Venres. 19.04.2024
El tiempo

Medio millar de percebeiros maniféstanse pacificamente para que respecten os seus “santuarios”

Manifestacion Percebeiros Santiago 1 3
Medio millar de percebeiros maniféstanse pacificamente para que respecten os seus “santuarios”

Boa demostración dos percebeiros de todo o país. Máis de medio millar de profesionais de toda a costa galega concentráronse este sábado 15 de abril en Santiago de Compostela. Ás portas dun San Caetano pechado, os percebeiros fixeron oír as súas demandas a unha Xunta de Galicia que unha vez tras outra lles dá as costas na loita contra a invasión do sector bateeiro.

Dun xeito pacífico (algo moi coidado tralas concentracións agresivas desta semana dos bateeiros), os percebeiros quixeron denunciar a chapuza na xestión da extracción por parte da administración galega, protexendo e desprotexendo as pedras máis prolíficas do percebe, das partes máis externas das rías. “Cando non se fai xestión, o mellor é dimisión” sinalaban as pancartas.

Co apoio das Confrarías e das Federacións de Confrarías, os percebeiros levaron imaxes do antes e despois nas rochas do paso da mexilla, deixando claro que o percebe necesita a mexilla para medrar forte, e que cando os bateeiros, que carecen de regulación algunha para a sua extracción, pasan por unha zona, esta queda arrasada de percebe.

Houbo moita presencia de profesionais de Corme, Muxía, Laxe ou Muros, pero tamén da Coruña e tamén de Carreira e Aguiño, Cangas, Baiona… "Percebeiros, especie protexida" rezaba outra campaña.

Manifestacion Percebeiros Santiago 2
Percebeiros de Muxía
Manifestacion Percebeiros Muros Santiago 1
Percebeiros de Muros
Manifestacion Percebeiros Corme Santiago 1
Percebeiros de Corme 
Manifestacion Percebeiros Laxe Santiago 1
Percebeiros de Laxe

Reunión coa Conselleira

reunion dos percebeiros de Muxia coa Conselleira
Sandra Vilela (candidata do PP de Muxía), Daniel Castro (patrón de Muxía), Luís Siera (patrón de Laxe), Rosa Quintana (Conselleira do Mar), Toñico Haz (percebeiro de Muxía) e Roberto Vidal (percebeiro de Corme)

Xa pola tarde, os percebeiros de Muxía, Corme e Laxe aproveitaron a visita da Conselleira do Mar á presentación da lista dos populares de Muxía para manter unha reunión. Os percebeiros trasladáronlle as súas opinións, e se ben consideran que o asunto é grave, cren que “ela ten interese en arranxar a situación”. En calquera caso, son consicentes de que “non podemos baixar a garda para que nos respecten os nosos santuarios”. Debería haber moitos cambios, pero hai que esperar acontencimentos”, sinalan.

Escrito coas demandas dos percebeiros

Os percebeiros de Muxía entregaron este escrito por todo Compostela:

DEMANDAS DO SECTOR PERCEBEIRO NO CONFLICTO POLA EXTRACCIÓN DA MEXILLA

Son numerosos os informes que mostran o impacto negativo do cultivo do mexillón nos ecosistemas galegos. O seus efectos impactan por partida dobre, sobre as rías nas que se atopan situadas as bateas e sobre o intermareal rochoso do que extraen a semente de mexillón. A adaptación da obsoleta normativa que regula esta actividade á realidade actual, tanto no ámbito da recolección como da produción é un obrigado.

A necesidade dun plan estratéxico do mexillón que poña en marcha estratexias de mellora e regularice a actividade vense demandando dende fai anos. A situación máis indignante estámola a ver nos últimos días, cando a protección de zonas rochosas que pretendían o amparo do percebe e do seu hábitat (ZEP), están a ser eliminadas sen outro criterio que o mantemento da produtividade e rendibilidade económica mexilloeira. Ditas zonas foron aprobadas segundo criterios biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais, dictados pola mesma Consellería que agora os converte en papel mollado para primar a rendibilidade económica das bateas.

A falta dunha norma que se adapte á realidade actual na actividade do cultivo do mexillón está a acarrear graves prexuízos nun sector percebeiro que funciona con Plans de Xestión que teñen por obxectivo esencial a sostebilidade dos recursos, por iso a nosa principal demanda debe ser a igualdade de condicións na regulación de todas as actividades que supoñan a recolección de recursos do medio mariño.

A extracción de semente de mexillón debe estar regualada por un Plan de xestión que se adapte ós criterios establecidos pola PPC, nos mesmos termos e e condicións que os Plans de Xestión marisqueira e de recursos específicos o fan cos seus respectivos. Así este Plan deberá conter:

  • Obxectivos de producción biolóxicos, basados en avaliacións do stock que permitan estimar as cantidades de semilla dispoñible nas diferentes zonas de recoleción cunha xestión espacial da extracción.
  • Uns obxetivos ecolóxicos que minimicen a captura incidental de especies asociadas (percebe, balánidos, algas coralinas…) con indicadores que poidan ser definidos mediante un programa de seguimento e avaliación, tal e coma ocorre co resto de recursos marisqueiros
  • Unha estratexia de captura precautoria, incluíndo reglas de control de capturas que respondan ó estado da población e limiten a produción de ser necesario.
  • Seguimiento das capturas de mexilla e especies asociadas.
  • Técnicas de extracción de mexilla conservadoras coas comunidades intermareais, modificación do Artículo 37.4 do Decreto 406/19964. “Una vez recogida la semilla, los recolectores eliminaran, mediante rasquetas, todos los organismos fijados en la zona trabajada con el fin de aumentar el rendimiento de las mismas”.
  • Elaboración de cartografía científica actualizada e xestión espacial da extracción da mexilla e do percebe, garantindo a protección de ZEP.
  • Unha revisión da temporada de veda establecida con criterio científico, de maneira que permita a recuperación do conxunto de especies bentónicas asociadas e tendo en consideración a estima de 2 anos de descanso necesaria para a recuperación do percebe.
  • Un plan de vxilancia que reforce o sistema de Control, Inspección e Vixilancia da Consellería do Mar, mediante gardapescas marítimos, para o control da extracción de mexilla nas diferentes zonas, así como das capturas accidentais asociadas.

Sería un obxectivo a valorar a creación dun órgano de coordinación e xestión que inclúa os colectivos de recolectores de mexilla e percebe, administración, así como a comunidade científica e ONGs para o seguimiento dos planes de xestión indicados e que puidera evaluar a eficacia das medidas adoptadas.

 

Manifestacion Percebeiros Santiago 1

NOVAS DO CONFLTO DA  MEXILLA

OUTRAS NOVAS

 

Comentarios