mércores. 30.04.2025
El tiempo

O XSC manda en Infantís mentres a igualdalde o fai en Cadetes

O XSC manda en Infantís mentres a igualdalde o fai en Cadetes
Miudos e Fisterra de Infantis saltan ao campo-Foto-Viviana Bermudez

Xornada importante nas ligas comarcais de Cadetes e Infantis esta celebrada a pasada fin de semana de 18 e 19 de outubro. Unha 6ª xornada que tivo varios choques directos, deixando as clasificacións moi igualadas, sobre todo a de Cadetes, se ben en Infantís, o XSC parece un paso por diante do resto, e afiánzase como firme candidato á meterse na Fase de Ascenso e buscar acompañar ao Dumbría na Liga Galega Infantil.
Pero imos vendo como andan as clasificacións, unha semana antes de que dean comezo das Ligas Comarcais de Fútbol Sala "Costa da Morte", das que falaremos mañá:

1ª Cadete, xornada 6

Choque de cadetes entre Corme e As Baleas-Foto-Fin Lema

Segue tensa e moi igualada a loita polas 2 primeiras prazas que dan acceso á Fase Previa á Liga Galega Cadete, onde compite este curso o XSC que, por certo, acadaba a primeira vitoria esta semana.

Partidazo o que se vivía no Cairo este sábado entre As Baleas, que chegaban líder, e o cadro cormelán. Un Corme que toma o relevo no liderato tras vencer aos camariñáns por 3-0, cos goles de Samu, Manu Tasende e Manu Carballal.

Tamén vencía o Cabana por 2-0 cos tantos de Nando e Santiante un Sofán que a estrea na categoría lle está costando, pois aínda non estreou o taboleiro de puntos.

Cabana Cadete-Foto-SD Cabana

Quedan cormeláns e cabaneses, os únicos que non coñecen a derrota xunto co Fisterra, no máis alto da táboa, con 13 puntos, pero ollo que As Baleas e Esteirana, que endosaba unha soberana goleada ao Baio (8-0), teñen 12; polos 11 do Fisterra, que sufría para superar a un Ponteceso que quere unirse ao grupo cabeceiro. Nese choque, o porteiro pontecesán Damián tivo que parar un penalti e o gol da vitoria foi anotado a falta de 15 minutos para o remate por medio de Dani.

Por abaixo, queda o propio Sofán sen puntuar, co Coristanco sumando 3 puntos.

1ª Infantil, xornada 6

Está o XSC un punto por riba do resto na 1ª Infantil, e se reafirma como candidato a ocupar a única praza que dá acceso á Fase Previa á Liga Galega Infantil, máxima competición da categoría, na que participa o Dumbría. Os verdes e laranxas recibían e Fontenla ao Corme, un dos equipos que se mantiña pegado, pero a pegada dos xalleiros permitiulles sumar unha vitoria que abre unha fenda co grupo perseguidor. Un grupo formado por Fisterra, Cabana, o propio Corme e Os Miúdos, situados a 4 puntos do líder.

Prantou cara o Corme en San Pedro de Castriz, e ata empatou por dúas veces, anulando os goles de Fabián Amarelle por medio de Yago e Manu Tasende, pero o propio Fabián completaba o seu hat-trick para darlle a importante vitoria aos seus.

Importante foi tamén o choque entre Cee e Cabana. Ambos chegaban empatados con 9 puntos, e os cabaneses sacaron unha apurada vitoria por 1-2, cos tantos no treito final de Rubén Reigía e Simón, que anulaban o gol inicial de Hugo Insua para os ceenses.

E púidose ter metido arriba, a un só punto do líder, o Fisterra, pero o cadro muradán dos Miúdos deixou o premio dos puntos no Eleuterio Balayo. Foi un partido bronco, decidido por un solitario gol de Alonso Louro para os de negros.

Por abaixo, quedan Zas e Coristanco aínda sen puntuar, cun Sofán que sumou os seus primeiros 3 puntos ante o Outes.

Crónicas de Cadetes e Infantís

Comentarios