Domingo. 28.04.2024
El tiempo
Nando Lestón
14:34
02/11/23

ASPAFIN, a Asociación de Pacientes do Finisterrae

ASPAFIN, a Asociación de Pacientes do Finisterrae

Ás veces resulto tan elemental que me dou pena a min mesmo... porén para poder observar a vida, na súa esencia, un pouco elemental hai que ser, deste xeito disfrutas dunha mirada pouco sobrecargada, simple e que capta inmediatamente as eivas, que o abandono do sentido común dá por boas ou normais.

Pero unha cousa é certa para todo mundo... somos blandos e imperfectos.

E o deseño tampouco semella rematado, está en constante evolución ou involución, segundo se mire; de entrada dependemos dunha única cousa para vivir, o noso corazón.

E coma cando dependes só do turismo... se este falla...

Hai muita diversidade no noso corpo, muitos órganos e arterias e músculos e ósos... todos eles non son nada se o corazón falla. E falla, polo tanto non é fiable e se non é fiable, coma tódalas cousas, só é útil mentres funcione.

Estámonos acostumando a vivir con máis ou menos calidade de vida, muitos anos. Se unha persoa morre aos cincuenta dicimos que era mui novo; se morre un neno o cura di que o levou "nuestro señor", nunca entendín que fan tantos nenos alí e tan poucos aquí.

Vidas son todas; máis curtas ou máis longas, vidas son todas.

Por esa imperfección ou pouca fiabilidade dos elementos vitais que se xuntan e colaboran para que vivamos, a incerteza da nosa durabilidade, dá como resultado que vivamos a vida, se podemos, a todo trapo e o trapo vai collendo lixo e despois non hai quen o lave.

Nunha palabra, tal imperfección no deseño, fai que novos e vellos se poñan, nalgún intre das suas vidas, enfermos.

A enfermedade nace do deterioro ou do desequilibrio das partes que compón todo o noso corpo, miolos incluídos.

Porén as mans aplauden.

A capacidade de olvido e sufrimento da poboación humana non ten similar. Iso sen entrar na apatía, mal endémico dos tempos actuais no que nin se mira nin se comproba, simplemente se critica ou se cuestiona. 

Cuestionar é un principio para pensar e pensar fatiga, por iso só se critica ou se cuestiona e non se pensa.

Na pandemia chegaron a cuestionar que era máis importante, se a saúde ou o diñeiro. Ganou o diñeiro. A Cencia recetounos "refuxio".

Pagáronse as vacunas ao precio que se pediu. As mascarillas ó precio que se pediu... e nós, mentras, na casa... iso é todo o que se podía facer por nós... e aínda así se cuestionou... a morrer toca.

A saúde é como un estado de gracia... mentras dura nin te enteras e cando acaba "berras polos de francia".

Pero ao que iamos. A saúde.

A poboación mira, como coello na estrada, como a sanidade en xeral e concretamente a Costeira se vai indo polo desaugadoiro sen que apenas os pequenos fius de berro que chegan a Santiago e despois a Madrí, se escuiten. 

Sigue berrando na taberna, na túa casa, na parada do bus ou na misa, que xa ves o caso que fan. Pero aplaudir, aplaudimos, con esas mans que un día terán Parkinson pero que ao outro dia non haberá outras mans que lle axuden... por que estar enfermo é mui caro. Diñeiro, de novo. Diñeiro de todos,de cada un de vós que mira dende a fiestra, cuestionando todo sen facer NADA.

Un Sr. no hospital da Xunqueira berra. Farto de promesas, farto de esperar, mentras a vida se lle pasa e deteriora. O escándalo é de órdago con intervención da Garda Civil que lle di "que non entorpeza o normal funcionamento do hospital".

Á Garda Civil parécelle normal o funcionamento do hospital. Eles non enferman... xa enfermarán... todo o mundo o fai.. a non ser que...

"Daquí non marcho ata que me solucionen o problema", el ten sorte... o problema ten solución. Mándano a urxencias cando é un problema de lista de espera. Mal precedente. Imos todos a urxencias e así ninguén se nos "colará". Porque o Sr. Solucionou o problema, pero colar, colouse....e fixo ben?... Cada un mira polo seu. Outros seguen esperando.

Un acto deseperado, a iso imos estando abocados... a actos desesperados.

Hai un rapaz da miña zona, Juan de Tingla, chámase. Juan pasou coa súa nai por situacións mui duras, durísimas, desas que a vida che pon unha vez e é abondo... demais.

Juan de Tingla leva intentando, dende fai muitos anos, artellar unha Asociación de pacientes, ten nome e todo. ASPAFIN (Asociación de Pacientes Finisterrae). Leva anos peregrinando por hospitais, concellos e administracións, de xeito altruista, luitando dende as súas propias carencias, con fe, tamén con desánimo. Alcaldes, concelleiros, administracións, directivos de hospital... o 99%, se non se rín del, cérranlle a porta. Disque é un "pesado". Supoño. Hai que selo.

Por non ter non ten nin un local onde facer as actividades; porén, no periplo con sua nai, coñeciu xente de ciencia, da elite que o apoia en determinados recursos pero el ten que sentar as bases.

Á porta da casa non lle fan caso.

O proxecto-idea non só é boa, senón necesaria. Necesario artellar unha base humana e social para poder afrontar ca mínima dignidade e desgaste persoal, a enfermedade que chegará. Sempre chega.

aspafin

Alguén, non volo direi, contoume este caso... de primeira man.

