1ª FUTGAL: O Dumbría salva un matchball en San Pedro

Traia esta primeira xornada da 2ª volta o derbi en San Pedro entre Castriz e Dumbría. Un choque igualadísimo, que demostra que este ano o Dumbrçía vai polo ascenso, cunha pegada tremenda.
Tamén sumabana importantes Fisterra e Esteirana, sobre todo a dos blaugranas para poñer terra de por medio coa zona de perigo. Porén, o que se deixaba 2 puntos en casa foi o Muxía que tiña o partido encarrilado pero se deixou remontar polo Vea.
O SanLo non foi quen de gañar en casa e segue pechando a táboa.
San Lorenzo - Vizoño (0-3)
O Vizoño soubo adaptarse mellor o campo e estado do terreo de xogo que o propio equipo carballés, nun choque de moito xogo directo e disputas no que os visitantes foron máis eficaces. Reclamaron penalti os locais nun man a man de Raúl ante o porteiro no que o defensor o empuxa por detrás cando ía a disparar. No minuto 33 adiantábase o Vizoño e xusto antes do descanso un erro na saída de balón do equipo local o Vizoño facía o 0-2 para ir os vestuarios.
Intentouno o SanLo con varias chegadas pero sen premio, e o que si chegaría era o terceiro do Vizoño para sentenciar o partido. Destacar o debut do Xuvenil de primeiro ano Rodri con bos minutos.
Bastavales - Fisterra (2-3)
Nova vitoria deste espectacular Fisterra, a pesar de non poder con Isaac. O choque metíase de costas para os de Diego Lobelos cun gol de córner dos locais. O Fisterra non estaba mal, chegando con Makaay, Bruno, Guille… ante un Bastavales que corría riscos en defensa. Un córner directo de Makaay que salva o porteiro e Rubén remacha, pero salva un defensa na liña de gol era a mellor ocasión dos visitantes. A lesión de Makaay provocou un cambio de esquema, pero o equipo acabou agradecendo a modificación, e a 5 do descanso, Lobelos conseguira empatar. Pouco despois, xa no desconto da primeira, unha internada de Isma permitíalle facer o segundo cun tiro ao primeiro pau. Tivo outra o cadro visitante antes do descanso.
Bruno e Guille levaban moito perigo na segunda, pero o equipo non sentenciaba. Foi Gabi, a nova fichaxe fisterrá procedente do Cee, o que marcaba a 10 do final tras unha xogada de Bruno. Ai os locais envorcáronse, pero as mellores ocasións eran á contra, pero non foron capaces de pechar o partido, e os locais colaban o segundo, metendo máis incerteza no final do partido. Pero este babyFisterra é capaz de competir moi ben e pelexou a vitoria ata o final.
Muxía - Vea (2-2)
Escapáronselle dous puntos ao cadro de Pataca, nun choque no os locais se colocaban cun claro 2-0 ao descanso (marcaba pronto Iago Muíño e o Róber ao fío do descanso) puideron ter ido aos vestiarios con máis vantaxe.
Pero o equipo baixou na segunda, os cambios tampouco axudaron, e o Vea foi pisando área local cada vez máis. Tivo ocasións á contra para sentenciar o equipo vermello, pero os visitantes acabaron empatando e levando un valioso punto de Arliña.
Esteirana - Agolada (4-2)
Vitoria importantísima da Esteirana ante o equipo que marca a salvación, ao que deixa agora a 6 puntos. O cadro de Iván González foi máis práctico, correndo menos riscos na saída de balón. Comezaron ben, tendo casoóns, e Pablo Rama conseguía abrir o marcador. Pero de contado os visitantes empezaron a mandar balóns arriba, e os esteiráns sufrían nos segundos balóns, tendo o rival 3-4 ocasións de gol, ata que empatan dende a frontal á media hora.
Saían moi ben de novo na segunda os locais, e Pablo Rama facía o segundo dende os 11 metro, por un penalti inxenuo. Bos minutos aí dos blaugranas, que se colocaban 3-1 co tanto de Kevin, e a expulsión do visitante Pape Samb. No canto de sentenciar, o Agolada metíase de novo no partido, pero aí estivo moi serio o equipo local, que soubo ler o partido, esperou o seu momento, e sentenciaba a 15 do final por medio, de novo, de Kevin Rial nun córner.
Castriz - Dumbría (1-2)
Igaualdísimo derbi en San Pedro, cun Castriz que comezou moi ben, ante un potentísimo Dumbría que demostrou a súa eficacia e salvou un matchball de cara ao ascenso.
Comezaba o partido con dous mans a mans de Diego ante Coke, que salvou o meta xalleiro, e tamén dúas de Noli, que tamén salvou Anxo (outra en fóra de xogo). Un tiro lonxano de Dani Chao servía para abrir o marcador a favor do Dumbría, ante un Castriz que intentaba levar o mando do choque.
Moi pronto na segunda, aparecía Borja Gándara para rematar un centro lateral e facendo o empate. O Castriz percutia e o intentaba ante un Dumbría que aguantaba e pouco a pouco foise estirando e lanzando duros zarpazos, como o espectacular tiro lonxano de Brais que acababa convertíndose no 1-2 a 10 do final.
Quedaba pouco, pero ademais a lesión de Saúl Proupin provocou que o equipo xalleiro, sen cambios, quedase con 10 para o último treito de partido, que foi esmorecendo coa apretada vitoria dumbriesa.
Máis info
- Todas as táboas ligueiras en www.futboldacosta.com.
- Os cadros da Copa da Costa en www.copadacosta.com.
Todas as crónicas da 1ª FUTGAL
- X.17: O Dumbría remata a primeira volta na segunda praza a dous puntos do líder.
- X.16: O SanLo reacciona antes de fin de ano e o Dumbría bate co Muxía.
- X.15: 4 costeiros entre os 7 primeiros.
- X.14: Resultados para todos os gustos.
- X.13: Dumbría e Muxía manteñen a loita ben arriba.
- X.11: Dumbría e Muxía, en postos de podio.
- X.10: A xornada de derbis cóbrase o primeiro adestrador.
- X.9: O gran papel dos equipos costeiros.
- X.8: O Muxía métese en postos de promoción.
- X.7: O Castriz ponse líder costeiro.
- X.6: Subindo ao segundo e ao terceiro vagón.
- X.5: Fisterra e Muxía igualan a táboa nos derbis.
- X.4: A Esteirana e o Dumbría métense no vagón de cabeza.
- X.3: Fútbol total
- X.2: O Dumbría pon a quinta marcha.
- X.1: Dumbría e Fisterra comezan de 4 en 4.