O país das abellas
Hai anos publiquei este poema, de referencias tan claras que dispensan calquer comentario. Acaso podería dicer, contradicindo o último verso, que nada estaba listo para a chegada da noite. Ou ollabamos o lusco fusco e a luz que fuxía pola fiestra, entre os trobos das abellas e as cores dos fatóns, mais pensábamos que iso non ía acontecer, que todo ía ser un demorado crepúsculo. Mais a chegada da oscuridade precipitouse, facendo máis breves as horas.
Agora o pai descansa en paz, no cimeterio da parroquia que sempre amou. As cruces de pedra érguense contra unha tarde de abril e paxaros. O poema é a palabra que nos quedou prendida no voo das abellas, para facer que aquel instante perdure na memoria.
A nai saíu a recibirme co aceno e o sorriso/ dunha luz de media tarde que se perde
entre o xardín e a fiestra da cociña/ No fondo da horta, o pai anda a queimar
Restoballo, follas, ramalla. / Envolto no fume, dame o parte semanal:
As árvores reparadas, a florir, / Os fatóns recollidos en cestas de vime,
A erva ceifada/ Podada a sebe onde aniñan merlos e verderóns.
“Este ano non cantou o malvís”./ E como nun pacto antigo, evocamos o canto/
afrautado e poderoso doutras primaveras./ Os insectos perfeccionan as súas danzas,
Zoando nas abas da tarde. / Entre as maceiras, a nai achégase aínda áxil
Para anunciar que o café está servido./ No país das abellas todo está listo para a
chegada da noite.
Novas relacionadas
- Miguel Anxo Mato Fondo conta a súa Trave nun novo libro.
- Entrevista 2018 con M.A. Mato Fondo: “Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”
OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO
- Return forever (III).
- Return forever (II).
- Return to forever.
- A Winter shade of pale.
- O Mestre dos paxaros.
- Afectos y canciones. Victoria Carande.
- As Brañas da Memoria.
- Viaxe ao fondo da memoria.
- Lembrar (a Paco Souto).
- As mulleres de Viki Rivadulla.
- Eduardo Pondal: “Un recuerdo a mi patria” (1857).