Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Margarita Salas, a ciencia protagoniza o xuño da Galería Mulleres

Continúa Viki Rivadulla a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía, recuperando a historia en clave de muller. Hoxe vai de ciencia:
Margarita salas Galeria Mulleres Muxia
Margarita Salas, a ciencia protagoniza o xuño da Galería Mulleres

Margarita Salas (Canero, Asturias 1938- 2019), é Doutora en Ciencias Químicas e gran referente da ciencia en España Estudou Química, o que foi unha boa elección debido a que moi pronto deuse conta do entusiasmo que lle xeraba pasar horas no laboratorio de Química Orgánica. Tanto é así, que ao terminar o terceiro curso pensou que o seu futuro podería ser a investigación nesta materia. Durante os estudos coñeceu ao que sería o seu esposo, Eladio Viñuela.

Severo Ochoa aconséllalle realizar unha tese doutoral en Madrid baixo a dirección de Alberto Sols, excelente bioquímico, ao que envía unha carta para que admita a Margarita. Por aquel entón, Sols esperaba moi pouco do traballo científico dunha muller, pero non puido negarse á petición do premio Nobel. Margarita pásao mal polo machismo que a rodea durante esa época. Despois trasládase con Eladio a Nova York, para traballar ambos con Severo Ochoa quen era consciente da pouca 'visibilidade' que podería ter a científica nun mundo dominado por homes, pois na maioría dos matrimonios que traballaban xuntos os descubrimentos adoitaban ser atribuídos ao home, así que os separou profesionalmente. Retornou nos anos 60 a España para introducir o incipiente campo da bioloxía molecular. Traballou intensamente, descubriu algúns dos segredos do ADN e desenvolveu a patente máis exitosa na historia do CSIC, a ADN polimerasa. Firme defensora da investigación básica e amante da docencia, obtivo grandes logros en investigación e formou a moitos científicos e científicas.

Foi recoñecida con numerosas distincións, como o Premio Rey Jaime I de Investigación (1994), o Premio de Investigación e Innovación Tecnolóxica da Comunidad de Madrid (1998) e o Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón e Cajal (1999), entre outros. Recibiu, así mesmo, a Medalla do Principado de Asturias (1997), a Medalla de Ouro da Comunidad de Madrid (2002), a Medalla de Honra da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (2003), a Gran Cruz da Orde Civil de Alfonso X o Sabio (2003), a Medalla de Honra da Universidade Complutense (2005) e a Medalla de Ouro do Mérito ao Traballo (2005). En 2008 depositou na Caixa das Letras do Instituto Cervantes dous cadernos coa investigación realizada no laboratorio de Severo Ochoa na Universidade de Nova York.

Despois de xubilarse obtivo un nomeamento do CSIC de profesora Ad Honorem, o que lle permitiu seguir traballando ata o final no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa CBMSO. Durante a súa intensa carreira publicou numerosos artigos, ostentou cargos á fronte de institucións científicas – como a presidencia da Sociedad Española de Bioquímica, a dirección do Instituto de Bioloxía Molecular do CSIC e do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa e presidenta da Fundación Severo Ochoa. Desde 2015 ten o seu propio museo en Luarca.

Artigo relacionado

11 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios