Sen novidade pola Costa da Morte
Rematado xa 2019, a Costa da Morte consolídase, politicamente, como un territorio tinguido de vermello onde, cousa ben rara en Galicia, a cor azul brilla pola súa ausencia.
Pero dá a impresión que as tendencias socio-económicas deste territorio non mudan. Ao contrario, a Costa da Morte mantén comportamentos máis semellantes á da Galicia interior que a da Galicia Costeira: mingua demográfica sostida, regresión económica, índices de paro que nin o incipiente desenvolvemento do turismo consigue absorber, emigración interna e externa alimentada pola crise do 2008 pero que non ten visos de reconducirse, niveis de servizos básicos manifestamente mellorables, etc. Etc.
Houbo intentos no pasado de abordar a resolución destes, e outros, problemas dende a colaboración intermunicipal e a implicación da sociedade civil. Os egoísmos de uns, o filibusterismo de outros, a concepción de moitos de que a depredación é o estado natural das cousas, e un montón de egos, fixeron que o proxecto acabase contra as pedras.
Pero un proxecto supramunicipal, que conte cun amplo respaldo do que se ven chamando a sociedade civil, nunca o tivo tan fácil. A lo menos dende a perspectiva ideolóxica. Se cadra alguén poida pensar que, dende o seu pequeno reino municipal, pode abordar todas as carencias que fan imposible a incorporación da Costa da Morte ao mundo desenvolvido e a unha economía que permita o asentamento humano e económico, pero ningún dos concellos que conforman a vella Costa da Morte ten entidade por si só para unha empresa dese nivel.
Nas novas corporacións hai xente que teñen un nivel académico moi superior aos seus predecesores polo que non parece que aí estea a eiva. Hai que recorrer, pois, á política como elemento dinamizador. Nese terreo é onde está o xogo. Pero tampouco parece que os actuais alcaldes e alcaldesas desmerezan aos anteriores, así que, ou ben non ven a necesidade ou ben consideran que é unha empresa imposible.
No novo escenario político que nos toca vivir estamos vendo que o pastel do orzamento vaise repartir en moitas máis porcións que ate o de agora. E só ten capacidade de influír politicamente quen ten peso político polo que parece de sentido común que, quen fale en nome de 50.000, ten máis posibilidades de que o escoiten que si fala en nome de 5.000.
Telecomunicacións, enerxía, internet, sanidade, educación, paro, despoboación, política pesqueira e política agraria común, entre outros moitos temas, só poden ser abordados dende a colaboración e a cooperación supramunicipal e, quizá, non se presente outra ocasión en que se repita unha situación tan favorable para abordalo dende unha perspectiva progresista.
Como diría a do anuncio, eu aí o deixo por si fose de interese para alguén. Moita esperanza non teño, debo confesar.
- Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.
OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA
- Non foi sen tempo.
- Consultas á militancia, ou cando máis votar non implica máis democracia.
- El perro del hortelano.
- O soño da razón produce monstros
- O voto como mellor arma contra os reaccionarios.
- Patriotismo de boquilla.
- O mapa político da comarca é monocolor.
- A Costa da Morte tínguese de roxo.
- Pero... existen Eleccións Europeas na Costa da Morte?.
- A Mostra acada a madurez.
- As Primarias derivan en Cesarismo.
- Un esperpento chamado Operación Orquesta.
- A igualdalde que hai que gañar cada día.