O Concello de Mazaricos recolle máis dun milleiro de alegacións veciñais a 8 proxectos eólicos

Malia que Mazaricos é un dos concellos con maior potencia instalada de Galicia, seguen a tramitarse novos parques que poñen en risco os sectores máis importantes da economía local. Son concretamente 8 os proxectos eólicos actualmente proxectados no municipio (A Picota I e II, Alvite II, Banzas, Maragouto, Sancosmeiro e O Vao).
Ante esta situación, o Concello mazaricán leva anos abandeirando a loita contra a invasión irracional dos xigantes “verdes”, denunciando a falta de transparencia e unha avaliación insuficiente do impacto ambiental.
Foi o propio alcalde, Juan Blanco, o que realizou diversas xuntanzas informativas para dar un pouco de luz neste escuro mundo das poligonais eólicas, a luz que non ofrecen as empresas nin a Xunta.
Leva meses o Concello recollendo sinaturas, son máis de 1.100 as colleitadas en contras dos 8 proxectos. Só no caso do parque Sancosmeiro, cuxo período de alegacións rematou recentemente, foron presentadas preto de 100 reclamacións.
Así mesmo, o vindeiro 3 de outubro pecha o prazo de alegacións no proxecto da liña de alta tensión SET PE A Picota 220kV-SET colectora Nova. Este proxecto afectaría a un amplo territorio entre Mazaricos e Santiago de Compostela, atravesando Negreira, A Baña e Ames polo medio de 3.000 fincas privadas.
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, considera “un espolio inaceptable do medio rural” a planificación actual do aproveitamento eólico en Mazaricos, cunha proliferación de proxectos cuxo impacto conxunto non se ten en conta. O alcalde mazaricán asegurou que o Concello seguirá a axudar e representar a centos de veciñas e veciños de Mazaricos afectados por estes proxectos “como fixemos ata agora a través da presentación das súas alegacións”. Neste sentido, o rexedor denuncia que o proceso é moi pouco transparente e que non se informa axeitadamente á veciñanza afectada de cales son os trámites a seguir.
Juan Blanco reclama que os proxectos eólicos en Mazaricos se sometan a un impacto ambiental conxunto. “Está claro que o efecto combinado de varios parques queda disimulado se se adultera o procedemento tomando en conta só o impacto ambiental de cada proxecto concreto na súa área”, lamenta o rexedor.
A proliferación de eólicos xunto ao Camiño de Santiago “cando as cifras do verán demostran un crecemento récord do sector turístico local”, salienta Juan Blanco, comprometerán esta importante fonte de riqueza e patrimonio histórico. Idéntica valoración fai o rexedor da instalación de aeroxeradores en terra de uso agrogandeiro, “como se non fose Mazaricos o principal produtor de leite de Galicia”, engade o alcalde. “Non entendemos a teima en pór en perigo sectores estratéxicos da nosa economía local e o benestar dos veciños, pero imos continuar ao carón da nosa xente defendendo os seus intereses”, promete o alcalde.
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS DE MAZARICOS
- Agosto 22: Mazaricos saca peito da súa xestión ante a invasión eólica.
- Xuño 22: O Concello de Mazaricos loitará contra a instalación do Parque Eólico de Alvite.
- Xuño 22: P.E. Alvite: Rodeado de 791 aereoxeneradores.
- Marzo 22: As Asociacións de Mazaricos asinan un acordo coa empresa do P.E. A Ruña para que a súa instalación revirta na terra.
- Decembro 21: O Concello de Mazaricos confía en que a Xunta non aprobará os parques eólicos A Picota I e II.
- Novembro 21: O Tribunal Superior ratifica que o P.E. A Ruña II non pode ir en terreos que foron afectados polos incendios
- Novembro 21: O alcalde de Mazaricos trasládalle á veciñanza a pouca viabilidade que ten o Parque Eólico A Picota.
- P.E. A Picota: Os eólicos comprometen o sector gandeiro
- 11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte.
- INFORME: O novo impulso eólico propón 39 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2020: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2020: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .
- Agosto 2019: Mazaricos páralle os pés aos eólicos.