Luns. 06.12.2021
El tiempo
Miro Villar
12:21
28/10/21

A potencia simbólica do topónimo Fisterra

  • Ara do mar. Poesía a Fisterra
  • Alexandre Nerium (Coord.)
  • Madrid: Eneida, 20216. 454 páxinas
Alexandre Nerium presenta no Faro de Fisterra Aras do Mar
Alexandre Nerium presentando no Faro de Fisterra Aras do Mar
A potencia simbólica do topónimo Fisterra

O poeta fisterrán Alexandre Nerium, imprescindible guía no pequeno e acolledor Museo da Pesca, botou moito máis dunha década a compilar textos poéticos (e algún narrativo) que fosen inspirados por Fisterra ou que, cando menos, tivesen unha referencia explícita a este espazo simbólico. Non foi unha tarefa doada, nin sequera do punto de vista da súa publicación, pois antes de que a proposta fose acollida pola editorial Eneida non foi aceptada en varias editoras galegas. Con todo, da man de Luís Sotuela e agora do seu fillo Lur, Eneida nunca foi allea ao interese na nosa literatura, velaí títulos coma a antoloxía bilingüe Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), na que Olivia Rodríguez González xuntaba voces poéticas das penúltimas fornadas, ou Escrita Luz. Antología personal, sobre a obra de Cesáreo Sánchez Iglesias, con traducións de Xoán Abeleira.

Alexandre Nerium presenta no Faro de Fisterra Aras do Mar 2

Aínda que a un enorme traballo desta natureza nunca se lle pode poñer o ramo final, xa que virán sen dúbida outros poemas no futuro, agora vén de ver a luz unha magna antoloxía intitulada Ara do mar. Poesía a Fisterra, que en pouco menos de cincocentas de páxinas achega un bo feixe de textos escritos en galego, portugués, castelán, catalán, eúscaro, inglés, francés, italiano, alemán e maltés. Sabemos que foron compilados aínda máis poemas, porén as posibles dificultades por mor dos dereitos de autoría fixeron que ficasen fóra da escolla, como sucedeu coa poeta canadense Anne Carson, poñamos por caso.

Por criterio de edición o volume non atende a cronoloxía da escrita senón que os agrupa por linguas e despois, dentro de cada lingua, opta polo criterio cronolóxico. Na unidade lingüística galego-portuguesa aparecen 158 textos (149 poemas e 9 fragmentos narrativos, os cales funcionan a xeito de transición). Conforman unha longa serie que se inicia cun poema de Joan del Río y Otero tirado do volume Fiestas Minervales. Y aclamación perpetua de las Musas, à la inmortal memoria de el Ilustrísimo, y Excelentísimo Señor D. Alonso de Fonseca (1697) até outro ben recente, aínda inédito en libro, da poeta viguesa Cynthia Menéndez, nada en 1993. Nos máis de tres séculos de creación literaria hai poetas de todas as épocas e xeracións, que sería prolixo enumerar mais non faltan os grandes nomes da nosa poesía, como Luz Pozo Garza, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Bernardino Graña, Avilés de Taramancos, Salvador García-Bodaño, Méndez Ferrin e un longo etcétera de poetas dos oitenta, dos noventa (con ampla representación do Batallón Literario da Costa da Morte) e tamén das últimas promocións.

Por parte, a poesía en lingua portuguesa está representada polos brasileiros Lêdo Ivo, Reynaldo Valinho, Bernadete Bruto, os lusitanos António Salvado, João Barroso da Fonte, João de Melo, Luis Filipe Maçarico, António Teixeira e Castro, António Jacinto Rebelo Pascoal e Cristina Néry, o angolano Jorge Arrimar e o guineano Julião Soares Sousa, ademais da prosa de Francisco José Viegas.

Deseguida veñen as outras linguas peninsulares, sempre en versión bilingüe que confronta para a nosa lectura o orixinal e a versión galega. Primeiro con 38 poemas en castelán que van do século XVI aos nosos días, desde Bartolomé Sagario de Molina até Lur Sotuela, con nomes como Antonio Machado, Gerardo Diego, Rafael Alberti e moitas voces contemporáneas ou os arxentinos Juan Larrea, Víctor Luis Molinari e Carlos Penelas, o uruguaio Mario Benedetti, os cubanos Pablo Fernández Retamar, Lourdes Gil e Carlos Martí Brenes, os chilenos Edmundo Moure e Myriam Díaz-Diocaretz, os venezolanos Harry Almela e Astrid Lander, a paraguaia Elina Pereira Olmedo ou os peruanos Alfredo Pérez Alencart e Gabriela Wiener.

