Martes. 16.04.2024
El tiempo

Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!

Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!

O 3 de setembro de 1950 nace en MONTEVIDEO un programa de radio en homenaxe a Castelao, falecido no mes de xaneiro en Bos Aires. Os seus amigos montevideanos eran un pequeno grupo de galeguistas que fondamente entristecidos polo pasamento do egrexio rianxeiro deciden crear un espazo radial enteiramente en lingua galega para manter aceso o lume da identidade propia.

Entre os fundadores estaba o deputado coruñés Alfredo Somoza Gutiérrez que era curmán de Castelao [seu pai era de Rianxo] e presidente da Deputación Provincial entre 1931 e 1932. Estivo agachado na Coruña durante 11 anos para evitar o seu fusilamento e chegou a capital uruguaia en 1948 da man solidaria de Xesús Canabal Fuentes. Por certo, fago constar que dous dos fundadores do programa (alí é “a audición”) foron premiados coa Medalla Castelao (o citado Canabal e Manuel Meilán Martínez) e tamén distincións que se agradecen pero son de entidades privadas coma ser os “Premios da Crítica Galega” ou o “Premio San Martiño”. O que estou a dicir é que aínda está pendente o recoñecemento por parte da Xunta e o Parlamento e as Deputacións.

O certo é que desde 1990 non houbo celebración de ningún aniversario. Aquel 3 de setembro foi emocionante e débese repetir xa que as bágoas de alegría do meu querido Meilán (o único dos fundadores que vivía) non teñen prezo ao recibir o aplauso dun ateigado “Teatro Solís” que gozou coa alta calidade musical de “Milladoiro”. Os anos foron pasando e aínda que intentei que se fixese algo no 2000, 2010 e 2020 non recibín contestación positiva as propostas e suxestións que presentei por escrito. Estaba moi confiado en que neste ano se puidesen festexar os 70 e os 71 e os 72 xa que durante a pandemia non era doado. E volvín a levar nos fociños a pesar de que comecei a falar do aniversario na vila da Estrada en novembro do ano pasado cando recibín o “Premio San Martiño” na miña calidade de delegado de “Sempre en Galicia”.

Poida que coma fun un neno emigrante en Montevideo estea esbardando e que lle dea importancia a un feito non merece maior atención. Supoño que se as autoridades elixidas pola maioría dos galegos non celebran a meritoria iniciativa e longa traxectoria duns emigrantes que cada domingo, desde 1950, están diante do micrófono para falar en galego no Uruguai; será porque teñen cousas máis importantes que atender. En Montevideo temos unha escola de identidade que achegou a moitos descendentes as súas raíces xa que fixeron, mediante a radio, o seu ingreso na terra de Rosalía de Castro. Estamos a falar de 72 anos e estamos a falar de que son ininterrompidos. Neste tempo transcorrido hai dúas persoas que destacan polo seu sostido labor. A primeira é a do lucense Meilán que ademais de fundador, foi o director durante 44 anos; a segunda é o carballés (da parroquia de San Salvador de Sofán) Antonio García de Seárez (Toni) quen leva case tres décadas mantendo a presenza da nosa lingua en cada domingo montevideano. O meu amigo Toni é un bo cumpridor do seu compromiso cos dous últimos fundadores
(Couceiro e Meilán) que eran os propietarios do programa que foi legado ao Patronato da Cultura Galega.

Quixera estar o sábado 3 de setembro en Montevideo para agarimar a Toni pero vai ter que ser noutra oportunidade. Espero que axiña se lle recoñeza o seu bo labor divulgativo con distincións e mentras non chegan os premios eu envío un pouco de ánimo no berro de Forza TONI e “Sempre en Galicia”!

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios