Mércores. 28.10.2020
El tiempo
José Luis Louzán
22:41
13/07/20

Vaite

O sucedido onte non ten moitas voltas. Cando unha maioría decide algo, en democracia, o decidido é lei. E punto. Pero, de igual xeito que un ou unha son libres de votar aquelo que pracen, eu tamén sou libre de opinar o que considere, nos límites da mesma lei que nos ampara a ambos. Creo que merezo unha explicación. Creo que merezo varias, abofé, e aínda que pensei bastante en coma ía dicir todo isto non atopo xeito algún de facelo de maneira delicada. Eu non son así.

Así que, indo ao gran, creo que debemos saber, todos, a que se debe este empecinamento dos galegos e galegas no suicidio. Este ánimo en desfacer o país de xeito consciente, elexindo sempre aos mesmos para que desfagan a vontade, coma levan facendo dende hai anos. E me pregunto…

Por que Feijoo obtén unha maioría superior a anteriores comicios cando cada vez o vota menos xente? O de onte foi o seu peor resultado coma candidato do PP e o peor do partido dende o 89, cando a Fraga en solitario o votaron 583.579 persoas. Foi peor o resultado de AP no 85, con Fernandez Albor, pero ese ainda non era o actual PP, esta máquina de desfacer e manipular, a altura do NSDAP da alemaña do 33, que curiosamente tamén logrou converter o apoio do 47% dos electores nunha sorte de maioría absoluta.

Como é posible que, cando a maioría vota por outro candidato, un acabe obtendo a maioría dos escanos? Sei que a Lei de Hon`t de marras ten estas cousas, pero sempre me pareceu de xulgado de garda que a ninguén se lle ocorrese crear un mecanismo que regulase que cando a un non o votan máis da metade dos electores non ten en ningún caso opción de gobernar en solitario.

Por que Galicia en Comun/Anova/Mareas desapareceu da política galega?
Non estou a finiquitar aos tres dun golpe, pero os feitos aritméticos merecen tamén ser claros: Toné como candidato é unha cagada a niveis siderais. Por razóns obvias, a tropa que saiu da explosión descontrolada do BNG en 2012 acabou en AGE, en Podemos e logo en En Marea, provocando que os egos, a endogamia, o sectarismo e a agresividade se fixeran sitio nun proxecto que era puro en esencia, pero que naceu morto.

O único que certifica o resultado de onte é esa morte. E só agardo que sirva tamén para librarnos dos Toné, as Pam e os Panchos de turno e que nos permita albiscar un incerto futuro onde, a fin, teñamos capacidade para que exista unha alternativa real a “dicta-branda” do BNG e o PSdG, empeñados no erro elección tras elección. Persoas hainas, pero dubido que estean dispostas ao sacrificio que se presenta trala enorme desfeita materializada por Antón Gomez Reino, Ángela Rodríguez, Eva Solla e demais... e polo empecinamento de Pablo Iglesias e de Madrid en querer que todo sexa coma debe parecer e non como debe ser. En 2017 escribín xa sobre o feble e triste nacemento da formación que foi logo En Marea. Coma sempre, ter razón e que sexa totalmente inútil é algo ben triste.

Por que para que goberne a esquerda en Galicia deben ir votar mais do 60% dos galegos e galegas?
Cando Touriño e Quintana lograron o pacto en 2005 precisaron sumar entre os dous 867.557 votos, 300.000 votos máis que os que onte sumaron Pontón e Caballero. Claro que en 2005 acudiron a votar un 5% máis persoas que onte, que é unha diferencia ostensible.

Vai ser moi complexo lograr resultados así, pero pensade que naquelas eleccións a Fraga o votaron nada menos que 131.000 persoas máis que as que votaron a Feijoo onte. E aínda así, perdeu a maioría. Feijoo perde o apoio do total da poboación da capital de Galicia, pero acaba cunha maioria superior a de Fraga en 2005... para pensalo. Lexitimidade non é o mesmo que estar lexitimado.

