Martes. 19.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
12:26
23/01/20

O Pin Parental, ou como chicar o mar cun tolete

pin parental
pin parental
O Pin Parental, ou como chicar o mar cun tolete

Andamos nestes días enredados no GRAN DEBATE do PIN parental baixo a batuta dos neofranquistas e a colaboración inestimable da derechita e da dereita covardes e desnortadas. De Casado pouco se pode agardar. A este paso o Partido Popular será fagocitado por Abascal nun “virar de la mano”, que se di no meu pobo. De Arrimadas... esta señora sácaslle o monotema do separatismo catalán e non sabe de que falar. Fixo un gran traballo en Cataluña, acadou o voto maioritario dos cidadáns que rexeitaban a independencia e as formas dos promotores do golpe de estado e, con toda esa bagaxe, pillou porta e deixou aos seus electores orfos e abandonados. Agora adícase a facerlle as veiras a un cadáver político e a facer seguidismo da irracionalidade de VOX.

A meu pai, cando vía que alguén tentaba facer algo imposible, utilizaba unha vella expresión mariñeira: Iso é coma tentar chicar o mar cun tolete! Que, en roman paladín, quere significar que non se poden utilizar métodos absurdos para solucionar problemas reais. Así, os señores de VOX, coidan que si un neno asiste a unha charla sobre os problemas que ocasionan as drogas acabará sendo drogadicto; ou si a uns adolescentes se lles dota de coñecementos sobre sexualidade acabarán na pornografía ou convertidos en violadores. Incluso Abascal chegou a falar de abusos sexuais a menores de seis anos! Sendo mal pensados habería que preguntarse en que colexio, e en que sistema educativo, se escolarizou o señor Abascal.

Todo este movemento absurdo e troglodita ten as súas raíces na filosofía creacionista de integristas americanos. Si, eses señores que defenden que a terra é plana, que Dios creou as cousas tal como son e que a teoría da evolución son andrómenas do diaño. Así, Monasterio (venlle o nome como anel ao dedo), ponse en trance cando anuncia tódalas maldades que os roxos, comunistas, separatistas, e tódolos istas do mundo, ensinan nos colexios españois baixo o amparo, non se perdan isto, DUNHA LEI EDUCATIVA PROMOVIDA E IMPOSTA POLA MAIORÍA POLÍTICA DO PARTIDO POPULAR!! Cágate lorito!!

E sen embargo erra a señora Monasterio, erra, Abascal, erra (e isto é o mais grave de todo) Casado, cando pensan que abrir as mentes, estudar e analizar á sociedade e os seus problemas condiciona a nosa xuventude. Nada de iso. Eu, coma milleiros de nenas da miña xeración, educóusenos en colexios relixiosos. Eu, en concreto, pasei case seis anos da miña vida, interna. Agradezo enormemente os valores que alí me ensinaron pero, na miña evolución persoal, algúns mantívenos e outros desboteinos porque se demostraron falsos. De toda a miña promoción no internado solo coñezo a unha persoa que se declara crente e practicante mentres que tódalas demais somos agnósticas ou directamente ateas. E non foi por falta de adoutrinamento! Miña naíña querida! Misa e rosario diarios, exercicios espirituais, charlas e prédicas continuas... E tan boa amiga é a que se declara crente como a mais furibunda atea.

Isto non é unha guerra entre políticos. Isto é un bastión da liberdade que ten que existir nas aulas. Si os pais deixan que un pequeno reduto de ultraconservadores, acabe impoñendo o seu credo fanático ao conxunto da sociedade, entón si que teremos un problema superlativo. Estaremos volvendo ás épocas en que o Estado nos dicía como vestirnos, como amar e a quen amar, ou como pensar. Igualiño, igualiño que aquelas sociedades que VOX amosa como malas malísimas para a nosa sociedade: Afganistán, Arabia Saudí, etc, etc.

Viva a pura contradición!

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios