mércores. 17.06.2026
El tiempo
Patricia Vaquero
13:50
17/06/26

A fabricación do medo

A fabricación do medo

Acabo de escoitar na radio una noticia que seguro que pasa practicamente desapercibida. De feito no ocupa grandes titulares. E ou directamente non se lles da espazo ou non provoca debates interminables nas tertulias. Tampouco xeran indignación nas redes sociais.

Simplemente aparece e desaparece. Quizais, penso eu, que pode ser porque desmonta relatos que levamos demasiado tempo escoitando. E iso, a determinada xente non lle interesa.

A noticia que acabo de escoitar é que o número de menores migrantes tutelados en España sitúase por baixo dos 14.000, a cifra máis baixa dos últimos dous anos segundo fontes oficiais. Ademais, dicían que a tendencia continúa descendendo.

É dicir, mentres determinados discursos políticos e mediáticos insisten en presentar a chegada de menores migrantes como unha situación descontrolada, os datos contan unha historia bastante diferente.

E iso leva a facerme unha pregunta incómoda, xa que unha é socióloga e os datos para min son importantes, pero: E se o problema nunca foron os datos?

Porque sabemos que se algo caracteriza os tempos que vivimos é a distancia crecente entre a realidade e os relatos que se constrúen sobre ela.

Levamos anos escoitando que estamos ante unha suposta invasión migratoria.
Levamos anos vendo como se sinala ás persoas migrantes como responsables de problemas que son moito máis complexos.
Levamos anos asistindo á construción dun inimigo perfecto: alguén diferente, vulnerable, con pouca capacidade para defenderse e sobre quen proxectar medos, frustracións e malestares colectivos.

Pero a realidade adoita ser bastante máis teimuda que os discursos. E os datos tamén.

Porque mentres se fala de colapso, as cifras baixan.
Mentres se fala de ameaza, milleiros destes mozos e mozas estudan, traballan e constrúen proxectos de vida.
Mentres se alimenta o medo, a maior parte da sociedade convive con normalidade coa diversidade.

Entón, por que seguimos falando tanto de inmigración?

Quizais porque a inmigración deixou de ser unha cuestión social para converterse nunha ferramenta política. Nun recurso electoral.

Un mecanismo extraordinariamente eficaz para mobilizar emocións.

Porque o medo funciona.

Funciona mellor que os datos.
Funciona mellor que a complexidade.
Funciona mellor que as explicacións pausadas.

E cando unha sociedade comeza a organizarse arredor do medo, sempre aparece a necesidade de sinalar culpables.

Hoxe son as persoas migrantes. Onte foron outros colectivos. A historia europea coñece ben ese mecanismo.

Primeiro constrúese un relato.
Despois identifícase unha ameaza.
Máis tarde normalízanse medidas que antes parecerían inaceptables.
E finalmente acabamos debatendo cuestións que hai apenas uns anos serían impensables.

A chamada “prioridade nacional”.
As deportacións masivas.
Os centros de expulsión fóra das fronteiras europeas.
A limitación de dereitos en función da orixe.

O preocupante non é só que estas propostas existan. O preocupante é a rapidez coa que empezan a parecer normais.

Porque cando deixamos de ver persoas e comezamos a ver categorías, algo fundamental se quebra.

Desde unha perspectiva feminista sabemos que os procesos de discriminación funcionan precisamente así.

Primeiro deshumanízase.
Despois simplifícase.
E finalmente xustifícase.

Por iso resulta tan importante preguntarnos que tipo de sociedade estamos construíndo. Unha sociedade baseada na sospeita permanente? Na procura constante de inimigos? Na idea de que os dereitos son un privilexio reservado para algúns? Ou unha sociedade capaz de entender que a dignidade humana non pode depender do lugar onde naciches?

Porque hai outra realidade da que se fala moito menos.
Europa envellece.
España envellece.

As nosas taxas de natalidade levan anos entre as máis baixas do continente. Os sistemas de pensións, os servizos públicos e boa parte do mercado laboral dependen xa da achega de persoas migrantes.

É dicir, ao mesmo tempo que determinados discursos presentan a inmigración como unha ameaza, a realidade demográfica indícanos que unha parte importante do noso futuro pasa precisamente pola capacidade de integrar, acoller e construír convivencia.

Resulta unha contradición difícil de ignorar. E aquí e cando me xorden outras tantas preguntas. 

Que nos está pasando para que os datos importen cada vez menos?
Que nos está pasando para que o medo teña máis forza ca realidade?
Que nos está pasando para que cada vez máis persoas vexan unha ameaza onde antes vían un veciño, unha compañeira de traballo ou unha familia buscando oportunidades?
Que nos está pasando cando olvidamos que nós fomos un pobo migrante?
E, sobre todo, que nos está pasando para esquecer que os dereitos humanos só teñen sentido cando tamén protexen ás persoas que menos poder teñen?

Eu négome a aceptar que a resposta aos desafíos do noso tempo, que os hai,  sexa construír máis muros.
Négome a aceptar que a solución sexa sinalar aos máis vulnerables.
Négome a aceptar que o medo marque o rumbo das nosas sociedades.

Porque sigo pensando que hai unha diferenza fundamental entre quen quere un mundo mellor para eles e os seus colegas e quen segue defendendo e reivindicando un mundo máis xusto, respectuoso e igualitario para todas e todos.

E esa diferenza, aínda hoxe, segue sendo política. Pero tamén profundamente humana.

  • Patricia Vaquero. Socióloga, Consultora e Coach especializada en perspectiva de xénero.

 

Máis contidos no Podcast Todas Nós

 

Outros artigos de Patricia Vaquero nas FirmasQPC

Outras novas sobre Patricia Vaquero

Comentarios