O Concello de Corcubión ten que claudicar ante a deixadez da Xunta e busca financiamento para o Centro de Día municipal

Imaxe do pleno de onte en Corcubión

Tivo que claudicar o Concello de Corcubión ante a man inflexible da Xunta de Galicia, que volve demostrar a súa alta capacidade para exercer a deixadez de funcións e poñer en cargo dos concellos competencias que deberían ser súas. A Dependencia é competencia autonómica, pero a Xunta leva décadas deixando claro que non vai construír máis centros de día nin residencias públicas, a pesar do paulatino envellecemento da poboación.

A cativa aposta polas casas do maior, outro exemplo de externalización dun servizo básico para a nosa sociedade que ademais resulta insuficiente, non parece excusa para non aproveitar un edificio que leva 3 lustros esperando por poñerse en marcha. O edificio do antigo Asilo de Corcubión foi acondicionado cos fondos da Deputació hai xa 12 anos e dende esa, a sociedade corcubionesa e os diferentes grupos de goberno levan intentando que a Xunta instale aí un necesario centro de día público comarcal, tendo en conta que os máis cercanos son en Cabana de Bergantiños e en Muros. Un estudio explica que a comarca de fisterra, cun 27% de poboación maior de 65 anos, conta cun déficit de 120 prazas en centros de atención ás persoas maiores ou centros de día.

Porén, a Xunta non deu o brazo a torcer nestes 12 anos, e o grupo de goberno do Concello de Corcubión, que leva prometendo que vai poñer en marcha esta infraestrutura nos últimos anos, tivo que claudicar e promover un Centro de Día de titularidade municipal e xestión privada.

Así o acordou onte o pleno, que con unanimidade de todos os grupos políticos, vai realizar unha solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención para o mantemento e funcionamento do Centro de Día de Corcubión, primeiro paso para a súa posta en marcha. Todo contando con que O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cumpre o seu compromiso, non escrito, tanto ao Concello como á Plataforma veciñal En Defensa do Centro de Día de Corcubión de asumir custos para o acondicionamento do edificio e o amoblamento.

O Concello pretende sacar a concurso a xestión do Centro de Día, preferiblemente a unha entidade sen ánimo de lucro.

Segundo concretaron na moción, o centro contará con 20 prazas e ofrecerá unha atención integral ás persoas maiores, con servizos asistenciais, terapéuticos, sociais e de apoio ás familias. O custo anual de funcionamento supera os 268.000 €, unhas cifras absolutamente imposibles para un concello cun orzamento de 1,5 millóns, polo que o Concello solicita unha achega de 70.000 € que permita garantir a viabilidade e sustentabilidade deste servizo público esencial, contribuíndo a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, apoiar ás persoas coidadoras e xerar emprego na comarca.

Histórico do Centro de Día