Luns. 04.11.2024
El tiempo

Dúas vitorias dos seniors nunha xornada repleta colocan ao Volei Dumbría na 3ª praza

Dúas vitorias dos seniors nunha xornada repleta colocan ao Volei Dumbría na 3ª praza
Os Senior do Volei Dumbria defendendo un remate

Completa, e boa, xornada para os maiores do Voleibol Dumbría. Dúas vitorias os colocan na 3ª praza aínda pelexando por todo.

Non foi tan ben na base, onde só os infantís sumaron, polas derrotas dos cadetes e xuvenís en Boiro, ademais das cadetes nos seus dous partidos. A máis dolorosa a dos xuvenís, que quedan fóra da pelexa polos postos de arriba.

2ªA División Sénior Masculina

  • Resultado: Xiria - V. Dumbría (1-3)
  • Parciais (25-23, 14-25, 16-25, 28-30).
Vitoria no derbi comarcal do V. Dumbría ante o Xiria de Carballo. Enfrontábanse dous equipos totalmente opostos. O local formado por xogadores veteranos forxados en equipos coruñeses de certa categoría, onde moitos deles xogaron en primeira e en Superliga2 e o equipo visitante onde predomina a mocidade e onde todos os seus xogadores son da canteira. Empezaban o partido indecisos no saque os xogadores dumbrieses e con problemas en recepción que dificultaba a posibilidade de combinar en ataque, mentres que os carballeses mostrábanse moi acertados desde a liña de saque. A partir de aí, os dumbrieses impoñeríanse con facilidade en todas as facetas do xogo e serían moi superiores ao equipo local, que non eran quen de frear o ataque rival. Só no último set, marcado por unhas decisións arbitrales que sacou de quicio a ambos equipos, os locais serían capaces de empatar o set e dar emoción ao final do partido.

2ªA División Sénior Masculina

  • Resultado: Boiro - V. Dumbría (2-3).
  • Parciais: (14-25, 25-18, 15-25, 25-23 e 12-15).
Partido moi disputado como demostra o marcador final entre dous equipos que se coñecen moi ben. Empezaron os dumbrieses impoñéndose sen dificultade no primeiro set, pero enseguida empatarían os de Boiro cunha gran actuación ao saque de Coco Alvite. No terceiro set, os dumbrieses volverían impoñerse con certa facilidade debido aos erros en recepción do equipo local, o que facilitaba a defensa e o poder puntuar ao contrataque con certa facilidade. O cuarto set foi unha suma de altibajos en ambos equipos e tras un inicio moi malo de set, os xogadores visitantes foron capaces de darlle a volta e poñerse por diante no tramo final do set e cando parecía que o partido chegaba ao seu fin os boirenses dar a volta ao marcador forzando o quinto set, no cal impoñeríanse os dumbrieses, ao xogar con máis tranquilidade os balóns decisivos do partido.

Cadete masculino

  • Resultado: Boiro - V.Dumbría (3-1).
  • Parciais: (25-19, 25-21,19-25 e 25-21).
Difícil desprazamento para o equipo cadete, que se enfrontaba ao líder da categoría e facíao mermado polas baixas, podendo desprazar a tan só 6 xogadores, un deles de categoría infantil. Malia todo, o equipo plantoulle cara ao partido e desenvolveu momentos de gran xogo, chegando a gañar incluso un set. O principal problema estivo á hora de atacar, xa que o facía sen a súa colocador habiltual, e tivo que asumir esa responsabilidade un xogador de primeiro ano que nunca xogara nesa posición. Podería dicirse que foi unha derrota doce, xa que o equipo soubo sobrepoñerse ás adversidades e plantarlle cara a un dos equipos que parten como favoritos para adxudicarse unha das prazas para participar no Campionato de España.

Xuvenil masculino

  • Resultado: Boiro - V.Dumbría (3-0).
  • Parciais: (25-18,25-17 e 25-17).
Con esta derrota o equipo xuvenil despídese das opcións de clasificarse para a fase final do Campionato Galego, xa que debería polo menos gañar 2 set. Con tan só 4 xuvenís e coas baixas do equipo cadete, o obxectivo de gañar algún set se esfumó nos primeiros compases do partido, xa que a superioridade do bloqueo rival facía moi difícil conseguir puntos co ataque. Isto unido aos numerosos erros ao saque fixeron que o equipo rival puntuase con moita facilidade e levásese o partido por un cómodo 3-0.

Infantil masculino

  • Resultado: Boiro - Manuela Rial (2-3).
  • Parciais: (27-25, 25-23, 22-25, 22-25 e 13-15).
Infantis do Manuela Rial Partido de infarto o disputado entre estes dous equipos moi novos e en completa formación. Os visitantes tiveron que levar a dous benxamíns debido ás numerosas baixas para poder completar o equipo. Adiantábanse os locais debido á súa superioridade desde a liña de saque e os xogadores da Costa da Morte serían capaces de darlle a volta ao partido, liderados por un gran Xabier Larrañaga.

Cadete feminino

  • Resultado: Ies Ames - Voleibol Dumbría (3-0).
  • Parciais: (25-12, 25-9 e 25-10).
Derrota dás cadetes moi limitadas polas ausencias que non foron rival para as de Ames que venceron sen moita dificultade.

Cadete feminino

  • Resultado: Voleibol Dumbría - CV Ourense (0-3)
  • Parciais: (11-25, 10-25, 14-25)
Derrota tamén na casa nun equipo que non acaba de recuperarse nin dás baixas e lesións.

Infatil feminino

  • Resultado: Manuela Rial - CV Ourense (0-3).
Derrota das infantís, un equipo que non consegue medrar na hora de competir e resultan moi fáciles de bater.

Vindeira xornada

  • Sabado 28:
    - 16:30h - Infantil feminino: Ies Ames-Manuela Rial en Bertamiráns.
  • Domingo 29 en Dumbría:
    - 10:00h - Senior masculina 2º división: Voleibol Dumbría - Burgas Ourense.
    - 11:30h - Xuvenil masculina: Voleibol Dumbría - Burgas Ourense;
    - 11:30h - Infantil masculina: Manuela Rial - Burgas Ourense;
    - 13:00h - Cadete masculina: Voleibol Dumbría - Burgas Ourense;
    - 13:00h - Cadete feminina: Voleibol Dumbría - Boiro.

Crónicas da temporada

Fonte

  • Volei Dumbría.

Comentarios