Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Día de Rosalía cambiou de data

“Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
tdo.—Vente auro-
tra,—vente abrin-
tdo,—co teu ros-
ttro,—que, sorrin-
tdo,—¡¡¡a sombra
tespanta!!!”.
Rosalía de Castro

MONTAXE ROSALÍA 2
O Día de Rosalía cambiou de data
Este 23 de febreiro foi o DÍA DE ROSALÍA, si digo ben: ata o ano pasado esta importante conmemoración para a cultura galega tiña lugar o 24 de febreiro e a partir deste 2022 farase un día antes. Este cambio non é caprichoso senón froito dun importante achado realizado nos últimos meses. A celebración do natalicio nun 24 de febreiro estaba motivada porque o único dato que se tiña do nacemento de Rosalía era a súa partida de bautismo que situaba esta cerimonia no mencionado día e mes de 1837.

Agora por unha declaración notarial de 1843 na que Teresa de Castro y Abadía recoñece a Rosalía como filla natural, sabemos que naceu o 23 de febreiro. Este documento forma parte do expediente matrimonial da nosa poeta con Manuel Martínez Murguía, celebrado en Madrid o 10 de outubro de 1858, e que foi atopado no Arquivo Diocesano da cidade do Manzanares pola investigadora SAGRARIO ABELLEIRA MÉNDEZ.

Como sabedes Rosalía era filla de solteira e foi bautizada no daquela Hospital de Peregrinos de Santiago (actual Hostal dos Reis Católicos) como filla de pais incógnitos. A posterior traxectoria vital de Rosalía demostrou que súa nai fora a mencionada Teresa de Castro, unha fidalga pertencente a unha familia de Padrón tan cargada de prestixio e de honores como falta de solvencia económica. Tamén puido poñérselle nome ao pai: Manuel Martínez Viojo, un crego da Colexiata de Santa María de Iria Flavia da mesma localidade e orixinario da parroquia de San Xoán de Ortoño no Concello de Ames. Este nacemento irregular unido a certas informacións interesadas dou lugar a moitos malentendidos: que a nai abandonara á picariña, que fora a familia do pai quen a criara ata que Teresa se fixera cardo dela cando a rapaza xa era unha adolescente,… Parte destas afirmacións xa foron desmentidas coa aparición de diferentes documentos froito do incansable traballo da finada e chorada investigadora VICTORIA ÁLVAREZ RUIZ DE OJEDA.

Agora por esta nova escritura, ademais de quedar fixada definitivamente a data de nacemento no “veinte y tres de febrero de mil ochocientos treinta y siete y hora de las cuatro de la mañana”, sabemos que a pequena Rosalía despois do seu natalicio foi confiada a María Francisca Martínez, serventa da nai, que a levou ao “Gran Hospital para que por uno de sus capellanes fuese bautizada solemnemente, como así lo hizo el que entonces era don José Vicente Varela y Montero, poniendole el nombre de María Rosalía Rita, y siendo su madrina la misma conductora María Francisca Martínez, que volvio a recogerla y en el propio día del bautismo, que fue el vinte y cuatro de dicho febrero, y seguidamente, con conocimiento de la otorgante, la puso para su lactancia en poder de una tal María, cuio apellido no tiene presente en este momento, y solo que era vecina del lugar del Santo, parroquia de San Juan de Ortoño, en cuio poder ha permanecido unos seis meses, y al cabo de ellos pasó a la compañía de la que habla, en la que permanece”. Como venos a nena só estivo separada da nai durante os seis meses en que foi aleitada por esa tal María. Por outras chegas de Sagrario Abelleira Méndez sabemos que o apelido desta muller era Mariño e que formaba parte, aínda que dun xeito moi afastado, da familia do pai da criatura. Despois desta estadía cunha ama de cría, proceder moi común entre as familias dun certo nivel de épocas pretéritas, a nena volveu aos brazos de Teresa de Castro coa que se criou, educou e empezou a soñar nun futuro no que a creación artística ocuparía un lugar fundamental ao longo da súa vida adulta.

Unha vida que comezaba fai hoxe cento oitenta e cinco anos naquel afastado 23 de febreiro de 1837. Unha verdadeira Alborada de Gloria que escorrentou as tebras da noite e iniciou un tempo de luz para a nosa lingua, para a nosa literatura e para a nosa cultura. Un cambio que a propia Rosalía, entre outros poemas, exemplificou precisamente na Alborada que forma parte de CANTARES GALLEGOS e do que incluímos dous fragmentos na montaxe que ilustra estas palabras e no encabezamento que as antecede. Esta composición ten unha versificación moi característica debido a que a autora partía dunha peza tradicional interpretada polo gaiteiro de Lestrobe Clemente Eiras (contemporáneo de Rosalía) á que quixo axeitar a súa escrita poética nun exercicio de fusión nada doado como ela mesma nos lembra nunha nota ao pé. Duns anos a esta parte a Fundación Rosalía de Castro promove para un día coma o de hoxe a interpretación por toda Galicia desta Alborada como homenaxe á nosa poeta nacional. Nós desde aquí sumámonos rematando estas liñas coa composición completa. Nestes tempos cargados de incertezas non vén nada mal este poema festivo, gozoso, esperanzado, desexoso dun futuro de soberanía e liberdade para A Nosa Terra e para toda a humanidade.

ALBORADA

I

Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!…

¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal…!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

¡Sal...!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

II

Branca auro-
ra—ven chegan-
do,—i ás porti-
ñas—vai chaman-
do—dos que dor-
men—esperan-
do—¡o teu folgor…!

Cor...
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se
tende,
de fogax
larada viva,
dempois leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.

Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;
que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
¡á porta está...!
¡Xa…!

Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atru-
xaremos—cantaremos o ala... lá…!!!

Rosalía de Castro. Cantares Gallegos, 1863.

  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

BIBLIOGRAFÍA

  • Seixas Seoane, Miguel Anxo e Abelleira Méndez, Sagrario: Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858). Xacobeo 21-22 e Xunta de Galicia, 2021.

 

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios