luns. 02.03.2026
El tiempo

1ª FUTGAL: Dous míseros empates

Iago Muino no Muxia-Praina-Foto-Marina Busto
Iago Muino no Muxía-Praíña-Foto-Marina Busto
1ª FUTGAL: Dous míseros empates

Está carísima a 1ª FUTGAL, e de feito os 4 equipos que chegaban nas primeiras posicións a esta 24ª xornada non pasaron do empate. Entre eles o Muxía, que vía como o Praíña marchaba cun punto excesivo de Arliña, o que manda aos de Pataca á 5ª praza, nunha cabeza apretadísima na que os 6 primeiros están nun pano de 4 puntos.

Mala xornada para o resto, só destacable o punto que sacou o Fisterra na casa ante o Queixas, insuficiente para recortar de xeito importante a distancia cunha salvación que marcan precisamente Camariñas e Castriz. Os palilleiros, que levan 5 derrotas nos 6 últimos partidos, caían pola mínima ante un firme Tordoia nun duelo directo cun doloroso gol no treito final, mentres que os xalleiros viron como un dos de arriba lle remontaba o partido na segunda.

Por abaixo parece que a Esteirana xa tirou a toalla.

Bertamiráns - Castriz (3-2)

  • Castriz: Íker, Fabián, Samu Castro, Saúl, Anxo, Brais, Fabio Blanco, Carlos Rieiro, Alemán, Josiño e Juanjo. Tamén: Coke, Luisito, Marcos, Fabio Barbeira, Rodo.
  • Goles: 0-1, m.5: Josiño tras combinación don Juanjo; 1-1, m.31: Yago Garabatos; 1-2, m.34: Juanjo tras outra xogada con Jose; 2-2, m.60: Adrián Arnejo; 3-2, m.88: Yago Garabatos.

Marchou de baleiro o Castriz do Municipal de Bertamiráns ante un dos de arriba a pesar de facer un partidazo, con malas sensacións pola arbitraxe e dous sancionados…

Saíron os de Barca cunha presión moi alta, e facendo dano os xalleiros, marcando moi pronto, e tendo algunha ocasión máis. Pero co paso dos minutos os locais foron metendo máis atrás tocando e tocando, e á media hora marcaron un golazo tras un bo pase ás costas da defensa un gran control e unha boa definición de Garabatos. Pero reaccionaron os visitantes, Juanjo volvía marcar e a piques estiveron Fabio e Juano de ampliar a renda antes do descanso.

Comezaron máis armados atrás os xalleiros polo empurre local, que ao cuarto de hora conseguían empatar nun erro de marcaxe dos visitantes. De aí ao final o partido puido caer de calquera lado, con chegadas locais pero cos rossoneros facendo moito perigo a balón parado. Pero a 2 do final os locais marcan o 3-2 nunha xogada polémica. O Castriz non decae e vai a por todas a polo empate, e nunha xogada a balón parado, o porteiro sae co puño arriba impactando na cabeza dun xogador xalleiro ao que deixa cun ollo morado. O árbitro, lonxe de pitar penalti, deixa xogar e case marca á contra o cadro local.Aínda tiña outra o Castriz, e consegue meter un balón para Fabio que cando encara a portería, é derribado cun cobadazo sen intención de xogar a pelota, unha xogada que quedou en tarxeta amarela, provocando dúas expulsións por protestar de Samu Castro e Fran Calvo.

Muxía - Praíña (2-2)

Alex Martinez no Muxia-Praina-Foto-Marina Busto
Álex Martínez no Muxía-Príñna-Foto-Marina Busto
  • Muxía: Iván Bouzón, Mateo, Michael, Brais, Carlos Costa, Antón, Mauro, Iago, Isma, Adrián Alcaina e Fran Moreira. Tamén: Joel, Alex, Víctor Alcaina, Julián, Javi Vilela, Carlos e Manu Martínez.
  • Goles: 1-0, m.22: Carlos Costa; 1-1, m.53: Marcos Baluja de penalti; 1-2, m.67: Yago Torrente; 2-2, m.86: Fran Moreira.
Carlos Costa no Muxia-Praina-Foto-Marina Busto
Carlos Costa no Muxía-Praíña-Foto-Marina Busto

Escapáronse 2 puntos de Arliña se ben o equipo de Pataca ía perdendo a falta de 5 minutos para o final. Saíron ben os locais, poñéndose por diante pronto, pero sen a ambición suficiente para ir con mís vantaxe ao descanso. Comezaba a segunda co Praíña algo máis metido, aproveitando dous regalos para darlle a volta ao marcador. Tocaba remar, e o equipo fíxoo todo, combinando, chegando con perigo, fallando ocasións mesmo a porta baleira. Conseguía empatar Fran Moreira, que xa leva 18 mantendo a renda co mítico Borja Casal (Boimorto) que anotou dous tantos e suma 16. Colleu o balón o pichichi soneirán e foi correndo para o medio campo dando conta da intención do equipo de ir polos 3 puntos, pero non dou tempo e ao final quedou nun.

