Mércores. 03.06.2020
El tiempo
Marisol Soneira
10:06
28/03/20

Cando o patriotismo se viste de impostura...

Cando o patriotismo se viste de impostura...

Ate o 14 de marzo tódalas competencias en materia de sanidade, educación, servicios sociais, e a práctica totalidade das políticas que inflúen na vida da xente, eran competencia exclusiva das comunidades autónomas. En Galicia tamén.

Agora descubrimos que, os gobernos autonómicos, non tiveran a precaución de dotarse de equipos e medios suficientes ante unha posible pandemia. Tamén descubrimos que os protocolos estaban por establecer, que a xestión das residencias de maiores – a maioría concertadas con grupos económicos e relixiosos – deixaba moitísimo que desexar, que durante anos prescindiuse de persoal sanitario a moreas, e así un longo etc. NINGÚN GOBERNO AUTONÓMICO tomou medidas, mais alá dalgunha anecdótica, que formase parte dun plan de actuación serio e cunha mínima planificación para tentar frear o que se nos viña encima.

Cando o Goberno Central establece o estado de alarma, de súpeto, tódolos presidentes autonómicos, vestidos de solemne impostura, botan berros polas carencias á que os somete o Goberno de España. Non hai mascariñas!, exclaman con faciana entristecida e compunxida; non hai batas!, non hai luvas!, non hai respiradores!, non hai médicos!, non hai enfermeiros.... e así ate o infinito.

Estou segura de que o Goberno Central non  o está facendo todo ben. Como calquera goberno nunha situación coma esta, e solo hai que mirar ao noso redor para comprobar como a práctica totalidade dos países están vivindo os mesmos episodios que nos toca vivir aos españoles. Pero paréceme absolutamente incrible que sala O Noso Presidente a demandar do Estado todo aquilo que el non fixo. Ou é que xa nos esquecemos da macromanifestación feita en Santiago de Compostela o pasado 9 de febreiro en defensa da sanidade pública?

Sería porque había de todo na sanidade pública galega? Ou sería, quizá, que os galegos, acostumamos a manifestarnos porque nos sobran médicos, enfermeiros, respiradores, UCIS, e material sanitario para unha emerxencia?

Agora andan todos falando do 8 de marzo... Manda chover na Habana!, como diría Don Manuel. Non digo eu que fose a decisión mais acertada, vistas as cousas a toro pasado, pero, digo eu, porqué os señores presidentes autonómicos non pecharon os colexios, universidades, competicións deportivas, actos relixiosos diversos, hostalería, centros de reunión e todo o abano de actividades onde teñen competencias exclusivas os gobernos autonómicos?

Nestes días escoito cousas que son mais propias de xogadores de ventaxa  que de responsables políticos. Como pasmarse das barbaridades que se din nas redes sociais cando os presidentes autonómicos e lideres políticos da oposición soltan polas súas bocas toda sarta de demandas que son obrigas súas políticas e económicas. É, cando menos, dunha irresponsabilidade desvergonzada. Sobre todo nestes terribles momentos.

Tempo haberá para analizar, criticar e demandar o que sexa menester cando todo este terrible episodio remate. Porque aquí haberá para todos. Por exemplo, como é posible este estado de descontrol e, nalgún caso, abandono da supervisión e control das residencias de anciáns? Por certo, de competencia exclusiva das comunidades autónomas e xestionadas por amigos.

Non sei o fartos que estarán os demais de todo este cruce de acusacións entre uns e outros, pero eu  estouno moito. Mentres miles de persoas maiores morren solas, sen contacto coa súa familia, abandonados nos últimos días da súa vida coma se fosen un residuo social, algún responsable político anda a discutir de si son churras ou son merinas. Infumable.

Claro que sempre podemos poñer as bandeiras a media asta, facer funerais de estado e outras ocurrencias polo estilo. Seguro que iso si frea o virus.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Artigos de opinión sobre o coronavirus

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

 

comentarios