Xoves. 10.10.2024
El tiempo

A Fareira do Vilán guía a Galería Mulleres

cristina fdz pasantes na Galeria Mulleres de Muxia
A Fareira do Vilán guía a Galería Mulleres

Segue Viki Rivadulla debullando a historia a través de nomes de mulleres importantes. E este mes de maio, é Cristina Fernández Pasantes (Camariñas, 1951), a fareira da Costa da Morte, a que protagoniza esta Galería Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía.

Filla de Cristino e Carolina naturais de Muxía e Camariñas respectivamente. Traballou dende moi nova no Instituto Social da Mariña, Confraría de Pescadores e Axudantía da Mariña de Camariñas. Sendo moza de Antonio Xesús Alonso Ballester, preséntanse os dous ás oposicións para faros e aproban en xullo de 1972.

Así convértese nunha das tres primeiras fareiras de España.

Nas súas prácticas desenvolve o traballo instalando Radio Beacons (sinal de axuda á navegación) en toda a xeografía española coa empresa Marconi e técnicos de faros cualificados. O seu primeiro destino foi Cabo Silleiro en Baiona-Vigo (Pontevedra) o 2 de xaneiro de 1973.

Casa o 27 de abril de 1974 con Antonio, destinado en Cabo Vilán -Camariñas. Daquel matrimonio nacerían tres fillos:Cristina, Antonio Jesus (Toño) e Héctor Manuel. O 20 de decembro de 1974 é destinada a Vilán por consorte. Dende entón, comeza a súa nova carreira en Vilán e na súa Camariñas natal.

Atendían Vilán e todas as balizas da ría de Camariñas-Muxía. Máis tarde incluirían todos os servizos da Costa da Morte. En outubro de 2010 falece o seu home, Antonio, e ata o 12 de abril de 2019, data da súa xubilación, habitou Vilán só cos seus fillos.

O 1 de xullo de 2018 unifícanse todos os servizos da provincia da Coruña, cambia o xeito de traballar e todos os fareiros traballan en equipo. Convértese na única muller fareira da provincia da Coruña, antes da Costa da Morte. Do mesmo xeito, foi a última fareira ou fareiro en habitar un faro, xa que os outros compañeiros xa non vivían nos faros, e tamén é a última en habitar Vilán. Ademais do seu traballo, creou unha asociación "O Eón dos Faros" co único obxectivo de continuar co que comezara o seu home: recuperar, restaurar, gardar e exhibir pezas antigas de faros para formar un gran legado cultural e transmitir a grande cultura dos faros ao longo dos tempos. Cristina móstrase moi orgullosa deste traballo- tanto ela coma os seus fillos e amigos que a axudaron a conseguilo-.

Touriñán é outro dos obxectivos interesantes que ten en mente esta muller-faro pois como dí ela mesma “os soños forman parte da vida, pero hai que unilos á acción” . Cristina viviu e vive para o mar, camiño que marcou a súa profesión sobrevivindo nun ambiente hostil e masculinizado, sendo unha precursora e feminista case sen decatarse e demostrando a súa valía ante o examinador máis duro: o mar.

Artigo relacionado

11 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios