venres. 08.11.2024
El tiempo

Mário Herrero Valeiro e a 'Ética do abandono'

Etica do Abandono de Mario Herreiro Valeiro
Mário Herrero Valeiro e a 'Ética do abandono'

Com frecuencia, teño lido e escoitado as queixas do poeta Mario Herrero sobre a desatención que as súas publicazóns provocan entre a crítica. Compartimos com Mário este sentimento, e non somos indiferentes a el. Sabemos o difícil que é acceder a medios, xornais e revistas, aínda aquelas que manteñem páxinas abertas á crítica literaria, ás artes e iniciativas culturais. O impertinente e intencionado esquecimento de toda obra literaria que non for recomentada por unha editorial oficial. Tamén o silencio, a censura e a indiferenza ante textos escritos nunha normativa diferente á oficial. Pois con certeza Mário Herrero pertence a unha xerazón non determinada apenas por tendencias estéticas, ou pola idade, mais por se manteren na decisión de empregar a forma, que poderiamos dicer, histórica do galego, a persistencia en escrever en galego reintegrado, ou lusista, se alguén mostra preferencia por esta denominación.

Hai unha lectura maldita do reintegracionismo, levada a cabo por quen non len nen se interesan nen coñecen a historia da nosa lingua, mais xuzgan, emiten xuizos da minima información. As opinións sobre o reintegracionismo non atinxen nen o nivel dunha mínima e adulterada información. Responden a unha ignorancia absoluta sobre este proxecto intelectual, histórico, cultural, que os políticos galegos, na súa grande parte, ignoraron con intención. Escoitar aos máis deles falar do reintegracionismo resulta patético, na acepción máis clásica deste termo. Os seus prexuízos e a reivindicación sempiterna dun impreciso carácter galego, na súa boca, resulta ridícula. Non se pode asumir a galeguidade sen aceptar a importancia da lingua galega, das suas orixes e a súa cultura.

E aquí estamos, nesta entrega desde a que queremos ofrecer o noso comentario sobre a nova publicación de Mário Herrero, Ética do abandono, o poemario publicado en Através editora, o prolecto que recolhe a produzón literaria reintegracionista, co propósito de facilitar á literatura galega camiños de encontró coa lusofonía.

O novo poemario de Märio Herrero chega para facer máis sólido o percurso poético do seu autor, que podemos valorar en obras anteriores, en particular, e recoñezo impor o meu propio gosto, No limiar do silêncio, obra gañadora do VII Premio Poesía Espiral Maior, 1999, ou o máis recente, A razâo do perverso, que foi galardoado co X premio de poesía erótica Illas Sisargas, en 2016. Leo de novo (desde hai tanto tempo) os poemas do No limiar do silêncio e procuro achar neles unha advertencia, un aviso anticipado deste abandono do seu último poemario. Non sei se podo, de forma libre mais inconveniente ou inapropiada ou incerta, falar daquel como fonte que nutrífica este novo volume.

Se aludo a un libro en apariencia distante no tempo, como No limiar do silêncio, é porque procuro nel trazos que releo, nunha lectura que poderiamos considerar de ida e volta, no novo poemario. Desde logo intúo que o abandono aparece como unha referencia simbólica que nos chega de lonxe, na poética de Mário Herrero, e que nalgún momento achamos metaliteraria e moi persoal, vital, cruel. Acho que é unha arquitectura da descomposizón e da morte, aquel libro, unha estética ou ética da morte e do detrito.

Pergúntome se en Estratégias de uma escrita nómada, o poeta non asenta toda unha estética/ética do desalento. Nas incesantes interrogacións do fragmento hai un berro da angustia, moi da nosa época, e desde ela, o uivo do lobo estepario na derradeira morada.

Um livro apenas é um reflexo da barbárie acumulada em séculos. Se os poemas deste libro son unha sedimentación de metáforas nómadas, de versos que son tamén moradía dun inferno, esta é para min a máis radical, a que me produz un máis grande desacougo. Como o cenario da desolazón, en que dançam os corvos em hospitais improvisados. O cenario onde non hai regreso, se nalgun momento pensamos nel.

Por iso achamos que a lectura deste poemario de Mário Herrero é que nos fai retroceder no tempo a aquel outro, Limiar do silêncio. Pois estes poemas bracexan nun naufraxo entre a acidez crítica e a desolación, E a intertextualidade, desde Howl, de Allen Ginsberg: O melhor cérebro da minha improvável geraçâo / nô será destruído pela loucura/ espanha e marx acabaram antes com ele.

Tamén o poema de Mário Herrero é o poema dunha xerazón cansa, que sobrevive apenas ás portas dunha sociedade que só perdura na afirmación do establecido. Ou nos seus sumidouros, onde non medran flores.

O canto fúnebre transmutado en poema. Sen épica nen esperanza. Di Carme Pais, na contraportada de Ética do abandono. O relato dun tempo que é interior e colectivo, e a angustia de sonharse distinto/e ser apenas/mais uma máscara atroz.

Mário Herrero, na súa obra poética, expresa unha estética da destruzón, onde o silencio e o abandono fan parte dunha particular escenografía simbólica erguida como unha autopoética, firme e sustentada no tempo a través dos seus versos.

Ética do abandono é o relato dun tempo e da angustia de quen se soña diferente, mais desde a consciencia de ser apenas mais uma máscara atroz. Mais do que unha visión pesimista da historia, da intrahistoria de cada ser humano, ou dese ser que é todos, o poeta ergue a súa voz (j´acusse?) sobre o teatro da desolación, nun libro que reclama unha leitura intensa desde o primeiro poema en que atopamos un espazo de xanelas pechadas, a crear desde eses primeiros versos unha atmosfera oclusiva.

No entanto, hai poemas como o que leva como primeiro verso A vida começa, unha xanela aberta ao soño, á ensoñación, que desmente a resignación, e cobra vigor no acto físico de pisar a neve, a esperanza da vida entre as árvores do mato, o lobo no corazón que, embora sexa un fulgor, o instante de luz que se esvae, brilla nos ollos (acaso) como un instante de esperanza.

O poema que leva por título imoral (poema de escárnio com rima desigual) mostra ao poeta como o grande lúcido que fica á marxe, un ser que agarda todavía a choiva na area, que todavía alenta na comprensión da miseria e da devoración. O poeta, o artista, como o grande irónico, o que crea as voces, as cancións que ninguén vai facer calar, embora finxa non escoitar.

Tamén limos, na entrevista de Tiago Alves Costa en Portal Galego da Lingua, que esta obra de Mário Herrero é uma distopia.

Na novela O lobo da estepe, de Herman Hesse, di o narrador que “a ollada é moito máis triste que irónica; era insondável e amargamente triste; o seu conteúdo era unha desesperanza calada, en certa maneira irremediável e definitiva (…) com um desolado esplendor. (…) atravesaba penetrante todo o mundo do noso tempo, toda a febre de actividade e afán de arribismo e todo o xogo supercicial dun espititualismo fementido e sen fondo (…) chegar non apenas aos afectos e ás desesperanzas do noso tempo e da nosa cultura, mas ao mesmo corazón de toda a Humanidade.

 

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO

Comentarios