sábado. 11.10.2025
El tiempo

Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa

retablo maior da igrexa de Bértoa, construido durante a etapa de párroco de don Narciso na freguesía-Luis Bermiudez
Retablo maior da igrexa de Bértoa, construido durante a etapa de párroco de don Narciso na freguesía-Luis Bermiudez
Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa

O sacerdote que imos retratar neste artigo foi dado a coñecer nestes últimos anos xa que, grazas a el, recibiron sepultura digna varios represaliados da Guerra Civil atopados sen vida en Queo de Arriba, Bértoa (Carballo), o 29 de setembro de 1936. Sen embargo, aparte deste feito, é importante dar a coñecer a labor feita anteriormente polo ben desta freguesía, que rexentou dende a súa ordenación sacerdotal ata a súa morte. 

Don Narciso naceu ás 12 da mañá do 14 de xullo de 1864 na parroquia de San Bartolomeu da cidade de Pontevedra, igrexa na que recibiu o bautismo de mans do presbítero José Pérez o 16 do devandito mes: foi nomeado como Narciso Luis Juan Buenaventura Carmelo. Era fillo de Diego Coello Alcázar, natural de Xaén, e Dolores Osorio, natural de Pontevedra; neto paterno de José Patrocinio Coello e Trinidad Alcázar, e neto materno de Ramón Osorio e Juana Fassoles. Foi confirmado en setembro de 1873 na mesma parroquia, de mans do Cardeal Miguel García Cuesta. Decidido por seguir a súa vocación sacerdotal, e logo de iniciar os seus estudos na cidade do Lérez, pasou ao Seminario de Santiago, onde en 1883 foi tonsurado, en 1885 recibiu os grados, en 1886 o subdiaconado, en 1886 o diaconado e, finalmente, en 1888 o presbiterado.  Don Narciso era curmán de Rafael Coello de Portugal e Oliván, xeneral e participante dalgúns fitos na historia nacional a finais do século XIX, e que foi encarcerado en 1936 pese a súa avanzada idade, e tamén curmán de Francisco Coello de Portugal Pérez; sobriño de Alonso Coello de Portugal Contreras, secretario da infanta Isabel e Conde de Pozo Ancho del Rey. 

Logo de ser ordenado, don Narciso pasou ao que sería o seu único destino: Santa María de Bértoa, no corazón de Bergantiños, no municipio de Carballo. Alí foi para cubrir a vacante do curato logo que o anterior párroco, don Nicolás Varela Díaz, pasase en 1881 á freguesía compostelá de San Miguel dos Agros. Don Nicolás, do que falamos nun artigo anterior, era natural de San Martiño de Oca, en Coristanco, e foi el o promotor da nova igrexa de Bértoa, que mudou de lugar e ergueu de novo. Coa arquitectura totalmente baleira, unicamente poboada cos vellos retablos e imaxes deterioradas, don Narciso propúxose mellorar aquela situación: mercou imaxes novas ao escultor Vilariño en Santiago (Santa Eufemia, San Lázaro, San Ramón, San Amaro...) e adquiriu o magnífico retablo maior, de tipo gótico, do escultor Joaquín López. Xunto a isto, don Narciso promoveu a recuperación de romaxes esquecidas e outras de nova invención que logrou asentar e que aínda se celebran a día de hoxe. Don Narciso faleceu o 31 de marzo de 1945. Non podemos esquecer a súa faceta de poeta, transcribindo a continuación un soneto publicado en “La Vida Gallega” o 20 de setembro de 1920, dedicado a un reiseñor. 

“Canta cuando la aurora, nacarina/ se asoma hermosa y bella por Oriente/ canta cuando la luz resplandeciente/ del Astro Rey, los valles ilumina.

Canta cuando a la tarde el sol declina/ tras el dormido mar, brillantemente/ canta cuando la luna amaneciente/ se destaca sin nubes, argentina.

Canta: que ya llegó la Primavera/ con sus auras, sus brisas y sus flores/ dejando al crudo invierno en el olvido.

Canta dulce cantor de los cantores/ de los bosques. Tu triste compañera/ empieza a fabricar su pobre nido”.

Máis artigos de Luís Bermúdez

Comentarios