Diafragmas e lentes sobre os oficios do mar
Piueiro. Caderno da Tripulación
Manuel Álvarez / Marta Dacosta
Santiago de Compostela: Alvarellos, 2024, 64 páxinas
Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte
Xesús Búa
A Coruña: Canela, 2024, 198 páxinas
Dúas olladas sobre os oficios o mar, ás veces converxentes e outras diverxentes, veñen de coincidir nas librarías e malia os libros físicos e os obxectivos seren diferentes están ganduxados por unha análoga visión antropolóxica e unha perspicaz e rigorosa lectura dos rostros convertidos en imaxes instantáneas.
Os autores veñen de traxectorias tamén ben diferenciadas, mentres Manuel Álvarez Álvarez (A Guarda, 1964) é un fotógrafo autodidacta formado nas correntes europeas que publicou entre nós os álbums Gameleiros (Xerais, 2002), con poemas de quen isto asina; Sementeira porträts (Sementeira / barede pranca, 2019), con poemas de Manuel Rivas; Sexades mar (Chan da Pólvora, 2022), con poemas de Helga Cabiddu, e este Piueiro. Caderno da Tripulación, con poemas de Marta Dacosta; pola súa banda, Xesús Búa (Muxía, 1961) é un fotógrafo profesional, con estudio nesa vila da Costa da Morte, e tamén con bagaxe como fotorreporteiro para o xornal coruñés La Voz de Galicia, con diversos premios e exposicións da súa obra como as que preludiaron este seu primeiro libro Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte, no que as imaxes tamén se acompañan dos versos de Xosé Iglesias, Modesto Fraga, Rosalía Fernández Rial, Branca Vilela, Rafael Lema, Miro Villar e Alexandre Nerium.
Piueiro, que tira o título do nome dun volanteiro conservado como embarcación tradicional, positiva vinte retratos, dezanove homes e unha muller, unha atadeira, co característico e persoal modus operandi de Manuel Álvarez, aproximando primeiros planos (neste caso planos medios) que dialogan coa expresividade dos rostros. Unha proximidade premeditada que procura capturar algo das súas intimidades. Outra marca da casa é o feito de que as persoas posan con elementos propios do seu labor mariñeiro, redes e mallas, achicadeiras, bicheiros, arpeus, nasas, trueiros, áncoras, boias, compases, lemes, funís, traxes de augas, etc. E tamén que todas son identificadas cos seus nomes e cos seus alcumes. Nomear, sempre, para non esquecer a memoria colectiva.
Os poemas, adoito lecturas posteriores das imaxes nas obras de Manuel Álvarez, veñen da man de Marta Dacosta, unha poeta que xa desde o seu primeiro libro Crear o mar en Compostela (1993) adoita introducir elementos mariños. Desta volta faino desde a suxestión, con textos breves e de forte condensación, onde salientan os sinais aliterativos e os xogos poéticos co espazo.
O fermoso obxecto de Piueiro, que até foi cosido en fío vexetal, está dedicado en homenaxe ao finado carpinteiro de ribeira Domingo Carrero Álvarez, Minxos, e complétase co pórtico de citas poéticas de Anxo Angueira, Emily Dickinson e T. S. Eliot, o epílogo de Camões e Valente e un texto final divulgativo do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, co título "Sentires do mar da Guarda", que lembra a dureza dos oficios do mar e a súa evolución e outro máis do propio Manuel Álvarez "Na época que Emily Dickinson" no que matiza a xestación lenta e vagarosa do proxecto, memoria contra a desmemoria, e dialoga cos versos de Antón Avilés de Taramancos e Olga Novo, antes de nos deixar un dos máis fermosos colofóns de toda a literatura galega e que é de obrigada lectura, tamén si.
Por parte, as ducias de imaxes de Xesús Búa, 175 fotos en Homes e mulleres de sal e ferro testemuñan e acompañan o labor dos percebeiros e percebeiras da Costa da Morte, nomeadamente Muxía e Camariñas, en todas as fases do seu labor de arrincar coas rasquetas os percebes das máis afastadas e batidas rochas e cons.
A perspectiva, sen desbotar a beleza, é máis abeirada ao fotoxornalismo, á fotografía documental, e entre todas elas obviamente salientan pola súa crueza aquelas imaxes que reflicten o desigual combate de percebeiros e percebeiras co mar batente, co risco de xogar coa propia vida, como lle aconteceu ao chorado amigo e enorme poeta Paco Souto, percebeiro que finou na costa de Razo (Carballo) o 30 de abril de 2017.
A obra ábrese con "Alén da heroicidade", un texto do mestre e historiador Xan Fernández Carrera que centra o seu documentado traballo nas familias percebeiras de Muxía antes de nos presentar o labor de Xesús Búa e lembrar os seus antecedentes na persoa de Ramón Caamaño Bentín (Muxía, 1908-2007), o primeiro e principal fotógrafo da Costa da Morte. As imaxes de Búa tamén se acompañan de breves notas a rodapé e, coma en Piueiro, moitos dos nomes tamén aparecen cos seus respectivos alcumes e tamén podemos coñecer moita microtoponimia. Outra vez a importancia de nomear.
Desta volta, cando percebeiros e percebeiras están no mar (porque tamén se nos presentan fóra dese ámbito, nas casas familiares por exemplo) campan os modernos traxes de neopreno, a carón das escasas ferramentas do oficio, as raspas ou rasquetas, e de accesorios como arneses, saquetas e trueiros, ou táboas e aletas para mellor enfrontarse co mar aberto, entre as covas e as fisgas. E moitas veces as cordas, esa ligazón coa vida, cando saltan entre as pedras "nunha danza improvisada sobre o mar".
No libro os poemas recollidos ao proviren de diferentes autorías e non estaren baseados nas imaxes, coma sucedía en Piueiro, reflicten interpretacións persoais sobre o oficio, algunhas desde a proximidade como as de Xosé Iglesias ou Alexandre Nerium, xa que o primeiro é mariñeiro de baixura en activo na actualidade e o segundo foino e desenvolve agora un encomiable labor como guía no Museo da Pesca de Fisterra.
A beleza das fotografías acompañadas de poesía, porque as imaxes e as palabras non se exclúen, converten estas dúas obras en testemuñas dos oficios do mar nesta nación atlántica que leva desde a súa nacenza, porque como afirmou Xurxo Souto "Galiza é unha pedra chantada no océano".
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC
- Carta derradeira ao bibliotecario Mon Rey Senra.
- Buguinas poéticas en Fisterra
- Camariñas, Carnota, Cee, Mazaricos e Muros no libro "Os mestres mortos daquel verán", de Narciso de Gabriel
- Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura.
- Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. "Galicia, lo gallego y los gallegos", de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán.
- O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega.
- A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán.
- Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?.
- Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega
- A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- "Kurkuilua modu minorrean", "Buguina en modo menor", poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium.
- Unha tradución de Antón Zapata García na revista Ressorgiment (1936).
- Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019).
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- 2023: No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na Revista Portuguesa 'A Águia'
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.