Tesouros de Berdoias (XIV): As lacenas de abellas
MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS
CONSTRUCIÓNS DE CRÍA E HABITACIÓN DE ANIMAIS (I):
AS LACENAS DAS ABELLAS
Poder achegarmos, con mirada atenta e curiosa, ás lacenas das abellas, esas vellas “tatuaxes” que aínda perviven nas paredes de moitas das nosas arquitecturas rurais, foi toda unha aprendizaxe. AS LACENAS das abellas veñen ser unhas pequenas construcións que permitiron desde moi antigo, e aínda permiten hoxe, que as abellas formasen parte da casa e, xa que logo, cos enxames de abellas na casa ou preto supuxo para os labregos e labregas ter a man a posibilidade de satisfaceren as súas necesidades de mel e cera.
Cando os canteiros costruían as casas-vivenda, e ou outras construcións complementarias da casa coma as cortes, as cabanas, os cabaneis...etc. adoitaban construír tamén nos seu muros uns compartimentos, uns habitáculos para as abellas. Pola súa parte interior viñan ser uns ocos cuadrangulares de ata uns 60 cm de alto, entre 40 cm e 50 cm de ancho, e de fondo o que permitía o grosor da propia parede.
A base do habitáculo, por dentro, vén ser a soleira, unha lousa que adoita sobresair ó exterior como unha repisa ou pousadoiro para as abellas. Nos laterais do interior van dúas lousas que, nalgúns casos, sobresaen polo exterior como abeiros, abrigos coa función de tornachuvias e ou torrnaventos. O oco remata pola parte superior coa tapa , outra lousa que adoita sobresair cara ó exterior coma un topete ou pestaniña coa función tamén de tornachuvias.Finalmente, todo o compartimento queda pechado polo exterior cunha lousa frontal vertical que ten na súa base a piqueira, nalgún caso màis de unha, pequeno buratiño para a entrada e saída das abellas. Unha vez rematada xa a lacena, esta adoitaba pecharse pola parte interior cunha tampa de madeira, precintada con bosta de vaca polo bordes, e que non se abría ata o momento de facer a castra das abellas: coa retirada da parte dos panais de mel e cera que correspondían.
(Nesta fermosa viaxe pola nosa apicultura, contamos coa inestimable axuda do traballo de investigación que, sobre as Lacenas da Costa da Morte, fixeron o muxián Manolo Vilar, e os fisterráns Xesús García Devesa e David García San León. Contamos tamén coas investigacións sobre a importancia do mel na Costa da Morte feitas polo porteño Rafael Lema, e a súa vez coa colaboración e asesoramento da estudosa e divulgadora do Patrmonio, a muxiá Carme Toba).
Partes dunha lacena, polo interior
Partes dunha lacena, polo exterior
Tampa de madeira que pecha a lacena ata o momento da castra
En Sta Cristiña, retirando a tampa para iniciar a castra
Afumando os panais de cera e mel dunha lacena
Cortando para extraer parte dos panais
Parte dos panais que se deixan na lacena para alimentación das abellas
Porción de panal, para separar cera e mel
TESOUROS DE BERDOIAS
- Tesouros de Berdoias (XIII): Cabazos vellos, cabazos novos. Cabazos pequenos, cabazos longos….
- Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I).
- Tesouros de Berdoias (XI): Dous fornos na propia casa-vivenda.
- Tesouros de Berdoias (X): Fornos Grandes - Fornos Pequenos.
- Tesouros de Berdoias (IX): Os Fornos:
- Tesouros de Berdoias (VIII): Os Muíños.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (VII): Unha parroquia de 35 Eiras.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (VI): A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (V): A Eira do Carmelo.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (III): A Eira de Rúa e a Eira da Gaia.
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (II): A Eira do Sores, en Romar..
- Tesouros da Parroquia de Berdoias (I): A Eira da Rata