Domingo. 07.08.2022
El tiempo
Miro Villar
13:24
28/07/22

Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura

Dario Xohan Cabana Vinte Cadernos para Miro Villar
Un dos libros que Darío Xohan Cabana coa dedicatoria para Miro
Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura

As recentes retesías e tirapuxas verbo do nomeamento de Darío Xohán Cabana como «Fillo Adoptivo» de Corcubión produciume persoalmente moito estupor e deixoume desconcertado. De primeiras pola actitude pública dalgúns membros da corporación corcubionesa que non lle viron méritos para ser homenaxeado e despois pola incomprensión da familia do escritor chairego, a quen teño estimanza desde hai ben anos e da que moito non comprendo, sen ousar contradicir a súa lexítima opinión, os seus argumentos para rexeitaren o ofrecemento da cidadanía máis consciente do seu labor.

Permítanme que faga algo de memoria persoal sobre como coñecín a Darío Xohán Cabana, aínda que como lector de poesía xa antes me tiña asomado á súa obra, pois foi un Poeta que exerceu o seu maxisterio sobre o meu estro poético. Fixemos amizade nos meus anos mozos cando coincidimos como compañeiros de traballo no concello de Corcubión, daquela Darío era garda municipal (tempo despois marchou para Lugo) e eu estiven varios meses a traballar primeiro como secretario persoal do daquela alcalde nacionalista, Rafael Mouzo Lago, e logo enviado polo INEM nun contrato de prácticas para facer labores de auxiliar administrativo. Lembro as nosas conversas sobre literatura, das que tanto aprendín, os libros que me deixou e, sobre todo, a enorme humanidade do Darío. Nunca esquecerei momentos como cando en días de temporal, nos que non podía saír á rúa, andaba a traducir versos do dolce stil nuovo, nomeadamente do Dante Alighieri, ou do posterior Francesco Petrarca, que me ensinaba explicando os problemas que xeraba a tradución e as mil e unha voltas que lle daba a cada verso. Anos despois, estas traducións foron premiadas en Firenze (Florencia). Tampouco esquecerei que o meu primeiro libro de poemas, un sonetario, co título de Ausencias pretéritas acabou publicándose en Espiral Maior en 1992, con prólogo de Darío Xoán Cabana, quen tamén influíu na escolla do soneto como forma estrófica.

Nese limiar o propio Darío lembra a nosa correspondencia epistolar, nun tempo no que escribíamos cartas e non correos electrónicos, cando xa marchara a Lugo. E eu lembro escoitarlle ou ler algún parágrafo de desafección sobre aspectos profesionais desenvolvidos en Corcubión que non lle deixaran bo sabor de boca, como ter a obriga de estar encargado do depósito municipal a onde ían todas as persoas para as que o Xulgado de Corcubión decretaba prisión, mais foron máis as palabras que lle escoitei ou lin sobre os afectos que deixara nestas terras fisterrás, de feito non rexeitou regresar de maneira puntual para ser pregoeiro e falar ben deste lugar e da súa xente.

En fin, Darío Xohán Cabana foi «Fillo Adoptivo» de Corcubión tan só unhas semanas, algo insólito na nosa literatura.

Nunha cala de urxencia, ben seguro que incompleta, comprobei que existen numerosos escritores e escritoras nomeados «Fillos Adoptivos» por concellos cos que tiveron relación biográfica, mesmo varios moito menor que a de Darío Xohán Cabana con Corcubión. E mesmo na miña pescuda atopei outro caso insólito, por non prosperar no pleno, trátase de Anxo Rei Ballesteros (1952-2008). Narrador de Boqueixón. Foi rexeitado como «Fillo Adoptivo» do concello da Pobra do Caramiñal en 2017 ao non acadar a maioría de dous terzos na corporación.

Pola contra, velaquí a numerosa e incompleta listaxe de «Fillos Adoptivos», na que por certo figura o corcubionés Plácido Castro del Río que foi nomeado en Cambados.
E quen queira entender que entenda:

