Tesouros da Fundación: Papoula Silvestre
- Papaver rhoeas - Carl von Linné, 1753
Lugar de compra: EMILE DEYROLLE (PARÍS) Cronoloxía: 1890-1891.
A papoula silvestre é unha especie fanerógama do xénero Papaver pertencente á familia Papaveraceae (Papaveráceas).
É unha planta de ciclo anual que pode acadar uns 50 cms de altura. Posúe talos erectos e pouco ramificados, con peliños moi finos. As follas que nacen alternas ao longo do talo, sen pecíolo, son pinnadas e moi dentadas nos marxes, cunha única nervadura central.
As flores, de cor escarlata intensa, case esféricas, posúen 4 finos pétalos e 2 sépalos peludos. Os pétalos son moi delicados polo que as flores non poden usarse en adornos florais.
O froito é unha cápsula verde pálida, de forma cónica, cunha especie de tapa na parte superior (opérculo), contendo numerosas sementes que escapan a través das fendas do opérculo. Florecen de principio a fin da primavera.
A papoula asociouse á agricultura dende épocas antigas. O seu ciclo vital adáptase á maioría dos cultivos de cereais, florecendo e engraecendo antes da recolección das colleitas.
Os pétalos e as cápsulas das papoulas úsanse para combater a tose en nenos e maiores. Tamén, debido a que conteñen un alcaloide de efectos lixeiramente sedantes, chamado rhoeadina, empréganse para facilitar o sono. Os pétalos úsanse tamén en forma de tisana ou de xarope.
Os herbarios da Fundación
Dentro das coleccións que formaban parte do gabinete de Historia Natural da Fundación, mercadas na casa de material científico Emile Deyrolle de París no 1890- 1891, algunhas chegaron á actualidade practicamente intactas (fósiles, minerais), mentres que outras perdéronse por completo, debido ao inexorable paso do tempo (bolboretas, insectos, crustáceos).
Polo que se refire aos herbarios, dos 9 iniciais compostos por máis de 1000 especies, chegaron a hoxe en día 892 especies, algunhas das cales se atopan en bo estado de conservación.
En botánica, un herbario (do latín herbarium) é unha colección de plantas ou partes de plantas desecadas, preservadas, identificadas e acompañadas de información sobre o sitio de recolección, nome común e usos.
Este concepto de herbario é relativamente moderno. De feito, nos séculos XV e XVI, a palabra herbario tiña unha dobre acepción. En primeiro lugar empregábase para designar un libro no cal se enumeraban, describían e ilustraban principalmente plantas medicinais e os seus usos. En segundo lugar, tamén se usaba o termo herbario para referirse a un conxunto de plantas vivas cuxo propósito era o estudo ou o ensino da botánica.
- Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.
OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN
- Pirómetro de Cuadrante.
- Pila en columna de Volta.
- Gravado “A Virxe do Peixe”.
- Custoria ou Ostensorio.
- Cristo Crucificado (óleo).
- Monumento dedicado a Fernando Blanco de Lema.
- Gramófono.
- Modelo Locomotora de Crampton.
- Telégrafo de Morse.
- Cámara escura fotográfica.
- Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo.
- Máquina de escribir Underwood Nº5 .
- Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia.
- Fonógrafo de Edison
- Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee).
- Óleo de Fernando Blanco de Lema.