Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
10:06
07/01/22

O mundo dos vagalumes

El mundo de las luciérnagas
Ha invadido mis recuerdos
Y un corazón diminuto
Me va brotando en los dedos.

Federico García Lorca

Gaivotas por Suecia
O mundo dos vagalumes

- Os espíritos dos defuntos recréanse na luz e na calor das candeas… Debe ser por iso que aquí as poñen en cada ventá.

 
Entre as árbores do parque, asoman as lápidas de pedra do antigo cemiterio.


- De onde sacas iso?

- Dun conto de Selma Lagerlöf -responde Lady Chorima-. É a historia dunha anciá que vive soa e illada nunha granxa, á beira dun glaciar. Esa soidade faina padecer tanto, que pensa mesmo en quitarse a vida. Un día, aparece por alí un monxe e explícalle que o que ela toma por néboas e brumas son as almas dos defuntos, que se senten aínda máis sós e abandonados ca ela. En adiante, a anciá Agneta acende candeas para reconfortalos. E cando ela morre, os espíritos iluminan toda a montaña con candeas como as que ela acendía para eles.
Vila de Suecia

Para compensar a escuridade e mais a viruxe de fóra, as ventás das vivendas ilumínanse con velas, lámpadas ou estrelas de advento; e as fachadas dos edificios, cunha iluminación cálida e discreta. Nada que ver coa estridencia de Vigo ou de Málaga. En Suecia, á noite, as cidades son tomadas por miríades de vagalumes. A xente, penso coa cabeza medio voada, debe posuír unha gran vida interior. Este aire xélido enchispa, ao aspiralo sentes o mesmo punto que che produciría unha copa. Camiño como en soños.


Unha árbore de nadal duns seis metros preside a praza fronte á estación de Lund. Rodéana suntuosos edificios art nouveau, non moito máis altos, de xanelas e balcóns iluminados, sen cortinas. Nos baixos, entre cafés e comercios, achegámonos á vitrina dun bonito anticuario que exhibe cristalería, lámpadas e algunha ave disecada.

Marieholm en Suecia


Non tren somos moi poucas as persoas que usamos máscara. As mozas que viaxan nos asentos contiguos, dúas sílfides que parecen curmás de Lady Chorima, consúltanse coa mirada e aos poucos se calzan tamén unhas máscaras de tea.

Un dos revisores móvese coa cara ao aire. 


- Parece que a personaxe de Agneta está inspirada -ségueme contando Chori, ao baixarnos en Landskrona-, en Elise Malmros, unha empregada de banco interesada en cuestións sociais e feministas, amiga de Lagerlöf. Coñeceuna aquí, durante os anos nos que exerceu como mestra na escola feminina.


- Vouche contar unha cousa -dígolle a Chori-, aínda que espero que logo non a utilices na miña contra.

Chori dedícame cun sorriso pícaro, agárrame do brazo, e abre o oído.

- De pequena, cun amigo, capturamos un vagalume de entre as matas dun terreo baldío, nun dous moitos solares que tiña ou meu barrio daquela. Estabamos tan fascinados que tiñamos moita curiosidade por vela á luz... Como sería? Seguiría brillando? Morrería? Metémola con moito coidado nun tarro e levámonola á súa casa. En canto chegamos, sacamos o tarro e puxémolo enriba da mesa da cociña, baixo a luz do tubo fluorescente. A súa nai e irmáns achegáronse intrigados. Pero o que descubrimos foi un insecto común, feo, inmóbil... A decepción foi grande. Dáme tanta mágoa pensar naquel momento.

- Pequenos monstros -murmura Lady Chorima-. Que fixestes con ela?

- Non me lembro, nin sequera sei se morreu como consecuencia do transporte e exposición. Quedoume un sentimento de culpabilidade por levar a cabo unha mala acción, por arrebatarlle a maxia a un vagalume.

- Non me estraña...

- Por certo -dígolle, para cambiar de tema- non coñeces un club nin unha liga de mulleres que se reúnan os domingos á tarde? Digo para unirnos a elas... Seguro que o están pasando xenial bebendo glögg e discutindo de temas sociais.
FolkSkola en Suecia

Nese momento pasamos por diante de varios cafés ben caldeados e cheos de xente.

 - Dáste de conta? Aquí a xente fai a súa vida como antes do pesadelo covidesco -dime Lady Chorima-, non usan máscaras nin nos comercios, nin dentro dos cafés. Pola contra, as noticias sobre a pandemia no resto de Europa son cada día máis preocupantes.

- En España moita xente tivo que pasar a soas, illada, o nadal -respóndolle-. As cousas están poñéndose moi chungas e eu non estou disposta a vacinarme cada seis meses nin a favor do pasaporte covid.

- E como faremos, daquela?

- Penso no ben que estaría poder facerme pequena e voar a bordo dun ganso, como Nils Holgersson.
 
Lady Chorima sorrí encantada.

- Un voo directo coa provincia de Escania! Que marabilloso!

- Si, si... Pero como che fas pequena?

Chori teno moi claro:
- Lendo a prensa -responde-. Ti le todos os titulares, verás como encolles. Se les as noticias enteiras, poderás ir reducindo a medida. E moito ollo co telexornal! 

  • Lola Rontano. Flâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios