Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Diva Millapan, a loita das mulleres Mapuche na Galería Mulleres

Este mes de abril, Viki Rivadulla quere dedicarlle a Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía a Diva Millapan.
cartel DIVA MILLAPÁN na Galeria mulleres
Diva Millapan, a loita das mulleres Mapuche na Galería Mulleres

Traballadora social. Dirixente actual e fundadora (en 2012) da “Red de Mujeres Mapuche”, unha organización que pretende fomentar a inclusión das indíxenas na axenda política chilena. Dirixente Sindical Nacional das e dos funcionarias/os do “Ministerio de la Mujer y la Equidad de Género” dende 2017 Diva Millapan é mapuche huilliche . Criouse nunha comunidade mapuche rural en Panguipulli. Comezou o seu activismo aos 19 anos, en plena ditadura de Pinochet, traballando nos Centros Culturais Mapuche, que logo se transformaron en Ad-mapu. En 1985, foi detida xunto a tres lamgem(irmá/n de pobo)acusados de instalación de bombas en liñas de ferrocarril e torres de alta tensión e ademais de ter relación coa morte dun carabineiro. Acusacións falsas, pois integraba un grupo de teatro mapuche e non estaba na clandestinidade. Nese tempo foi dirixente de Ad-mapu , pero decidiu seguir participando no grupo de teatro mapuche, que recreaba expresións artísticas propias, era bilingüe en castelán e mapudugun, rescatando a celebración do ano novo mapuche que celebra o equinoccio e que a igrexa católica tiña transformado nunha festa relixiosa.

Diva é consciente de que a muller mapuche segue vivindo unha tripla discriminación: discriminación de xénero, por ser indíxena e por estar en situación de pobreza. Asumiu como bandeira de loita a inclusión da muller indíxena nas políticas públicas do país e durante o proceso de cambio constitucional insistiron en facer paritarios os escanos reservados para pobos orixinarios, pero non foron tomadas en conta na redacción da lei. Segundo Diva as organizacións de mulleres lograron entender a loita do pobo Mapuche, máis aló da estigmatización.

Agora a situación actual é crítica como ela mesma conta:
“Este ministerio non ten unha liña de traballo cara á muller indíxena, por tanto non hai nin un orzamento para os nosos pobos orixinarios, e agora aprobaron leis para reprimir ás comunidades mapuche, hai un gran desprazamento de policía militarizada; asóciasenos co narcotráfico, non teñen nin unha soa proba, ao contrario descubriuse que a policía si ten negocio con madeira roubada, montaxes cara a mapuches que catalogaron de terroristas; asasinaron a varios mozos/as mapuche. Con todo, o goberno xunto á prensa que está nas súas mans oculta a información. A cidadanía cando saíu ás rúas en outubro do ano 2019 levantou a nosa bandeira mapuche en recoñecemento á nosa loita; nunca deixamos a rúa como pobo mapuche e saíunos caro; entristécenos o asasinato da nosa mocidade, a represión constante.
A ditadura non se foi para nós, e tamén temos claro que a violencia cara á muller no interior do noso pobo é un tema que se cruza coa violencia institucional e o noso labor é traballar con alianzas con mulleres de grupos feministas, que aos homes mapuche non gusta tanto. Dende o ano 2020 convocamos á marcha do 8 de marzo e foron marchas multitudinarias incluída a deste ano a pesar da pandemia as mulleres mobilizáronse masivamente.”

O traballo con mulleres mapuche é o que máis gusta a Diva que soña con terminar a súa vida cun grupo de teatro e volver ás comunidades a rescatar coñecemento, por iso decidiu realizar un máster de xénero e cultura e agora está coa tese sobre participación política da muller mapuche.

Artigo relacionado

11 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios