Boca de Sapo apela "ao sentido do deber público" polo Centro de Día XA

Imaxe dunha acción da Plataforma polo Centro de Da Xa

Segue Corcubión pendente da futura apertura do Centro de Día de xestión privada. A vila leva décadas pelexando por unha infraestrurura necesaria en materia de benestar e conciliación, pero a Xunta leva outro tanto deixando as súas responsabilidades na externalización. Foron varios os grupos de goberno que o intentaron, e varios os grupos veciñais que levaron a demanda á voz pública. 

Nos últimos tempos é a Plataforma Xuntos polo Centro de Día a que leva a voz da veciñanza ante as administracións. Anos antes, a cidadanía loitou a través da campaña Centro de Día XA! É precisamente unha das entidades que formaron parte deste movemento social, Boca de Sapo Comunidade Ecosocial e Cultural, a que quere amosar a súa postura tralo último atranco que ten esta semana a necesitada infraestrurura sanitaria.

Cómpre lembrar que os tres grupos da oposición rexeitaron a pasada semana unha resolución para usar dúas partidas no equipamento do futuro Centro de Día. Tras unha semana de achegamentos entre o grupo de goberno do BNG e a oposición, o goberno municipal convocou unha nova sesi´pon plenaria extraordinaria para este venres ás 19:00h, para reiterar a votación.

A postura de Boca de Sapo.

Como entidade do tecido social que no 2019 decidiu facer "espertar" a cuestión da necesidade de ter un servizo público esencial en Corcubión como un Centro de Día e que realizou diferentes actividades de visibilización, concienciación e activismo (recolleita de máis de mil sinaturas de apoio, creación de pancarta colectiva, lectura de manifesto, reunións co goberno, reunións coa Plataforma de Rianxo, Perfomance desde o propio Centro de Día denunciando o inmobilismo das entidades públicas, esconxuro por un Centro de Día...) para que as institucións públicas solucionaran un problema que levamos arrastrando desde hai xa demasiados anos, vémonos na obriga de romper o silencio e entrar de novo no debate público e dar as seguintes consideracións:

  • Que o Centro de Día é un dereito que temos que ter como cidadáns.
  • Que as entidades publicas están na obriga de outorgarnos este tipo de servizos esenciais, maiormente nun contexto de poboamento envellecido.
  • Que este tipo de servizos deberían estar fóra de tacticismos e estratexias de corte partidario e que estes en conxunto asuman a responsabilidade que teñen como representantes do pobo e cumpran o que din nos seus programas electorais. 
  • Que entendemos a crítica construtiva como piar da pluralidade democrática e entendemos que os partidos políticos da oposición teñen o deber de fiscalizar e controlar as accións de goberno, mais non entendemos, como entidade comprometida co social, o posicionamento en contra no último plenario dos grupos da oposición. Cústanos entender, desde logo, que un servizo esencial como un Centro de Día non sexa visto como prioritario no quefacer político en Corcubión e que os intereses políticos partidarios non queden, como é o caso, aparcados polo ben común.

Quen perde aquí sempre é o pobo representado 

Apelamos ao sentido do deber público. Apelamos ao sentido común e que no pleno deste venres se debata, critique e se corrixan as posíbeis diferenzas, eivas e/ou erros que se puideran cometer e que dunha vez por todas collamos o camiño correcto para ver algún día as portas abertas de par en par do Centro de Día.

Sería desde logo unha verdadeira conquista social colectiva. 

Algo do que deberíamos comezar a saber presumir todas e todos os que habitamos Corcubión.

E como dicíamos o que era daquela a nosa consigna.

Solucionen o problema.

Centro de Día Xa!

Histórico do Centro de Día