Martes. 08.10.2024
El tiempo

A Galería Mulleres de Muxía cumple 11 anos lembrando a Elena Colmeiro

Segue Viki Rivadulla, a través da Bibilioteca da Muller de Muxía, lembrando a historia en nome de muller. Cumple 11 anos este mes de marzo a Galería Mulleres, e faino cunha lembranza, cunha muller que vén de deixarnos hai pouco.
cartel elena colmeiro na Galeria Mulleres de Muxia Marzo 2021
A Galería Mulleres de Muxía cumple 11 anos lembrando a Elena Colmeiro
A escultora Elena Colmeiro (Costela, Silleda, Pontevedra, 1932-2021) foi toda unha precursora e rompedora na escultura cerámica. Crear a partir dos elementos primordiais. Coa participación dos outros elementos presocráticos -o aire, a auga e o lume- coller a terra e facela arte . Darnos beleza. Dotar de alma aos elementos. Ese é o oficio de Elena Colmeiro:

“Cando vin a Lugo a ver o río Miño en Fontemiña , naquel pequeno estanque prodúcense unhas burbulliñas que dan a impresión que está a auga en ebulición. Eu sentín o mesmo, como unha pequena ebulición dentro que me identificaba con ese querer facer que che sae de dentro cara a fóra e eu creo que mentres teña iso teño moita sorte, un luxo enorme, o día que iso desapareza entón desaparecerei eu, aínda que non fisicamente, pero si desde o punto de vista do traballo” “A irregularidade sempre me gustou, gustábame máis un cacharro que se torcía. Co tempo deime conta de que a perfección ao que levaba era á frialdade.(…) ves aos mestres xaponeses como nas súas mans un simple cacharriño de té medio torcido transmíteche algo ,emociónache de verdade.Imaxínome que un oleiro occidental posiblemente diría: que torcido está!” Elena Colmeiro (en Garrido Moreno “Pioneiros da escultura cerámica galega”)

Elena criouse nun ambiente artístico debido ao oficio de seu pai, o gran pintor Manuel Colmeiro. En 1941 embarca para Bos Aires para reunirse con el que marchara canda a guerra civil española. E alí coñece a intelectuais galegos como Luís Seoane. Aínda que a súa primeira intención era facer Arquitectura estuda na Escola Nacional de Cerámica de Bos Aires e alí xa da mostra do seu carácter rompedor loitando por conseguir a liberdade para crear e propoñer ante o dirixismo do profesorado.

En 1954 realiza a súa primeira exposición na Galería Müller. Regresa a España e casa co escultor Jesús Valverde e como ela mesma conta, a fábrica de vidro do seu sogro vai ser fundamental na súa obra xa que ese espazo dálle unha oportunidade de crear grandes traballos, traballando directamente na plataforma do forno con grandes alturas. Tamén as pezas desbotadas da fábrica espertan a súa creatividade para traballar con pezas fracturadas, vidrados de diferentes texturas, esmaltes e materiais refractarios…

Xa na década dos sesenta Elena é considerada unha das máis importantes escultoras cerámicas da península. Os seus traballos revolucionan o concepto tradicional da cerámica. Viaxará con diversas bolsas para coñecer e traballar en distintos ambientes e técnicas (California, Holanda, Polonia, China...). Obtivo varios premios, fixo mostras internacionais e as súas obras están presentes en diversos espazos públicos. Nomeada académica de honor da Real Academia Galega de Belas Artes (2019), a situación do Covid mantiña pendente o ingreso na mesma.

Nunha visita a Lloréns Artigas este móstralle unha peza a punto de desbotar porque ten unhas burbulliñas e ela dille: “pero iso que importa, se ten a forma a luz e a cor”. Lloréns mirouna e díxolle”canto envexo a túa xuventude e coraxe”. E é que a obra de Elena emociona e sobre todo emociona o que non se ve, a forza dunha muller inaprensible ,a contracorrente e dotando de vida á materia inerte e a aquelo que era refugallo. Buscando sempre novas técnicas e materiais e romper as formas para atopar fendas e texturas imposibles. Pezas desgarradas coma a mesma Terra e a Humanidade, porque na imperfección está a beleza.

  • “Inqueda e innovadora, investigadora de materiais e novas linguaxes non só conseguiu converter en escultura a cerámica, unha materia artesanal e tradicionalmente feminina, senón que creou unha linguaxe persoal rompendo convencionalismos e esterotipos máis tradicionais”. Rosario Sarmiento.
  • “Que ninguén queira atopar na sua obra formas consabidas e a decoración ao gusto dos bazares. O seu labor é un labor de artista e de criadora e a sua galeguidade surxe da intimidade mesma da sua expresión”. Luís Seoane.

Artigo relacionado

11 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios