mércores. 30.04.2025
El tiempo

Previa deportiva da fin de semana da gran festa do Fútbol da Costa

Previa deportiva da fin de semana da gran festa do Fútbol da Costa

Temos unha cita singular esta fin de semana. O sábado 29 de xuño, en pleno San Pedro, o Platas Reinoso de Baio acollerá a partir das 19:00h a gran festa do #futboldacosta. A final da Copa da Costa, que este ano ademais celebra o seu 50 aniversario.

Non será a única cita deportiva, xa teremos tamén en marcha 4 torneos (que de seguro quitan público á final), e un par de exibicións de deportes de contacto, que logo repasamos. Pero antes, analizamos a previa da gran final.

Final da Copa da Costa 2013

Final Copa da Costa 2013-XSC-Malpica

Final inédita da competición costeira a que van disputar XSC e Malpica. O cadro xalleiro parte como favorito, polo seu bo momento de forma e por competir nunha categoría maior. Pero o Malpica non vai deixar pasar esta oportunidade polas boas.

As afeccións están afiando as armas. De feito, por Santa Comba xa están fletando un par de buses para os siareiros, que sairán ás 17:15h do edificio de servizos múltiples de Santa Comba.

No deportivo, ambos chegan cas pernas cansadas pero cheos de ilusións. O XSC quere comezar a súa historia como bicolor repetindo o último triunfo como laranxa, acadado o ano pasado. No aspecto de baixas, Orlando e Pablo Baña non estarán dispoñibles no cadro de Corredoira, mentres que David Baña non poderá contar cos emigrados Cheo e Roberto Rancaño.

Unha historia chea de triunfos a de Santa Comba. 5 finais e 4 vitorias as acadas polo Xallas CF (triunfos acadados nos anos 66, 67, 68 e 2002) ademais da Copa conseguida o ano pasado polo Santa Comba, na súa única final.
Pola súa banda, o Malpica só disputou dúas finais no 75 e no 85, quedando campión nos penaltis nesta segunda ante o Cabana.

Por certo, a entrada custará 5€, e os dous equipos repartirán ao 50% o importe da taquilla, rifas e cantina. Cómpre sinalar que o Baio cede as instalacións de balde, todo un exemplo para o resto de clubes da zona.

Torneos

Torneo de Fútbol 8 de Dumbría-Memorial Andújar

Torneo de Dumbria Memorial Andujar 2013 Xa temos o cadro do Torneo de Fútbol 8 que se celebra no Conco este sábado 29 de xuño, en memoria de Manuel Andújar. No Memorial daranse cita 20 equipos das categorías Prebenxamin, Benxamin e Alevin: CF Dumbría (Prebenx, Benx e Alev), Victoria CF (Benx e Alev), Sp. Coruñés (Benx e Alev), Platges de Calvia (Mallorca) (Benx), AD Parameán (Alev), SD Fisterra (Prebenx, Benx e Alev), UC Cee (Prebenx, Benx e Alev), Outes CF (Prebenx, Benx e Alev), Rácing San Pedro (Benx e Alev).

I Memorial Eleuterio Balayo de Muros

Memorial Eleuterio Balayo de Muros 2013 Este ano Muros quedaba sen o presidente fundador do clube celeste. E para lembrar a súa honra, o concello enteiro celebrará unha xornada. A cita será este sábado 29, coincidindo co San Pedro, precisamente no campo que leva o seu nome, a partir das 18:30h. Unha Selección de Muros e o Dumbría disputarán o choque. A selección muradá estará composta polos seguintes xogadores, ademais dos sobriños de Eleuterio Balayo, Isma e Miguel:
  • Muros: Fabio, Teo, Dani, Manu, Sexo.
  • Esteirana: Dani Rama, Kike, Simón, Alex, Andel.
  • Volantes: Iago, Varito, Mingos, Ivi, Nimo.
  • Montelouro: Chema, Canelo, Cosme, Pesco, Edu.

Torneo do Sporting Seaia

Torneo FS Sporting Seaia Pode que a campaña 2013-2014 o Concello de Malpica conte con 4 equipos (ou quedar con 3 de desaparecer o Cerqueda). I é que ademais do Malpica na 1ª Autonómica, o Buño na 2ª e o Cerqueda na 3ª, é posible que o vindeiro ano poida federarse o Sporting Seaia.
Así, polo de pronto está organizando o I Campeonato de Fútbol Sala de Seaia, a celebrar os 29 e 30 de xuño no Pavillón Municipal de Malpica.

Torneo de Carnota

Torneo Carnota F7

O III Campionato de F7 de Carnota celebrarase os vindeiros os 29 e 30 de xuño en Lombáns.

Exhibicións

Doble cita co taekwondo esta fin de semana na Costa da Morte. O Concello de Muxía acollerá este venres 28 de xuño, na Praza do Cabo da Vila, unha espectacular exhibición de taekwondo.
E para o sábado 29, temos cita a partir das 18:00h no Pavillón de Cee. O Club Cee Deportes de Contacto realizará unha completa xornada de exhibición de taekwondo e kick boxing.

Ademais, despois dunha dura temporada, o club Arte e Movemento logrou clasificar a 6 parellas para a Copa promocion, que se celebrara este domingo 30 de xuño en Vilanova i la Geltru (Barcelona). A temporada remata tamen este 30 de xuño, e decidirase así quen logra o ascenso de Categoría.

As parellas lograron a clasificación, por estar situadas entre a metade superior do ranking nacional.

  • Álvaro Lado e Antía Méndez (Mazaricos e Muxia) de 11 anos.
  • Tomás Fuentes e Fátima López (Zas e Cee) de 13 e 15 anos.
  • Cristian Domínguez e Laura Rivadulla (Cee) de 16 anos.
  • Juan Alvarellos e Melani Lois (Cee e Santa Comba) de 16 anos.
  • Ivan Antelo e Aida Carril (Vimianzo e Santa comba) de 15 anos.
  • Roberto Ézara e Patricia Túñez (Cee) de 20 anos.

- Doble cita co taekwondo esta fin de semana na Costa da Morte.

Torneos

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC Deportes (deportes@quepasanacosta.gal).

Comentarios