Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
13:25
18/03/20

Toda ocasión é boa para os falabarato

Toda ocasión é boa para os falabarato

Cando acontece un incidente de proporcións descoñecidas e que, nun primeiro momento, parece que nos supera como persoas e como sociedade, xorden moreas de persoas que dan un paso ao fronte e convértense en motores que tiran de si mesmos e dos demais para buscar solucións. Algún incluso paga coa súa vida ese acto de altruísmo e de valentía e, en moitos casos, sofren as críticas dos falabarato que, dende a sapiencia que da un grolo de alcohol ou a súa propia incapacidade e/ou envexa, pontifican sobre o que convén, ou non, facer en cada ocasión. Iso si, sempre a touro pasado porque, xa se sabe, así non hai posibilidade de engano. Na Costa da Morte temos experiencia diso dabondo. Eu solo vou a lembrar algún episodio.

Lémbrome do Casón. Menos mal que naquel momento non existía internet e, por suposto, as redes sociais. O pánico desatado, en directo pola televisión, por unhas desgraciadas declaracións do Delegado do Goberno, fixo que media comarca abandonase todo e se botara ás estradas sen orde nin concerto. Este pánico foi alimentado, para mais INRI, por representantes locais e por opinadores, que non tiñan ningún tipo de información contrastada mais que a súa imaxinación e a súa incontinencia verbal. Desde que o Casón levaba reactores nucleares ate mercadoría química que aniquilaría toda posibilidade de vida por xeracións, ate confabulacións de toda índole onde os habitantes da Costa da Morte éramos coelliños de indias dun malvado plan artellado por non se sabe ben quen. Eu téñolle escoitado a un alcalde, nunha emisora de radio, que el mesmo se vira teletransportado como consecuencia da influencia do Casón. Non é broma. É literalmente certo. Non houbo mortos de pura casualidade. O curioso do caso é que, moitos dos sementadores e propagadores de bulos, foron os primeiros en fuxir  deixando, en moitas ocasións, a media familia abandonada a súa sorte. Logo, a resgardo do suposto holocausto, sementaban a infamia e a calumnia sobre os que nos quedamos atendendo aos que se quedaran atrás. Non fai moito vin a algún destes queixándose para que os restos do Casón non abandonasen os fondos mariños de Fisterra... Cousas veredes!

E tivemos un Prestige... Lembro como algúns tivemos que ir, bar por bar, a recriminarlle a moitos falabarato que, mentres eles estaban dándolle a cervexa e a partida de tute, centos de guedelludos (daquela aínda non se levaba o de perroflautas) estaban limpando ás súas costas. Algún non se mobilizou ate que recibiron unha retribución económica polo chapapote recollido. Iso si,  estes eran os que criticaban a todo e a todos porque está na súa natureza. Outros, por fortuna a inmensa maioría, compatibilizaban a súa xornada laboral coa labor de limpar os coídos e recuperar a nosa forma de vida, ou colaboraban no mantemento da loxística daquela marea humana que acudía dende tódolos recunchos do mundo. 

E, aínda que non acadando as dimensións dramáticas dos anteriores, aínda lembro a cantidade de mentiras e fábulas que os falabarato sementaron cando se intentou implantar o Plan Acuícola durante o goberno Touriño. Aínda estamos agardando polas cooperativas frutícolas de todo tipo que ían inundar a Costa da Morte, os macroproxectos ceboleiros e toda sorte de fantasías estudadas e postas en circulación dende as barras dos bares e transmitidas a través dunha incipiente internet. Algún dos fabuladores de entón acabaron representando opcións políticas moi concretas ou, coma por desgracia moita mais xente da Costa da Morte que podería ter unha oportunidade laboral co Plan Acuícola e que nin tivo a portunidade, tomando o camiño da emigración buscando o Sálvese Quen Poda individual e deixando tras de si paro, abandono e miseria. Por desgracia Galicia perdeu, unha vez mais, unha oportunidade única de liderar unha actividade da que sempre fora pioneira. Iso si, os falabarato poden vir os fins de semana para contemplar gozosos como todo decae e como todo se desertiza... menos de porcos bravos, claro!

E non podía ser menos nesta dramática situación que nos toca vivir. As barbaridades que sementan as redes sociais fai que todo o anterior se quede curto. Están aí para quen queira velas. Cada vez que alguén comparte toda esta merda, está contribuíndo á involución humana. Solo quen carece dun mínimo código ético pode presupoñerlle aos demais toda canta baixeza moral é imaxinable. Nestes días de reclusión forzosa estou facendo unha limpa tremenda no facebook, porque non é de recibo que se chame amigo meu quen semente tal cantidade de lixo sobre todo e sobre todos. A humanidade está nunha situación de emerxencia e sobran falabarato porque, por desgracia, esta película vainos a saír moi cara a todos, coma persoas e coma sociedade. 

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios