"Cada día que pasa sen abrir este Centro de Día é un fracaso colectivo"

Algúns dos representantes da Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión

Despois do polémico pleno deste pasado xoves no que os tres grupos da opoosición rexeitaron unha moción para dar un paso fundamental de cara á apertura do demandado Centro de Día de Corcubión, faltaba coñecer a posición da entidade veciñal que leva anos pelexando por facer realidade unha necesidade fundamental para a vila de San Marcos e a comarca.

"Os intereses da veciñanza deben estar por riba das diferenzas políticas"

Mentres o grupo de Sempre Corcubión argumenta a súa negativa pedindo "información" e "transparencia", e alegando que non coñecen os convenios nin os pormenores económicos do proxecto, a Plataforma Apartidista Xuntos polo Centro de Día de Corcubión quere amosar a súa "profunda preocupación pola situación que está a vivir o Centro de Día Comarcal de Corcubión tras coñecerse que os desacordos políticos poñen en risco unha achega económica fundamental para a súa apertura".

"Levamos demasiado tempo advertindo de que o Centro de Día non pode seguir sendo refén das loitas partidistas nin dos intereses particulares. As persoas maiores que precisan deste servizo e as súas familias non poden continuar pagando as consecuencias dunha confrontación política que só provoca máis atrasos e máis incerteza".

"Facemos un chamamento a todos os grupos políticos con representación no Concello de Corcubión para que antepoñan o interese xeral da cidadanía por enriba de calquera diferenza ideolóxica ou estratéxica. Os representantes públicos foron elixidos para solucionar problemas, non para agravalos".

"Desde esta plataforma apartidista reclamamos diálogo, responsabilidade e altura de miras. É imprescindible alcanzar un consenso que permita desbloquear definitivamente esta situación e garantir a apertura dun servizo esencial para toda a comarca".

"As persoas dependentes e os seus coidadores levan demasiados anos esperando. Non poden permanecer máis tempo secuestrados por desacordos entre quen ten a responsabilidade de representalos. Cada día de atraso supón unha oportunidade perdida para mellorar a calidade de vida de moitas familias.

"Cada día que pasa sen abrir este Centro de Día é un fracaso colectivo. Cada atraso ten nome e apelidos: son as persoas dependentes que non reciben a atención que merecen, son os familiares e coidadores que soportan unha carga cada vez maior e son os veciños que ven como unha infraestrutura pública permanece inutilizada."

"A historia xulgará a quen traballe para unir e resolver, e tamén a quen antepoña os intereses políticos ás necesidades reais da veciñanza."

"A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión seguirá defendendo, con independencia e sen siglas políticas, a apertura inmediata deste servizo tan necesario".

Máis novas

Histórico do Centro de Día