Martes. 27.10.2020
El tiempo

Recunchos da Costa: A Fervenza de Santa Locaia

Recunchos da Costa: A Fervenza de Santa Locaia

Comezamos unha serie para completar a Ruta das Fervenzas de Mazaricos. Xa estivemos nas Fervenzas de Noveira, en Arcos, e completamos o repaso nas vindeiras semanas, despois de coñecer o lugar de Santa Locaia.

A Fervenza de Santa Locaia (coñecida tamén co castelanismo Leocadia) está baixo o acubillo da Devesa de Chacín. Unha carballeira que agocha currunchos únicos onde o outono provoca un estalido de luces, sombras e cores realmente máxicos que nos somerxen nun lugar de conto que nos traslada ao “Bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez.

Capela de Santa Locaia en mazaricos

A caida de auga fica encravada nun barranco socavado polo río que atravesa esta devesa, a apenas uns metros da capela da que toma nome a fervenza. Un recuncho absolutamente único coñecido polos lugareños como “O pozo das Campanas”, denominación que esconde unha fermosa lenda: Din que uns asaltantes chegaron ata a capela de Santa Locaia coa intención de roubar a súa campá, cousa que fixeron. Na súa fuxida pola escura e accidentada carballeira, intentaron cruzar o río “Vao de Denonciña” saltanto á outra beira coa campá a costas, pero a causa do espeso musgo que cubría todo resbalaron e caeulles á auga. Esta caída provocou, milagrosamente, o desplome do terreo que deu lugar a esta preciosa contorna na que se funde a forza da vexetación autóctona, a poderosa potencia da fervenza e o misterio das augas subterráneas que flúen desde o furado, o burato que lle dá nome.

Fervenza de Santa Locaia 2

Fervenza de Santal Locaia-Foto-Eu Son Mazaricos
Foto-Eu Son Mazaricos

Como chegar

Para chegarmos, por exemplo dende Cee, iríamos pola estrada de Brens a Dumbría, e na fábrica dumbriesa colleremos á dereita cara Mazaricos (vindo dende a AC-552 poderíamos facer o propio polo desvío cara Dumbría e collendo a estrada caa o Pino do Val). Dende O Pino do Val seguimos cara Serra de Outes. A poucos quilómetros xa topamos co lugar marabilloso Chacín, que xa visitaremos a semana que vén. Alí, primeiro atoparemos unha ponte nunha curxa pechada onde a man esquerda hai unha especie de lugar aberto. Un pouco máis adiante sae un desvío cara a arriba e esquerda que vai a Santa Baia. Alí, o pasar o cemiterio hai un carreiro cara abaixo, que cruza o regato. Aí hai que pelexar un pouco coa maleza (os acceso para estas cousas... xa se saben) e tirando uns 300 metros (pódese subir e afrontar unha baixada cando escoites moito ruido) atopas coas fermosas fervenzas de Chacín. Unha parede butral duns 10 metros que realmente impresiona. A semana que vén viaxaremos aí.

 

A ruta completa

CARTEL_RUTA das Fervenzas de Mazaricos

A proposta que parte desde a concellería de Turismo do Concello ten unha fin de semana de duración. Nela recoméndase ir a mañá do sábado camiñando desde Pino de Val ás fervenzas de Vioxo-Chacín e Santa Locaia, ambas na parroquia de Chacín. A tarde quedaría reservada para achegarse en coche á Fervenza de Fírvado, aínda en Chacín e á da Noveira, na parroquia de Arcos. A recomendación para rematar o día é ver o solpor desde o Mirador Padre Sarmiento, no que converxen, nunha vista única, o Pindo, Fisterra, o Atlántico e a presa do Encoro de Santa Uxía.
Deste xeito, a mañá do domingo quedaría reservada para a fervenza de Gosofre, que é a que ten unha ruta máis esixente e non apta para persoas que non estean acostumadas ao sendeirismo.
Por orde, os accesos máis fáciles son Noveira, Santa Locaia, Fírvado, Vioxo-Chacín e Gosolfre, se ben a única complexa é esta última.

Máis información

 

Outros RECUNCHOS DA COSTA

comentarios