  • Eduardo Chao Fernández (1822-1877). Historiador e xornalista de Ribadavia, é Fillo Adoptivo do concello de Vigo.
  • Emilia Pardo Bazán (1851-1921). Escritora coruñesa en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1901.
  • Sofía Casanova (1851-1921). Escritora e xornalista coruñesa en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1914.
  • Manuel Lago González (1865-1925). Poeta e teólogo tudense, é Fillo Adoptivo do concello de Lugo, onde foi Lectoral na súa catedral.
  • Victoriano Taibo (1885-1966). Poeta compostelán, é Fillo Adoptivo do concello de Gondomar desde 2018.
  • Castelao (1886-1950). Polígrafo rianxeiro, é Fillo Adoptivo do concello da Estrada desde 1986.
  • Federico García Lorca (1898-1936). Poeta e dramaturgo de Fuente Vaqueros (Granada), con obra galega e asasinado en 1936, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2009.
  • Francisco Luís Bernárdez (1900-1978). Poeta e ensaísta nado na emigración en Buenos Aires, é Fillo Adoptivo do concello de Maside desde 2010.
  • Plácido Castro del Río (1902-1967). Escritor, tradutor e xornalista de Corcubión, é Fillo Adoptivo do concello de Cambados desde 2017.
  • Enrique Chao Espina (1908-1989). Escritor de Viveiro, é Fillo Adoptivo do concello de Ortigueira desde 1988.
  • Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999). Escritor ferrolán en castelán, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 1996.
  • Matilde González Palau, Matilde Lloria (1912-2002). Escritora en catalán, castelán e galego, é Filla Adoptiva do concello de Ourense desde 1994.
  • Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Polígrafo e próximo homenaxeado nas Letras galegas 2023, nado en Vilanova de Lourenzá, é Fillo Adoptivo do concello de Nigrán desde 2002.
  • Avelino Pousa Antelo (1914-2012). Escritor e presidente da Fundación Castelao, nado na Baña, é Fillo Adoptivo do concello de Teo desde 2017.
  • Manuel Lueiro Rey (1916-1990). Escritor e xornalista de Fornelos de Montes, é Fillo Adoptivo do concello do Grove desde 1992.
  • Raimundo García Domínguez, Borobó (1916-2003). Escritor e xornalista de Pontecesures, é Fillo Adoptivo do concello do Boiro desde 2003 e do concello de Caldas de Reis desde 2006.
  • Isaac Díaz Pardo (1920-2012). Pintor, escritor e editor compostelán, é Fillo Adoptivo do concello de Ferrol desde 2000 e do concello de Sada desde 2007.
  • Máximo Sar, Máximo Rodríguez Buján (1922-2012). Escritor padronés, é Fillo Adoptivo do concello de Caldas de Reis desde 2020.
  • Luz Pozo Garza (1922-2020). Escritora e académica de Ribadeo, é Filla Adoptiva do concello de Viveiro desde 2018.
  • Antía Cal (1923-2022). Escritora e pedagoga galega nada na Habana, é Filla Adoptiva do concello de Murás desde 2015.
  • Eliseo Alonso Rodríguez (1924-1996). Poeta e narrador de Goián (Tomiño), é Fillo Adoptivo do concello de Tui desde 2021.
  • Julia Uceda (1925). Poeta sevillana en castelán, é Filla Adoptiva do concello de Ferrol desde 2009.
  • Xesús Alonso Montero (1928). Polígrafo vigués, é Fillo Adoptivo do concello de Ribadavia desde 2012.
  • Xosé Neira Vilas (1928-2015). Escritor nado en Vila de Cruces, é Fillo Adoptivo do concello de Boqueixón desde 2014.
  • Manuel María (1929-2004). Poeta, narrador, dramaturgo nado en Outeiro de Rei, é Fillo Adoptivo do concello de Lugo desde 2005.
  • Manuel Quintáns Suárez (1931-2020). Escritor e tradutor de Santa Comba, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2020.
  • Anisia Miranda (1932-2009). Escritora cubana con obra galega, compañeira de Xosé Neira Vilas, é Filla Adoptiva do concello de Vila de Cruces desde 2005.
  • Xesús Mato Mato (1932). Escritor de Paradela, é Fillo Adoptivo do concello de Portomarín desde 2019.
  • Salvador García-Bodaño (1935). Poeta, narrador, ensaísta e tradutor vigués, é Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela desde 2014.
  • Nélida Piñón (1937). Escritora e académica brasileira, é Filla Adoptiva do concello de Cotobade desde 2015.
  • Álvaro Porto Dapena (1940-2018). Filólogo de Narón, é Fillo Adoptivo do concello de Cedeira desde 2018.
  • Carlos Casares (1941-2002). Escritor de Ourense, é Fillo Adoptivo do concello de Cangas do Morrazo desde 2017.
  • Xosé Carlos Gómez Alfaro (1949-2008). Poeta de Ribadavia, é Fillo Adoptivo do concello da Guarda desde 2018.
  • Alfonso Blanco Torrado (1950). Ensaísta e dinamizador cultural de Xermolos nado na emigración en Montevideo, é Fillo Adoptivo do concello de Guitiriz desde 2018.
  • Luís García Mañá (1950). Narrador ourensán, é Fillo Adoptivo do concello de Calvos de Randín desde 2008.
  • Luís González Tosar (1952). Poeta e presidente do PEN, nado na emigración en Buenos Aires, é Fillo Adoptivo do concello do Irixo desde 2009.
  • Celia Díaz (1961). Narradora e dramaturga do Páramo, é Filla Adoptiva do concello de Quiroga desde 2018.
  • Begoña Caamaño (1964). Narradora e xornalista viguesa, é Filla Adoptiva do concello de Santiago de Compostela desde 2009.
  • Antón Riveiro Coello (1964). Narrador e poeta de de Xinzo de Limia, é Fillo Adoptivo do concello de Baltar.
 
  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

Novas relacionadas

Outros artigos de Miro Villar en QPC

comentarios