luns. 02.12.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XXIII): Os pasos: portelas, portais, pasadoiros, portelos, poxados

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.
Tesouros de Berdoias - Os pasos- portelas, portais, pasadoiros, portelos, poxados
Tesouros de Berdoias (XXIII): Os pasos: portelas, portais, pasadoiros, portelos, poxados

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXII):
CONSTRUCIÓNS DO TERRITORIO:
OS PASOS: PORTELAS, PORTAIS, PASADOIROS, PORTELOS, POXADOS

Basicamente, nos valados de pedra podemos distinguir tipos de aberturas de acceso permanente para persoas, animais e carros, coma son as PORTELAS e os PORTAIS.

Para pasar só persoas e ou animais están os PORTELOS. Ás veces estes portelos sustitúense por outros tipos de PASADOIROS coma os de escalón, que son os máis comúns, e os pasadoiros de escada.

A estes habería que engadir pasos temporais, chamados PORTAIROS nalgúns lugares, que consisten na falla do muro nun treito de case 2 m. Nese treito o muro sería sustituído por unha parediña de pedra máis miúda, fácil de desfacer. O Portairo estaría pechado todo o ano e só se abriría para pasar o carro nos tempos da sementeira e da colleita.

No caso das correntes fluviais, a parte das solucións de paso nas que se fai obra (pontes, pontellas) hai outra solución de paso , hoxe case desaparecida en moitos lugares, que son os POXADOS, para pasar a xente, constituìdos por pedras que se colocan en ringleira chantadas no leito do río , a distancia entre elas dun paso dunha persoa.

Velaquí algunhas mostras destes tipos de PASOS na parroquia de Berdoias.

AS PORTELAS, que son as solucións de paso permanente máis comúns para a xente, animais e carros. Na parroquia de Berdoias aínda hai exemplares de portelas con cancelas que utilizan o couzón de pedra para facer o xiro, un vello mecanisco casi desaparecido. Aínda se conserva tamèn , o exemplo de portela temporal, pechada con pedras e que se abre nalgún momento do ano (nalgunhas zonas, este tipo de portelas reciben o nome de portairos).

Berdoias - Portelas

 

PORTAIS en Boallo e Berdoias, de entrada e saída do lugar ou de fincas, son accesos de importantes dimensións., moitas veces asociados a pazos e casas fortes. Lugares de paso para a xente, os animais e os carros. En Berdoias e Boallo houbo e aínda hai varios exemplares.

Berdoias-Portais

O PASADOIRO DE ESCADA no Va Pedroso. A carón do camiño que vai de Berdoias a Boallo, polo que discorre hoxe a Vía Mariana, moi pretiño da ponte do Va Pedroso e das alvarizas de Francisco, atopamos un singular en enxeñoso pasadoiro que, pola parte do camiño, tén unha estrutura de pedra á que se lle acoplan dous banzos de madeira a xeito dunha escada. E por dentro do valado, o mesmo pasadoiro ten habilitados dous ocos na parede para colocar os pés.

Berdoias-Pasadoiros

 

UN PASADOIRO DE ESCALÓNS na Pedra do Frade, do tipo máis común, só para pasar a xente, e que se compón duns escalóns feitos con pedras que sobresaen do muro, e polo que soben en diagonal.

Muro con pousadoiro, na Pedra do Frade copia
Muro con pasadoiro, na Pedra do Frade

 

OS PORTELOS no camiño da misa de Grixoa a Berdoias, tamén chamado camiño da agra. Era un camiño de a pé, con ata sete PORTELOS como lugares de paso, só para as personas. Hoxe, este camiño abandonado aínda conserva algún en bo estado. Por exemplo, o portelo do Cubeliño, na agra de Baixo, cunhas medidas axeitadas para o o paso da xente: mide 0,80 m de alto, e de ancho: 0,27 m na parte baixa e 0,36 m na súa parte alta. Hai algún dos portelos que xa teñen algunhas pedras desprazadas, como lle pasa ó 2º portelo, indo de Grixoa cara Berdoias.

Berdoias Porteño do Cubelino

 

OS POXADOS POLO RÍO CASTRO, en Boallo: É o único exemplo deste tipo de solución de paso que aínda continúa en pé. O feito de que nos mapas do entorno destes Poxados apareza o nome de “Pesqueira” pode indicarnos que noutros tempos estes Poxados tamén foron utilizados como punto de instalacón de sistemas de pesca fluvial.

Poxados no río Castro, por Boallo
Poxados no río Castro, por Boallo

 

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios