Conta atrás para a saída de "La máquina del buen rollo", o terceiro disco de The Rapants

Mentres nos animan a votalos para os premios ari(t)mar, xa preparan o lanzamento do seu novo álbum. La máquina del buen rollo, o terceiro disco de The Rapants, sae á luz o vindeiro xoves 14 de marzo.
A nova creación dos Matías, Samu, Xanma e Xaquín, o cuarteto muradán que asina algúns dos temas máis bailados do pasado verán, como La favorita ou O Avión, chega cun son "máis cañeiro" que nunca e “moi próximo ao que o público pode escoitar en directo”.
Xa coñecemos os dous primeiros avances: Blaster W4u, e Rue Franklin, e xa estamos desexando escoitar nas principais plataformas dixitais (e mercar o CD) as outras sete cancións (Meu Cariño, Tuenti, A Lus, Chusma Rider, Novio Imaginario e Country Asesino) que completan o álbum, un traballo no que conviven as letras e os estribillos “de estilo rapante”, e que destaca pola variedade estilística ao servizo da música disco, do baile e, como reza o propio nome do álbum, ao cabo, “do bo rollo”.
Algúns dos temas do novo disco de The Rapants soarán, como avances, o 9 de marzo en Bruxelas, durante a celebración do festival EmigraSon, mais non será até o 23 de marzo cando teña lugar a festa de presentación oficial do disco, cuxas entradas “voaron” a mañá na que se puxeron á venda: os billetes para a Sala Capitol esgotáronse aos 15 minutos. A resposta do público provocou que a banda reservara, inmediatamente, unha segunda data no recinto o domingo 24 de marzo. As entradas para esta nova cita vendéronse, na súa totalidade, en menos de dúas horas.
A banda muradá afronta o 2024 cunha chea de concertos xa confirmados, como a súa participación no Ourensound, Surfing The Lérez, Portamérica, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros. Ademais, é finalista nos Premios Mestre Mateo do audiovisual polo videoclip de Fai tempo, e é candidata aos Premios MIN da Música Independiente en sete categorías: Mellor artista emerxente, Mellor videoclip, Mellor directo, Mellor álbum de pop, Mellor álbum en galego, Mellor produción musical e Mellor letra orixinal.
Máis novas de The Rapants
- Xaneiro 24: Xa está aquí Blaster for you, o novo vídeo de The Rapants
- 2022: The Rapants unen forzas con Grande Amore.
- Setembro 22: The Rapants sacan nova psico-cumbia con Galician Army.
- Xullo 22: The Rapants fan bailar a todo Ribeira dende unha batea.
- Decembro 21: The Rapants estrearon novo e divertido EP.
- Os muradáns The Rapants gañan o Concurso Sonidos Mans Salas.
- The Rapants maridan cumbia e psicodelia no novo single autoproducido “La Mítica”.
- The Rapants saen de Xira Capital: “As frases pegadizas e os bailes esperpénticos son o noso sello de identidade”.
- 2018: As bandas muradás Lisdexia e The Rapants gradúanse con Teen Records