Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Credibilidade. C´est tout

Credibilidade. C´est tout

Leo unha entrevista que Carmen Consoli concedeu ao diario El País, anos atrás. A cantante de Catania é unha das voces que escoito con frecuencia desde que a descubrin nun concerto, “Amiche per l´Abruzzo”, nos anos 90, nacido dunha idea de Laura Pausini, a de xuntar por vez primeira a mulleres da canción italiana. Un evento cheo de boa música e de solidariedade sen obstáculos. No concerto, Carmen Consoli actuaba acompañada de compañeiras habituais de escenario, como Paola Turci e Marina Rei. 

Carmen Consoli, nesa entrevista, con motivo do seu disco L´Eccezione, responde á pregunta de porque non canta os seus temas en versión española, que en español a súa voz non tería credibilidade. Porén, compón en inglés e canta nesa lingua que tamén lle é propia. Chamoume a atención esta resposta, intelixente e, se me permitides dicilo, rara por infrecuente e por incómoda. 

Licenciada en Literatura, compositora e autora das letras das súas cancións, con influencias do rock e do soul, da música brasileira e do mellor indie, influida tamén por intérpretes e compositores como Battiato, a cantante siciliana que chega ao éxito con temas como Confusa e felice, Parole di Burro ou L´ultimo bacio, vende millóns de discos, goza do respecto e da admiración de milleiros de seguidoras, mais semella alérxica á fama. Refuga toda celebridade e segue coa súa vida e os seus amigos de sempre.

Sorprendérame, cando comecei a escoitala, a súa expresión e personalidade na interpretación. Consoli ten unha forma personalísima de interpretar os seus temas, sustentada nun timbre vocal e un estilo característicos.

Credibilidade. Sorprendeume, repito, escoitarlle dicer isto. Hai uns días, nunha conversa con Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía polo seu livro Tempo Fósil, comentaba a diferencia tan grande que existe entre o español e o galego no tema da tradución poética. Di Pilar, e concordo, que á poesía galega non lle senta ben a tradución ao español. Resulta mellor traducida ao inglés. Non o sei. Mais non podo deixar de pensar no tema da credibilidade apuntado por Carmen Consoli, a respecto de cantar en español. No livro que veño de publicar, grazas ao meu amigo Eloi Caldeiro, poeta, músico e empresario, hai un poema adicado a unha lectora descoñecida, no que incorporo os últimos versos:

Abstraída
Acaso enfriou o café na chávena
Soa unha canción de Carmen Consoli
Aqueles violinos
Tocados polo vento
Queiman o rosto
Como gotas de limón


Tal vez encontrache nas páxinas
A pegada dos meus dedos
Cos que un día os acariciei
Así agardo que os meus poemas
Non sexan
No beixo derradeiro
Un salouco de violinos destrozados

Teño escrito poemas en español, e publicado poemas traducidos nesta lingua, e, se ollo para a miña propia obra, non podo evitar a sensación de que o orixinal galego e a versión española resultan dous poemas diferentes, na que sae empobrecida a versión traducida. Resúltame imposíbel, ou polo menos difícil, manter a tensión interna do poema, na tradución. Tal vez sexa cuestión de credibilidade.

Penso nas palabras de Pilar Pallarés e penso tamén nas de Carmen Consoli. Credibilidade. Acaso fique aí o problema. Tal vez se trate diso. Carmen Consoli di que trata a súa voz como unha guitarra. Acaso por iso, a súa particular forma de cantar e de estruturas os seus temas. A voz, tan persoal o seu timbre vocálico, como un instrumento musical, resultaría desfavorecida (e a súa interpretación) ao derivar a lingua orixinal nunha versión a outras linguas, que serían xa outras formas diferentes de se expresars, de interpretar. Credibilidade. C´est tout. 
                          

 

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO


 

Comentarios