Unha Sra. Estaba aos berberechos unha mañá calquera e chegou SEPRONA e díxolle que tiña que tirar os berbechos que collera. Ela ,amablemente, díxolle que levaba máis de dous anos sen probalos e que os seus fillos tiñan ganas deles. 

O garda, mui amablemente, díxolle que "a mi sus hijos me importan bien poco", e a muller procediu a tiralos e despois puxéronlle unha multa de 200 euros. O outro garda comentoulle ao compañeiro que tampouco era preciso ese escarmento. "La ley es la ley y es para todos".

Pero tate que debe haber unha lei divina e o garda enfermou e acabou no hospital.

Sabedes quén era a enfermeira que o atendiu durante cinco semanas naquela habitación compartida?... A que si....pois sí... a dos berberechos.

Coñezo ben esa alma humana, esa que sempre mira para outro lado como se as cousas non foran con ela e espera, despois de botar sapos pola boca, que outros se mobilicen e fagan o preciso para conseguir dereitos aplaudindo dende a ventana.

Coñezo ben aos directores de hospital, a maior parte deles postos por algún partido ao que representan dende un despacho do que nunca sale cousa boa, insensibles a dor, administran corporativamente o seu feudo para que dean as contas.

Coñezo a algúns supervisores/as de planta, que máis que traballadores da saúde semellan psicópatas nun purgatorio, espabilando ás enfermeras ás que non concede tregua, nin tempo para sazonarse co xefe de equipo a quen lle ten que dar contas... as compañeiras, enfermeiras coma ela... que lles dean. O importante é quedar ben "cos darriba".

En pandemia escuitouse muito aquelo de... "niñas, somos enfermeras, debemos darlo todo".

Dérono todo e nada mudou.

Coñezo ben a médicos que fixeron turnos maratonianos, pero tamén coñezo outros que fixeron quirófano ata o deshaucio e non por aliviar as listas, senón para meter na saca máis pasta... e despois... á Privada.

Coñezo ben o desánimo das enfermeiras, que facendo turnos de mañá e nuite, limpando babas e cús, que non son seus, cobran e contratan coma "putas en cuaresma".

Coñezo ben a os partidos políticos que dividen a os traballadores para que non fagan frente común na millora das suas vidas laborais.

Quen se acorda das mareas de batas blancas... cantos cidadáns saen ás rúas en vez de aplaudir?

Coñezo ben o gueto no que se convertirá a nosa sanidade se a deixamos nas mans de quen cobra por outro lado... mercaderes da saúde.

Pero Juan de Tingla segue adiante.

Dende as súas carencias pregona a necesidade de unirse e formar colectivos para que os administradores dos nosos impostos fagan co noso diñeiro o que lles pedimos. Invertir en saúde. E sobre todo en prevención.

Juan de Tingla está máis só que a unha; esta sociedade en canto ve unha boca torcida, un xesto singular atrofiado, un acto de vehemencia por frustración, borra todo rastro de razón e de atención e alguén lle dí que "xa está cansado de velo,sempre ca mesma historia".

A Juan de Tingla muitos xa non o toman en serio e máis lle valería facelo contrario, pois este é un asunto de case todas e mui serio.

Juan de Tingla quere un local, precisa un local para comenzar a andar.

Precisa informar á xente, dos seus deberes e dereitos como paciente. Juan é ambicioso e quer tamén impartir talleres para enfermos e familias. Juan  de Tingla sabe ben da tristura da luita en soedade, peregrinando con sua nai dende mui novo, polos hospitais.

Juan de Tingla fixo amigos entre os doutores que unha longa tempada tiveron a sua nai nunha burbulla de plástico, transparente pero inaccesible. Doutores importantes porque o deron todo; tamén o animaron a seguir co seu proxecto.

Todos e todas, entre a vida e a morte está, con case toda seguridade, a enfermedade das persoas.

Xente que aplaude pero non esixe máis que diante da cara dun médico ou enfermeira, sen saber que eles son peóns dunha partida na que se nos dí que estar enfermo é mui caro e que este Sistema non se sostén. Mentira podre.Xestores Tabernarios que se encapsulan na Privada.

A torpeza, codicia e vanidade humana tamén son unha enfermedade... unha enfermedade que produce ricos a tutiplé.

Juan de Tingla, coma todos, ten carencias... pero tamén ten un propósito. Crear unha Asociación de pacientes e Familias, pero para elo fai falta unha base social que lle de corpo e forma. El xa ten muito adiantado.

Veremos a ver se seguimos aplaudindo como cretinos para despois chegar ao punto de colarnos uns diante doutros... (sen acritude).

Cando as cousas chegan ó "vivo", xa se sabe... "vida por vida primero la mía".

Juan de Tingla xa lle ten nome á este asunto... ASPAFIN (Asociación de Pacientes Finisterrae), con alcance en toda a Costa da Morte e esta Asociación xa está rexistrada no rexistro de asociacións da Xunta co número 218-022081. 

E tamén ten un correo... [email protected]

E tamén ten un tfno... 647 667 546

El chámase Juan.... Juan de Tingla.

Eu xa son socio.

PD..  Máis cedo que tarde faceremos unha presentación para a captación de socios... Xa se vos irá informando... andamos a voltas ca páxina.

SAÚDE PARA TODAS.

  • Nando Lestón. Artista, pintor e escultor que vive en Carnota.

MÁIS INFO

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

Comentarios