Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Ano 1902: Consternación na comarca de Fisterra ante a catástrofe no Ézaro

Construcion e inauguracion na Ponte do Ezaro
Construción e inauguración na Ponte do Ézaro
Ano 1902: Consternación na comarca de Fisterra ante a catástrofe no Ézaro

Hai uns días que atopei unha páxina vella do xornal La Voz de Galicia que comentaba a penosa desgraza ocorrida polo barco que cruzaba a xente no río Xallas entre O Ézaro e O Pindo. A curiosidade obrigoume a consultar algún documento antigo e o mesmo tempo a hemeroteca do xornal para resumir o seguinte relato.

Arredor do ano 1902, tanto os veciños do Pindo como os do Ézaro viaxaban os domingos en barco cos seus produtos ao mercado de Cee. Os do Ézaro tiñan como porto de atraque as rochas dos Forcados, Pedra Maior ou As Pedras Corveiras, dando orixe o barrio do Río do Barco, e os do Pindo cruzaban o río Xallas para desembarcar nunhas rochas (aínda conservadas) na marxe esquerda. O domingo 5 de xaneiro de 1902, o cruzar o río, os bruscos movementos do barco crearon pánico nos pasaxeiros, concentrándose o peso nun lado do barco o que provocou o envorco. O resultado foi o afogamento de 20 mulleres e 3 homes, salvándose só o barqueiro.

Este lamentable suceso conmocionou a toda a rexión de Fisterra. Xurdiron queixas culpando aos políticos do abandono total desta rexión xa que, tanto a estrada que unía o partido xudicial de Corcubión co de Muros así como a ponte que as unía, xa foran aprobadas co número 7 hai 20 anos atrás (1880) polo Ministerio de Agricultura e Fomento, quedando relaxado co tempo ao nº 36 por falta de interese político.

Este suceso provocou que un novo deputado ás Cortes do distrito de Muros, D. Eugenio Montero Villegas, estivese interesado no tema visitando a zona. Prometeu tomar as medidas necesarias para construír a ponte e o mesmo tempo recadar fondos para axudar ás familias das vítimas. O 21 de xaneiro de 1902 organizou un festival no Teatro da Zarzuela de Madrid con destacados artistas que actuaron desinteresadamente e coa presenza de autoridades e damas da selecta sociedade madrileña. O total recadado foi de 5.191 pesetas.

O 24 de setembro de 1902 as familias das vítimas foron citadas ao Concello de Muros, que xunto co alcalde, o secretario, o xuíz instrutor e o cura do Pindo entregaron o diñeiro (5.191 pts) en man polo Sr. Montero Villegas ás seguintes familias:
Familia de Joaquina Costa: 650 pts; Ramona Casais Val: 650 pts; Antonia Casais Casal: 500 pts; Concepción e Luisa López: 541 pts; Piedade Riveiro: 300 pts; Elvira Piñeiro Caamaño: 300 pts; Teresa Piñeiro: 250 pts; Cándida Piñeiro Palacios: 275 pts; María García: 250 pts; Emilia Caamaño: 200 pts; Josefa González: 150 pts; Josefa Franco: 150 pts; Domingo Quintela: 175; Antonio Prieto: 350 pts; Francisco Cambeiro: 175 pts; Joaquina Bermúdez: 275 pts.

O 12 de Setembro, o Sr. Montero, xunto co exdiputado provincial D. Francisco Roura, o cura Sr. Biroque, o notario de Noia D. Francisco Rouraz e D. Plácido Castro visitaron por mar, procedentes do porto de Portosín, o lugar da catástrofe contemplando as rochas cubertas de cruces. Foron recibidos con gran alegría polo presidente da Asociación de Pescadores D. Luis Pérez Piñeiro e tódolos veciños así como os pecadores do entorno cos seus barcos engalanados, donde o Sr, Montero prometíulles facer as xestións urxentes para a construción da ponte.

Según o diario Ideal Gallego do 12-02-1925 esta ponte saíu a subasta gracias as xestións do Marqués de la Atalaya. As obras comezaron sobre o ano 1930 baixo as ordes do Inxenieiro Sr. Eloy e foron interrumpidas pola Guerra Civil. As primeiras cepas, de cantería, comenzaron no ano 1942 feitas polos canteiros de Arcos. O cemento gastado non daba cuberto as necesidades da obra por ser revendido a particulares. O 13 de Setembro de 1951 foi inaugurado e bendecido polo Cardenal Quiroga Palacios.

Ponte  do Ezaro 2018 -Foto-Modesto
O ponte do Ézaro en 2018-Foto-Modesto

Outros artigos no "Modesto Patrimonio"

Patrimonio Pindexo

Comentarios