Venres. 18.06.2021
El tiempo

Tesouros da Fundación: Lanterna Máxica

  • Inventor: ATHANASIUS KIRCHER (1601- 1680) ou CHRISTIAAN HUYGENS (1629- 1695)
  • Fabricante: JULES DUBOSQ & PHILIBERT PELLIN (PARÍS)
  • Cronoloxía: 1890-1891
Lanterna máxica- QPC
Tesouros da Fundación: Lanterna Máxica

A lanterna máxica é un aparello óptico precursor do cinematógrafo. Este instrumento está formado por unha preciosa caixa metálica externa sustentada sobre catro columnas que apoian nunha base de madeira. A caixa ten unha cheminea, na parte superior, para dar saída ós produtos da combustión. O sistema óptico que monta a caixa está formado por un espello parabólico metálico que concentra a luz sobre un tubo porta-lentes, no cal se axustan unhas ou outras segundo se queira un feixe de raios paralelos, converxentes, diverxentes, ou ben o microscopio solar.

Lanterna máxica

No interior da lanterna introdúcese o regulador de Foucault, lámpada de arco na que o carbón positivo vai sostido nunha cremalleira metálica que recibe un movemento uniforme dun aparato de reloxería animado por un resorte motor. Na base da lámpada un electroimán detén o movemento de reloxería mentres a corrente é bastante intensa.

Mediante placas de vidro, que podían ser fixas ou móbiles, a lanterna permitía proxectar diversos fenómenos das ciencias naturais (ou de calquera outro tipo) sobre grandes lenzos brancos, facilitando o exame simultáneo destes por todos os asistentes. Trátase en realidade dunha ampliadora fotográfica, e pode definirse como o precedente máis claro do cine, tanto por técnica, por usos, tipo de espectáculo e linguaxe visual.

Durante a segunda metade do século XIX, as proxeccións de lanterna máxica adquiriron especial relevancia no ámbito educativo, ilustrando temas tan variados como a arte, a física, a xeografía ou a historia.

Funcionamento da lanterna máxica

En canto á invención da laterna máxica hai dúbidas entre si foi obra do alemán Athanasius Kircher ou do holandés Christiann Huygens. Kircher publicou no 1646 Ars Magna Lucis et Umbrae (A gran ciencia da luz e da escuridade), pero parece que ata a segunda edición da obra no 1671 non hai ningunha descrición do aparato. A primeira referencia do aparello capaz de proxectar imaxes sería un manuscrito de Huygens do ano 1659. Sexa como sexa, a invención da lanterna máxica baseouse no deseño da cámara escura, pero en vez de recibir imaxes do exterior e facelas visibles no interior da mesma, pensouse en inverter este proceso e levar as imaxes de dentro a fóra.

Christiaan Huygens
Christiaan Huygens​
Athanasius Kircher
Athanasius Kircher

O aparello deseñado consistía nunha cámara escura cun xogo de lentes e un soporte corredizo, no que se colocaban transparencias pintadas sobre placas de vidro. Estas imaxes iluminábanse cunha lámpada de aceite (lembremos que aínda faltaba moito para o invento da luz eléctrica), e para que o fume puidera ter saída, dotábase o conxunto dunha vistosa cheminea. Sen dúbida a lanterna máxica sufriu un cambio fundamental no seu deseño cando a lámpada incandescente e o arco voltaico foron descubertos, e a súa aplicación substitúe con inmensa vantaxe a iluminación por lámpada de aceite.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIÓN

comentarios