A esquilmación da mexilla: "Deixa ir ata ver”

"Deixa ir ata ver”. Esta frase, semellante ao “tí vai facendo” no sector da construción, utilízase moito nos portos cando non se lle encontra sentido a alguna cousa.
Co tema do mexillón este foi o lema da Xunta durante anos, “deixa ir ata ver…” Pois ben, xa se está a ver que tratar a mexilla como un recurso ilimitado non ten futuro. Despois de tantos anos de esquilmación, a falta de xestión fai sufrir ás pedras do noso litoral, que quedan brancas tralo paso duns bateeiros que, porén, non paran de protestar polo ridículo control na súa extracción, moito menos restritivo que calquera outra especie. Unha situación polémica que, lembremos, dase dende que os bateeiros arrasaron coa cría nas súa zonas habituais de extracción, e pouco a pouco foron invadindo as zonas máis expostas onde medra mellor o percebe. Esa coincidencia nos espazos de traballo entre bateeiros e percebeiros é o foco do problema.
Pero polo camiño esquecemos cousas tan básicas como que non se pode tratar a mexilla como unha especie en si mesma, cando é a cría do mexillón, formando parte dun ciclo natural completo. E sen mexillón, as pedras da costa galega non teñen futuro.
Non se pode tratar, igualmente, o mexillón como unha acuicultura porque non ten un ciclo cerrado, segue dependendo dunha fixación, dun desove natural, da perpetuación da especie… Tense que tratar pois como unha pesquería, respectando os ciclos como de calquera outro recurso natural.
Non podemos esquecer tampouco que o mexillón é a base de todo un ecosistema onde a miñoca, os cangarexos, as nécoras,os polbos, os sargos, as centolas... ou ben os comen ou ben se agochan nas pinas destes moluscos.
Pero a errática xestión da extracción da mexilla non é culpa do poderoso sector da batea. É culpa de quen llo permite. A Xunta leva décadas buscando a confrontación entre sectores esquecendo de facer o que se lle pide: xestionar recursos públicos. A Xunta debería ser o árbitro deste hipotético partido entre bateeiros e percebeiros pero atópase pitando penaltis cada 5 minutos a favor dos primeiros.
Mentres se pon de lado e pásalle a culpa a Bruxelas ou Madrid, a Xunta esquece que son competencias autonómicas, e mantén a extracción deste recurso natural en exclusiva para os bateeiros, sendo rexeitadas calquera proposta de calquera confraría para poder xestionar o coidado e extracción do mexillón nas súas pedras.
Este é un problema que vai moito máis lonxe de poder encordar as bateas. Estase a xogar co futuro de todo un ecosistema. Parece que malcriar ao fillo preferido da familia non é a mellor maneira de asegurar o futuro, nin para o propio “prefe” nin para todo o sector pesqueiro e marisqueiro.

- P.P., mariñeiro da nosa Costa.
NOVAS SOBRE PERCEBEIROS
- Marzo 23: Os percebeiros volverán manifestarse ante a apertura de zonas da mexilla: "Se hai que compartir pedras, hai que compartir leis”.
- Novembro 22: O PSOE e PP únense para devolver a impunidade ao sector da mexilla fronte ao percebe.
- Marzo 22: O PSdG fomenta unha mesa de diálogo entre bateeiros e percebeiros.
- Xaneiro 21: A extracción da mexilla volve poñer de manifesto a dobre vara de medir da Xunta cos percebeiros.
- 30-11-21: Estas son as zonas de 5 Concellos da Costa nas que a Xunta limita a extracción de mexilla para garantir a convivencia co percebe.
- Setembro 21: O TSXG ampara unha medida da Xunta para comezar a restrinxir zonas de extracción da mexilla.
- Os percebeiros de Galicia envíanlle o CV á Xunta ante o risco de desaparición da súa profesión.
- Xaneiro 21: Sen solucións ao problema da mexilla 8 meses despois dos conflitos entre percebeiros e bateeiros.
- 15-10-2020: Os percebeiros de Muxía tiveron que acodir ao Xulgado por unha denuncia dos bateeiros da Arousa.
- 30-05-2020: As confrarías trasladáronlle o seu malestar á Conselleira por situarse do lado dos bateeiros.
- 26-05-2020: As confrarías consideran ridícula a proposta da Xunta de excluír da extracción da mexilla só 50 dos 1.7000 km da costa atlántica galega.
- 21-05-2020: “O pobo sentíu unha humillación pola invasión dos bateeiros, como cando os falaxinstas chegaban a desvalizar as casas”.