As familias afectadas pola folga das traballadoras do Consorcio: “Non podemos máis”

Vai para 4 meses a folga das traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar, nun conflito que se alonga por case que 2 anos, e que parece lonxe de solventarse. E se as traballadoras son as primeiras perxudicadas pola falta de intención da Xunta de normalizar uns postos de traballo que ela mesmo mantivo temporais de xeito irregular durante máis dunha década, as familias son a outra parte tremendamente afectada.
Na comarca falamos das familias das Galiñas Azuis de Camariñas, Fisterra, Mazaricos, Zas, Muxía, Muros e Carnota, ademais de ó centro de día de Muros. Familias que levan tanto tempo sufrindo os paros que queren “manifestar a desesperación e desconfianza na clase política”. “Non podemos máis”, reza o comunicado emitid.
”Comunicamos con claridade que non podemos máis sobre as nosas costas. Empatizamos coas mestras das escolas, pero precisamos que o servizo siga adiante. Así que pedimos aos responsables políticos que cheguen a un acordo con urxencia. A unha semana do comezo do curso estamos desesperados. Que facemos coas crianzas? Quen as coida? Os prezos da vida non nos permiten reducir xornadas nin contratar axuda a domicilio, estamos afogados.”
Lembran que ademais “temos que asumir inicios de curso imposibles, con desembolsos en materiais dignos dos centros privados máis caros do país. Chegamos con horarios laborais que impiden a conciliación, con políticos que non sofren os nosos problemas e non son quen de buscar solucións, e nos din que non houbo forma de desconvocar unha folga que nos afoga definitivamente?”.
”Basta de que as familias paguemos os desencontros, non hai dereito a que dende a Xunta e os Concellos non poñan as medidas necesarias para que unha folga convocada en xullo chegue a setembro sen solución algunha para as necesidades de conciliación das familias”, denuncian.
NOVAS DO CONFLITO LABORAL
- Agosto 22: As Galiñas Azuis da Costa da Morte e o Centro de Día de Muros veranse afectadas pola folga das traballadoras do Consorcio.
- Agosto 22: As 11 Galiñas Azuis da Costa e o Centro de Día de Muros, afectados pola folga do Consorcio.
- Xuño 22: Nova xornada de protestas das traballadoras esquecidas polo Consorcio de Igualdade e Benestar.
- Xuño 22: As traballadoras do Consorcio continúan a loita polas súas prazas cunha nova folga.
- Marzo 22: As traballadoras da residencia DomusVi de Carballo mobilízanse para reclamar un convenio digno.
- Setembro 21: As traballadoras do Consorcio desconvocan a folga tras conseguir abrir unha negociación de boa fe.
- 30-07-2021: As traballadoras do Consorcio volverán á folga en setembro se non se paraliza a OPE.
- Xuño 21: O TSXG emite unha sentenza sinalando que a Xunta incorre en fraude cos interinos de longa duración.
- 11-05-21: O Consorcio IeB segue sen negociar a pesar das sentenzas que determinan a fixeza de moitas traballadoras.
- 13-04-21: As traballadoras do Consorcio levan as súas demandas laborais ao Parlamento Galego noutra xornada de folga.
- 18-03-2021: As traballadoras do Consorcio endurecen a folga e refrendan o apoio da veciñanza.
- 04-03-2021: As traballadoras do Consorcio endurecen a folga.
- 25-02-2021: Usuari@s dos Centros de Día e as Escolas Infantís amosan o seu apoio á folga das traballadoras.
- 19-02-2021: As traballadoras temporais do Consorcio valoran moi positivamente a folga a pesar dos servizos mínimos abusivos.
- Febreiro 21: Ducias de profesionais dos Centros de Día e Escoliñas da comarca póñense en folga.