Venres. 29.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
08:44
17/02/20

Teñen sentido as pensións de viuvez na sociedade actual?

Teñen sentido as pensións de viuvez na sociedade actual?
As pensións de viuvez foron creadas, na súa orixe, para dar resposta a situación de precariedade e vulnerabilidade en que quedaban as mulleres e os fillos cando falecía o membro masculino da familia que, na práctica totalidade dos casos, era o único aporte de recursos económicos para a unidade familiar. A morte do marido deixaba á muller viúva nunha situación de extrema pobreza, máxime se esta tiña varios fillos ao seu cargo, como era norma xeneralizada  naquel momento.

Tal é así que, na súa orixe, estas pensións eran exclusivamente para mulleres viúvas que reuniran unha serie de requisitos: ter mais de 65 anos, levar mais de 10 anos casada co falecido, manter unha norma de conduta acorde coa moral imperante, etc.

É aínda que as condicións fóronse modificando pola evolución da sociedade, a filosofía que subsiste é a mesma de entón: quen perde ao seu compañeiro recibe unha pensión sen ter en conta nivel de ingreso do perceptor, si traballa ou está desempregado, si ten fillos ao cargo ou non, etc. Dáse por suposto que viúvo é sinónimo de indixente económico e que, por tanto, tamén está xustificado que lle asignemos unha das pensións mais cativas do sistema de pensións do noso nunca ben ponderado Estado do Benestar. 

Pero a sociedade actual nada ten que ver coa sociedade onde se implantaron este tipo de pensións, tan necesarias para aquel momento. Hoxe hai unha porcentaxe inmensa de persoas que, cando morren, tiveron varios matrimonios ou longas convivencias con parellas sen vínculo matrimonial algún. Hoxe unha porcentaxe grande de mulleres traballa, é independente e xera o seu propio dereito a percibir unha pensión contributiva para a súa vellez. Hoxe, afortunadamente, o aparello protector do Estado, cubre todas aquelas eivas que deron lugar a implantar as pensións de viuvez: sanidade e educación universais, servizos sociais, prestación por desemprego, etc.

A situación actual lévanos a que haxa persoas que, traballando, e cun salario moitas veces superior ao salario mínimo, dispoña dunha renda adicional cando lle morre o seu ser querido, accede a unha serie de servizos sociais e beneficios varios, mentres que unha parella que traballen os dous polo salario mínimo cada un, malvive para chegar a fin de mes.

Nin que dicir ten que nin se lles ocorre ter fillos porque si non xa non chegan.

Non estou propugnando, de ningunha maneira, que se deixe a tódalas persoas que o precisen sen cobertura económica, nin que se eliminen as pensións de viuvez existentes. Non se trata diso. Trátase de que, a lo mellor, vai sendo hora de que empecemos a pensar en asignar as pensións de viuvez NON POLO ESTADO CIVIL SE NON POLO ESTADO DE NECESIDADE. Porque hoxe ten o mesmo dereito á pensión a viúva sen patrimonio nin rendas, que a viúva dun Grande de España. 

Non sería mais lóxico, mais xusto, mais axustado á equidade e a xustiza social que, quen se quede viúvo -ou non- e con fillos ao cargo, sen ingresos ou con ingresos inferiores ao que hoxe se ven cualificando de mínimo vital, o Estado lle asigne unha pensión e uns beneficios socias dignos  que lle permitan vivir con dignidade independentemente do seu estado civil?

Non é a miña intención polemizar por polemizar, pero sempre me dou carraxe que moitas familias malvivan co único ingreso da axuda familiar, despois de esgotar a prestación por desemprego, e outras con ingresos importantes reciban un “premio” cando lle morre un ser querido.

Claro que sempre haberá quen sosteña que a fórmula que propugno é insostible economicamente para o Estado. Non concordo. Hoxe temos en España varios millóns de persoas que, querendo cotizar á seguridade social, non se lles permite xerar o dereito a percibir unha pensión contributiva: son as amas de casa. Unha vella batalla das asociacións de amas de casa que se tira ao lixo por parte de tódolos gobernos. Estas persoas xa perciben os beneficios do Estado do Benestar: sanidade, educación, pensións non contributivas nalgún caso, etc. Etc. Pois ben, quizá non todas se poidan permitir cotizar tódolos meses unha cantidade para a súa pensión futura -polo que esta cotización nunca podería ser obrigatoria-, pero sabemos cunha porcentaxe importante si estarían dispostas a cotizar. Sería un ingreso extraordinario para as arcas da Seguridade Social. 

Porque, desligar a percepción dunha pensión polo estado civil, significa outra liberación da muller. Deixar de ser perceptora dun dereito porque foi a esposa de, a filla de, a irmá de... para xeral o seu propio dereito independentemente do seu estado civil. Se non que llo pregunten ás nais ou aos pais solteiros que, a maiores do sobre esforzo que significa a paternidade en solitario, nunca terán o “premio” de enviuvar. 

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios