Meter un cerebro de muller na cabeza dun home (e outras cuestións palpitantes)
Vestinme de longo, casei e estalou a revolución…
E. Pardo Bazán (setembro, 1868)

-Escoita, a ver que che parece: “En España, ás veces, constitúe un acto de valor dicir por escrito o que todo o mundo recoñece de palabra.”
Recostada contra a súa cabeceira virtual estilo Louis XV, Lady Chorima asente e pídeme que llo repita para anotalo na súa libreta lila.
- A Pardo Bazán petaríao en Twitter –comenta levantando a súa cervexa.
- Esta noite vou para a cama con doña Emilia, acabo de empezar Algo de feminismo y otros escritos combativos –explícolle amosando o libro de Alianza Editorial-, unha compilación de artigos súper recomendable.
- Lembras aquel cartel co que empapelaron as rúas do centro de Madrid? –pregunta Chori desde o outro lado da pantalla-. Levaba unha cita dela: “Madrid es audaz, jaranero y curioso”.
- Os seus adxectivos son certeiros como dardos… –respondo pasando os dedos pola superficie do black mirror, como querendo acariñar a meixela de Chori.
Desde que se mudou a Escandinavia na procura de melloras laborais, Lady Chorima érguese e deita como dúas horas antes ca min e costa sincronizarse. Aínda así, ao rematarmos a xornada tratamos de manter interaccións virtuais que, ás veces, nos activan máis que o plenilunio ou a cafeína. No meu escritorio virtual, esta noite puxen un fondo de aurora boreal.
- Un xuízo é un adxectivo e unha argumentación lóxica, unha construción sintáctica –explica Chorima-, agora vai explicarlle iso ás xeracións formadas con vídeos ou textos de menos de 140 caracteres. A ver, leme algunha cousa da Emilia -conclúe.
Lady Chorima e mais eu pasamos axiña do metaverso á metaliteratura, dúas poderosas interfaces.
- Vouche ler outra cousiña a propósito das mulleres aristócratas: “os tiros da maledicencia e as acusacións dirixidas contra a high life toman sempre por pretexto a conduta da muller”. Prepárate para o que vén: “Que o aristócrata sexa lacazán, gastador, desenfreado, frívolo, ocioso; que viva sumido na ignorancia e na preguiza; que só pense (…) en touros e cabalos; que non sirva de nada á súa patria en particular (…) Iso non asusta a xente… O que nos conduce á “decadencia” é que se sospeite que a marquesa Tres Estrelas ten un querido, ou que baixara dous centímetros a liña do escote.”
Chori sorrí entre grolos.
- Anne Igartiburu estaría encantada! –comenta.
- Máis munición: “Para o español, por máis liberal e avanzado que sexa, non dubido en dicilo, o ideal feminino non está no porvir, nin aínda no presente, senón no pasado. A esposa modelo segue a ser a de cen anos atrás.”
- Emilia éche unha pioneira, a nivel intelectual e persoal –asente ela.
- Unha muller nada trinta años antes que Virginia Woolf! Escritora, conferenciante, periodista, aristócrata, divorciada… Ademais, mantiña correspondencia con tipos como Konstantin Stanislavski, e igual discorría sobre ciencia que sobre literatura rusa e revolución. A verdade, estráñame que non teña o recoñecemento internacional que merece.
- Acórdaste da exposición que vimos na Biblioteca Nacional?
- Como se fose onte –respondo-. Alucinei coas críticas dos señoros da súa época, desde os críticos literarios ata os seus compañeiros de profesión (e supostos amigos). Manda truco na Habana, a polémica que lle montaron por entrar na Academia!
- Envexas!
- O máis patético é que, corenta anos máis tarde, Carmen Laforet tivo que sufrir actitudes moi parecidas dos seus contemporáneos. E que dicir do silenciamento das Sen Sombreiro, as mulleres do 27...
- En fin, os ditados do xénero, que seguen aí –comenta Lady Cho con lasitude, despois engade-. A min encantoume esa exposición, os detalles sobre a súa vida e a da súa familia, as súas cartas manuscritas, as fotografías do antigo porto da Coruña... Eses fragmentos de vídeo filmados no Pazo de Meirás, tomando té e lendo, son moi entrañables. Lémbraste? Emilia ten un aire tímido, case torpe, porque non sabe posar diante de la cámara. Ademais, emocionoume ver os textos explicativos escritos en galego e en español. Éncheme o peito de orgullo e ledicia que ambas as dúas linguas sexan tratadas en pé de igualdade máis aló da Constitución ou do telón de grelos. De feito, nesa exposición leveime a impresión máis federativa deste último lustro. Nas salas da Biblioteca Nacional podes chegar a pensar que vivimos nun estado plurinacional, plurilingüe, moderno e laico; que somos top porque aquí triunfou a Instrución Pública e a Institución Libre de Enseñanza educou as novas xeracións, que xa pasamos páxina do autoritarismo devoto e sen modais… Iso… Ata que saes á rúa ou acendes a tele.
Lady Cho deixa escapar un suspiro de exilada. Urxe un cambio de tema ou axiña dará por rematada a videoconferencia. Como sempre nestes intres, eu quedo bloqueada.
- Mira, antes de colgar –continúa ela, botando man do seu caderno de autoridades e pasando as páxinas- vouche ler unha cita de Chris Kraus, está en I love Dick. Toma nota, di así: “Fundín o meu silencio e a miña represión co silencio e a represión do xénero feminino enteiro. Creo que a simple realidade das mulleres falando, sendo paradoxais, inexplicábeis, lanzadas, autodestrutivas, pero sobre todo públicas, é o máis revolucionario do mundo. Pode que suceda con 20 anos de atraso, mais as epifanías non sempre sincronizan co estilo.”
Que máis engadir?
Para realidade aumentada, a das nosas palabras.
* Nota: A Exposición sobre Pardo Bazán está aberta no Quiosco Alfonso da Coruña ata o 18 de decembro.
- Lola Rontano. Flâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.
Outros artigos de Lola Rontano en QPC
- A estación escura.
- Velaquí Outono (Claustrofobia, Alcohol e Alta Tensión)
- De soños, cans e naufraxios.
- Romanza da A6. Páxinas da España baleirada.
- A hora en punto das baleas.
- Unha vocación (re-co-)lectora. Carta aberta de Lady Chorima co gallo do día das árbores e dos libros.
- Transhumanismo sen lei.
- Algunhas posverdades.
- Vacina Bakunin.
- Baixo Miño Suite.
- 11.000 novos cretinos
- En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa
- O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos.
- Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade.
- Baixo a praia están os lastros (Novas austroatlánticas)
- Vindicación da Ponte entre Arxentina e Galicia: Ser muller, hipoacúsica e inmigrante.
- A nosa cinza.
- 50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa.
- Disforia post-electoral.
- Bixby en Viena con Ultravox e as últimas eleccións.