Luns. 21.09.2020
El tiempo

Recunchos da Costa: A área fluvial de Verdes

Recunchos da Costa: A área fluvial de Verdes

Hoxe traemos un clásico. O domingo parece unha feira pero é unha das áreas fluviais máis bonitas e mellor preparadas de toda a Costa da Morte.

Situado en Coristanco, é unha antiga zona de muíños que se aproveitou, como outras moitas, como area recreativa. Pero aquí o caprichoso río Anllóns xera formas, caídas e imaxes inimaxinables, acaecidas cun ton vermello que provoca a presencia do ferro nas minerais augas.

Recunchos da Costa- O Refuxio de Verdes-Coristanco-Rio Anllons 1

A rehabilitación da zona está realmente conseguida. Temos visitado praias fluviais e áreas recreativas nas que hai máis cemento que pedra, perdendo así o encanto que precisan para seren acolledoras. Cómpre utilizar os recursos que xa había antes que o área para deixala perfecta. Aquí, en Verdes, mesmo se rehabilitou unhas casiñas con baños (de “cagar de pé”, iso si, e con auga natural correndo) ou lavadoiros para os cacharros. As mesiñas, todas de pedra, e as grelladas están completamente envoltas na paisaxe, e ata fican fermosas.

Detalles do Refuxio de Verdes

Os domingos é certo que parece unha romaría, pois son moitas as familias que deciden facer unha churrascada, pero aínda así falamos dun espazo natural, aberto, absolutamente recomendable.

Así pois, esta é unha das mellores zonas para disfrutar do río Anllóns, que podemos debullar da man do libro recentemente publicado da man do Instituto de Estudos Bergantiñáns. Precisamente o Refuxio acollía hai pouco unha das presentacións do libro, cunha gran acollida.

Sendeiro

Ruta polo Anllons dende o Refuxio de Verdes

Pola marxe esquerda, río abaixo percorre unha fermosa ruta de sendeirismo de 1,7 km ata a Ponte Dona. Permite o tránsito para toda a familia, e hai mesmo algunha zona apta para un baño nas frías augas do Anllóns.

Sendeiro polo rio Anllons dende Verdes
Zona do sendeiro do rio Anllons dende Verdes apta para o baño
Zona do sendeiro do rio Anllóns dende Verdes apta para o baño

Como chegar

Así como imos cara Carballo dende Coristanco pola AC-552, nada máis saír da rotonda do Carrefour, collo unha estrada cara a esquerda. Hai que seguir esa estrada durante uns 10 minutos, pasar a Erbelleria, e un pouco máis alá hai un desvío estreitiño cara a esquerda indicado como Coto de Pesca de Verdes.

 

RECUNCHOS DA COSTA

comentarios