En catalán cinco poetas (Jacint Verdaguer, Lluís Solà i Sala, Pere Gimferrer, Joan Roca i Casals e Margalida Pons Jaume) e dúas poetas en eúscaro (Itxaro Borda e Miren Agur Meabe, recente Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura).
Quince son os poetas en lingua inglesa, desde o meirande poeta medieval Geoffrey Chaucer até Allan M. Kent da pequena nación atlántica de Cornualles (Kernow en córnico, Cornwall en inglés) onde teñen unha Fisterra de seu. Velaí os norteamericanos Wadsworth Longfellow, Sylvia Plath, John Reibetanz ou Robert Lima, de orixe cubana, os ingleses Julia Casterton e David Whyte, os escoceses Pearse Hutchinson e Carol Ann Duffy, os irlandeses Thomas Kinsella, Eiléan Ní Chuilleanáin e Lorna Shaughnessy, ou o singapurense Alannah Hopkin e o hindú Sudeep Sen, estes dous últimos que escribiron o seu texto despois de rematar o Camiño de Santiago en Fisterra e de teren visitado o Museo da Pesca onde os cativou Alexandre Nerium para a escrita dos poemas.

A literatura en lingua francesa está representada por sete composicións e salientan, como non, os poetas bretóns que tamén teñen de seu outra atlántica Fisterra (Penn-ar-Bed en bretón). Desta nación céltica son Charles Madézo, Alain Kervern (malia nacer en Vietnam), Alain Jégou, Jean-Albert Guénégan, Marie-Josée Christien e Olivier Cousin. O poema de Alain Kervern tamén se engade na súa lingua orixinal, en bretón, e acompañado da versión francesa. O único poeta que non é desta nacionalidade é James Sacré, aínda que é natural do atlántico País do Loira.

Tan só aparecen textos de catro poetas italianos (Eugenio Montale, Vittorio Boldini, Roberto Mussapi e Alessio Vailati) e de catro alemáns (a xa galega Ursula Heinze de Lorenzo, Franz-Georg Rössler, Marion Eisenberger e Christian Lehnert), para rematar o volume o poema do maltés Stephen Cachia, tradutor de Lorca á súa lingua e que tamén escribiu o seu poema despois de coñecer o Cabo de Fisterra.

Aínda que non se citan aquí as dezanove persoas que colaboraron co compilador na tradución ou versión dos textos, hai que poñer en valor o seu traballo porque a maioría dos poemas nunca foran traducidos ao noso idioma, o que representa un indubidable valor engadido da publicación.

Por se todo este caudal lírico non fose de abondo, a antoloxía faise acompañar de tres fermosos limiares escritos por Méndez Ferrín, Lêdo Ivo, en forma de poema, e Alain Jégou. Os dous últimos, requiridos para esta obra, finaron en 2012 e 2013 sen poderen contemplar o proxecto concluído.

Pecha o volume un breve Epílogo de Darío Xohán Cabana, outro dos poetas antoloxizados. E co temón gobernado con destreza por Alexandre Nerium a persoa lectora poderá achar nesta frutífera colectánea poéticas diversas de épocas moi distintas, unhas máis épicas, outras máis líricas, versos medidos ou sen cancelas métricas, con pausas versais ou en prosa poética, que de todo hai, e poderá asombrarse con moitos achados e descubertas.

Cómpre finalmente parabenizar a Alexandre, fisterrán de nacenza e devoción, por nos ofrecer este espléndido crisol de linguas e culturas que teñen como fío a veneración por Fisterra. A delonga da publicación do proxecto, que case causou o seu abandono nesta odisea, pagou ben a pena para termos á nosa disposición moito máis ca unha antoloxía de poemas, un testemuño de amor ao noso patrimonio material e inmaterial e ao noso acervo cultural de nación atlántica.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

NOVAS RELACIONADAS

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

comentarios