Por que o BNG se flipa da maneira que o fai co seu resultado de onte?
Os 310.137 votos que colleitou Pontón son 1.000 menos que os colleitados en 2005 por Quintana (que si logrou gobernar), 36.000 menos que os que sacou Beiras no 2001 e 85.000 menos que o mellor resultado histórico do partido en 1997. O BNG de hoxe e aquel comparten que o seu resultado serve exactamente para o memo: para nada en absoluto. A tan cacarexada “concentración do voto da esquerda” só serveu para acabar coa pluralidade e volver ao parlamento pre-AGE, cunha oposición máis pobre, máis acomodada e menos útil (si é que a oposición en Galicia serve realmente para algo, que non o creo).

E por último. Por que perdemos a pouca dignidade que nos quedaba?
Para esto non teño unha explicación persoal, pero si unha clara idea do que considero que debe pasar agora cos e cas galegos e galegas.

Para empezar, a Verín deberían sacarlle xa o paritorio. É obvio que non o queren, despois de ver como o PP que estivo disposto a poñer en perigo a saúde das futuras nais e dos nenos e nenas (os poucos) que por alí naceran logrou unha ampla maioría neste concello.

De igual xeito a finalización da autopista pola Costa da Morte non debe ser en ningún caso unha prioridade (como xa manifestara Antón Losada, que dúbida cabe), a vista de que para unha enorme maioría de residentes nos concellos da bisbarra a opción favorita nestas eleccións foi o PP.

De paso creo que deberían, xa, desmantelar o Hospital, e acabar cos centros de saúde de Zas, Cee ou Fisterra... e nada de pediatra. É obvio que por estes lares hai recursos suficientes para pagar un privado.

Tamén é mester que se acabe con calquera sorte de apoio ao sector pesqueiro, ao industrial ou ao gandeiro. En Mazaricos, onde a gandeiría é clave, o 63,43% dos que votaron, elexiron ser exterminados como gandeiros e que sega o peche de explotacións e a emigración.

En Fisterra, onde a pesca segue a ser básica para a economía local, case a metade dos que votaron o fixeron a favor da fin da pesca de baixura e do desmantelamento da pesquería do polbo e das artes menores.

En Cee, onde a fábrica vive os seus últimos días (unha agonía é evidente cando unha empresa traballa ao 26% porque quere) votan aproximadamente 5.500 electores. 1689 votaron polo PP así que, sen ser ningún fenomeno da estadística, é obvio que un número non pequeno dos traballadores desa fábrica que ou ben están nun ERTE sen xeito ou ben camiño da prexubilización votaron por Feijooo.

Polo tanto, está claro que unha maioría deses traballadores queren que todo siga igual, que a fábrica peche e que se explote con liberdade o embalse e os seus redementos sen que vexamos un peso. Eles tal vez teñen dabondo con esa sorte de pluriemprego que se admite, con ese non falar de aqueles que teñen como segundo soldo o da fábrica porque en realidade son labradores, electricistas ou carpinteiros e viven ben con esa sorte de economía sumerxida que o PP admite porque é unha forma máis de miseria publicamente complice e historicamente triste.

Non cabe o dereito ao pataleo. Non cabe a pelexa pública, a loita obreira, o pranto e o rechinar de dentes. Tedes o queredes. Jodédevos. Non podo dicilo máis claro.

Coma escribín xa en abril do ano pasado: “No actual panorama a única cousa que a min se me ocorre é pedirvos que marchedes”.

Agora puntualizo que volo pido aos que aínda tedes dignidade e decidístedes que non era minimamente razoable votar ao PP. Fuxide.

Pemitídeme citar a frase de Alfredo ao mozo Totó, Salvatore, na icónica “Cinema Paradiso”, cando este está a piques de coller o tren e abandonar a vila que foi a súa casa dende a infancia: “Esta vila está maldita. ¡Vaite!, vaite é non volvas nunca. E se algún día tes morriña e regresas, non me busques. Non toques na miña porta porque no che abrirei. Busca algo que che guste, e fagas o que fagas, ámao; como amabas a cabina do Cinema Paradiso cando eras neno”.

 

OUTROS ARTIGOS DE JOSé LUíS LOUZáN

DE QUE ESTAMOS FALANDO...

INFORMES SOCIOECONóMICOS DE JOSé LUíS LOUZáN

comentarios