 18.

Carwyn Ellis, un músico galés cunha biografía chea de conexións improbables: pasou por Carballo, tocou en Riazor e chegou ata o Maracaná. Agora regresa a Galicia para acompañar a Edwyn Collins na despedida dun dos grandes nomes do pop independente europeo.
Ademais da cita compostelá, a xira fará parada tamén en Ourense o 11 de maio, no Café & Pop Torgal.

Edwyn Collins - A Girl Like You

&

Edwyn Collins  - In Your Eyes

Orange Juice - Rip It Up

Orange Juice - What Presence?!

 

CUESTIONARIOS DE MAIKEL PÉREZ CASTRO

 

#SOANDOCONFORZA

Orixinal vs Cover

MÁIS PARECIDOS RAZONABLES

CARA B