Os percebeiros volven este sábado ás rúas trala nova claudicación da Xunta ante os bateeiros

Trala mobilización de Ribeira, percebeiros de todo o país volveranse manifestar este sabado 15 de abril nas rúas de Santiago de Compostela. A concentración realizarase dende as 11:30 ás portas de San Caetano nunha pelexa “contra as chapuzas políticas no mar”.
Unha mobilización convocada despois das últimas idas e vidas dos quilómetros protexidos da esquilmación da mexilla. Para explicalo hai que retrotraerse a maio de 2020, cando, ante as polémicas xurdidas entre bateeiros e percebeiros, e tralas protestas dos segundos ante a permisividade absoluta dos primeiros, a Xunta decidía protexer da extracción da mexilla apenas 50 dos 1.700 km de costa galega, no marco do decreto de explotación marisqueira do Plan do Percebe 2021-2024. Cómpre sinalar que mexilla e percebe medran mellor xuntos nas rochas, e que o paso dos bateeiros adoita implicar unha esquilmación total de ambos recursos.
Pero os bateeiros “queren todo”, lamentan dende o sector percebeiro, que vén como o lobby do mexillón controla o discurso, os medios, e ata a Xunta. Así, e ante as protestas dos bateeiros polo que consideran un ano de baixa colleita, a Xunta acordaba o pasado marzo reabrir algunhas desas zonas de reserva para a extracción de semente de mexillón e zonas de explotación exclusiva de percebe. En concreto, devolvían 25 deses quilómetros que foran protexidos o ano pasado.
Pero o procedemento, a modificación do decreto de explotación marisqueira con esas resolucións, administrativamente non foi correcto, como denunciaron as Federacións de Confrarías. A Xunta tivo pois que volver a pechar esas zonas á extracción da mexilla.
Pero non vai quedar así o conto. A Xefatura Territorial da Consellería do Mar vén de enviar hoxe unhas cartas ás confrarías para realizar correctamente o procedecemento de apertura destes 25km protexidos. A carta considera que “a confluencia de condicións meteorolóxicas adversas e de mareas de escaso coeficiente fixeron que o período inicial de extracción de semente de mexillón en rocha non fose substancialmente produtivo para a recolección de mexilla”, polo que noutro exercicio de rendición ante o sector bateeiro, a Xunta reabre o procedemento para devolverlle esas zonas aos bateeiros.
Así, a día de hoxe aínda segue habendo certas zonas protexidas, por Laxe, Muxía ou Corme, pero un territorio ínfimo comparado coa absoluta liberdade que teñen os únicos extractores da semente do mexillón en todo o país, que non teñen que render contas de onde van coller recurso, de canto colleron nin teñen que pasar por lonxa, como si teñen que facer o resto de sectores marisqueiros.
Así, volverá haber buses dende a zona para a manifestación do sábado en Santiago.
NOVAS do conflto da mexilla
- Abril 23: A esquilmación da mexilla: "Deixa ir ata ver”.
- Marzo 23: Percebeir@s do país berraron en Ribeira que "o percebe non se toca".
- Novembro 22: O PSOE e PP únense para devolver a impunidade ao sector da mexilla fronte ao percebe.
- Xaneiro 21: A extracción da mexilla volve poñer de manifesto a dobre vara de medir da Xunta cos percebeiros.
- 30-11-21: Estas son as zonas de 5 Concellos da Costa nas que a Xunta limita a extracción de mexilla para garantir a convivencia co percebe.
- Setembro 21: O TSXG ampara unha medida da Xunta para comezar a restrinxir zonas de extracción da mexilla.
- Os percebeiros de Galicia envíanlle o CV á Xunta ante o risco de desaparición da súa profesión.
- Xaneiro 21: Sen solucións ao problema da mexilla 8 meses despois dos conflitos entre percebeiros e bateeiros.
- 15-10-2020: Os percebeiros de Muxía tiveron que acodir ao Xulgado por unha denuncia dos bateeiros da Arousa.
- 30-05-2020: As confrarías trasladáronlle o seu malestar á Conselleira por situarse do lado dos bateeiros.
- 26-05-2020: As confrarías consideran ridícula a proposta da Xunta de excluír da extracción da mexilla só 50 dos 1.7000 km da costa atlántica galega.
- 21-05-2020: “O pobo sentíu unha humillación pola invasión dos bateeiros, como cando os falaxinstas chegaban a desvalizar as casas”.
Outras novas
- Marzo 23: Percebeir@s de Galicia únense na Asociación PERCEGA un día antes de manifestarse contra a permisividade da Xunta cos bateeiros.
- Xaneiro 22: Os percebeiros piden incluír a palabra “percebeiro-a” no Diccionario da RAG e da RAE
- Decembro 22: Os Percebeiros da Costa da Morte preparan a súa candidatura como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.