Fran Moreira con Muxia-Praina-Foto-Marina Busto
Fran Moreira tras marcar no Muxía-Praíña-Foto-Marina Busto

Fisterra - Queixas (1-1)

  • Fisterra: Joselu, Dani, Isma, Colombia, Rui, Piti, Maikel Mouzo, Quintela, Juan, Eze, Isaac Fábregas. Tamén: Guille, Lois, Martín, Rubén e Ángel.
  • Goles: 0-1, m.40: Gonzalo; 1-1, m.55: Isaac.
Fisterra en Ara Solis
Foto: SD

Vai sumando o cadro de Leo, que volveu facer un partido serio e bo en liñas xerais, e lle soubo a pouco o empate. Comezaron mesmo intentando dominar, tendo boas chegadas, sen demasiado perigo, ante un Queixas que a piques estivo de aproveitar algún erro local. Si que o fixo nunha das últimas chegadas da primeira parte na que os fisterráns protestaron un posible empurrón dun dianteiro visitante a Maikel, que lle impide despexar, quedando o balón para que Gonzalo abra o marcador.

Non decaeron os fisterráns que saíron a por todas na segunda. Avisaba Dani das intencións cun tiro que bate no longueiro e un man a man de Isaac que salva o porteiro Yheray. Pero na seguinte non fallou o artilleiro local marcando o seu 10º gol da temporada. Non freou a inercia, todo o contrario o cadro de Leo, que se envorcou sobre a área rival, tendo Maikel a ocasión máis clara nun balón na área pequena que marra incomprensiblemente. Tivo tamén dúas ocasións boas Ezequiel para marcar o segundo, pero os fisterráns quedaron cun punto que sabe a pouco.

Juan Formoso e Isaac Fabregas en Ara Solis
Juan Formoso e Isaac Fábregas en Ara Solis. Foto: SD

Boimorto - Esteirana (5-0)

  • Esteirana: Víctor Leis, Kevin, Damián, Godo, Aitor, Anxo Olveira, Adrián, Oli, Toni, Foghete, Pablo Val. Tamén: Uxío, Code, Anxo Caamaño, Cristian, Pachi e Samu León.
  • Goles: 1-0, m.5: Alexandre Villaravid; 2-0, m.25: Carlos Lugo; 3-0, m.34: Borja Casal; 4-0, m.41: Alexandre Villaravid; 5-0, m.78: Borja Casal.

Encaixaron moi pronto os esteirán no Carballal, e nas 3 chegadas, 3 goles do potente cadro local. Tiveron aí varias ocasións, pero a falta de acerto condena aos de Adán, que esta semana non puido sentarse no banco por atoparse de vacacións. Non fixo mala segunda metade o pechacancelas, pero volveron pecar de falta de acerto.

Camariñas - Tordoia (0-1)

  • Camariñas: Jorge (Pablo), Víctor, Roi, Borja, Pablo Suárez, Moriño, Javi, Joseba, Adam( Brais), Mario (Raúl) e Djibril.
  • Gol: 0-1, m.80: Víctor Vilariño.

Difícil explicar a derrota camariñá, que cun solitario gol no treito final. Foi unha primeira parte moi boa polo bando local, con varias ocasións para marcar, cun balón ao longueiro, pero segue sen entrar nesta segunda volta.

Comezaba ben o choque para os de Cabrejo e Faus, pero a lesión de Mario, que estaba sendo o xogador máis perigoso do partido, e a lesió de Jorge provoca cambios importantes no equipo. O partido igualábase, sen un dominador claro, pero non había grandes ocasións, ata que a falta de 10 minutos, nunha xogada na que os locais pedían falta sobre Javi e un posible fóra de xogo, o Tordoia metíase por diante. Intentouno o Camariñas, pero dúas expulsión, no mesmo minuto, primeiro de Javi e despois de Roi, impediron a reacción.

Todas crónicas da 1ª FUTGAL

Máis info

Comentarios