Abril: o esplandor na herba e os soños de xuventude
“Miña nai casade as fillas
nas deixés envellecer
que non son herbas dos campos
que volven enverdecer”
Popular
Na cultura agraria tradicional coa chegada de abril retirábase o gando dos herbais para que, favorecida polas propiedades fertilizantes da chuvia e o crecente sol dese mes, a herba derramara o seu elevado, denso e vizoso verdor por todas as campías. Só nos herbais máis enxoitos podían pacer algún tempo a maiores, pois nas brañas e nos máis mollados o desprazamento dos animais por terreos tan moles producía o que entre nós chamamos ghrotas, é dicir, buratos nos que despois non medraba a herba.
Esta maneira de actuar onde o gando trocaba as abrigadas e gustosas praderías polas ásperas alturas montesías era precisa para que avanzado o mes de xuño se lograra unha abondosa colleita de herba seca que complementara a mantenza das vacas durante todo o ano. Esta mudanza aos animais non lle prestaba nada ben, o refrán “Abril coiros mil” é moi ilustrativo dos efectos que o cambio de dieta lles provocaba. Cambio no que degaxaban as carnes e os pelellos adquirían todo o protagonismo.
Sobre a proverbial pluviosidade do mes de abril non quero incidir, está recollida en infinidade de ditos e sentenzas. Unicamente citar aquel refrán que nos lembra que un “Abril quente e mollado carga o carro e farta o gando”. Por suposto que esta fartura era unha promesa de futuro que tería o seu cumprimento coa recollida da herba seca.
Mais hoxe o que me interesa é a herba verde que medra chea de brío ao longo deste mes. Coa primavera a natureza cárgase dunha poderosa enerxía que se manifesta dende as raigañas máis inhóspitas ata as terras máis feraces. Nesta nosa Galicia ateigada de praderías a herba agroma en abril cunha puxante presteza, unha apertada densidade, un intenso verdor e unha luminosidade tan suntuosa que toda a súa largueza semella un refulxente campo de esmeraldas.
Como mostra do que digo ilustro estas palabras coa imaxe dun lugar estreitamente xunguido ás miñas vivencias de rapaz: Quintáns. No primeiro plano está a nosa Braña, onde teño pasado coas vacas un número incontable de horas; máis alá atópanse os herbais de Taxán, e xa lindeira coa aldea a Agra de Piñeiro. A foto tomeina un 15 de abril e como se pode ver os campos teñen un aspecto espléndido.
Ese anovado revivir do mundo vexetal, esa lustrosa policromía que envolve toda a natureza e ese esplendor na herba quizais foran as causas que converteron ao mes de abril nunha IDADE en nun ESTADO DE ÁNIMO.
Unha idade porque o esplendor co que se reviste a natureza durante o mes de abril estivo desde antigo unido á idea de xuventude. Contar os anos por abriles ou parecer un abril eran unha constante alusión a ese estado edénico, a ese momento ideal no que se sitúa a mocidade dentro da traxectoria vital dos seres humanos. Unha época da existencia plena de louzanía e de vigor que está detrás da cantarea popular coa que se encabeza este texto. De sobras é coñecido que noutros tempos para contraer matrimonio era necesario contar cun dote canto máis substancioso mellor. Se non era así ou se este era escaso, en moitas ocasións podía ser suplido sobre todo no que atinxe ao xénero feminino, pola sempre valorada, sedutora e transitoria beleza. A necesidade de aproveitar ese intre de fugaz esplendor é a que xustifica os citados versos.
O feraz apoxeo de abril unido á súa identificación coa mocidade provocou, como dicía, outra afinidade estre este mes e o estado de ánimo propio da xuventude. Un estado non falto de contradicións e de temores, pero no que sobresae por riba doutros trazos o ENTUSIASMO. Un intre da vida que se o comparamos cunha existencia normal, non abarca máis alá do que dura o sorriso dun neno cando lle damos unha lambetada. Mais nese leve momento as esperanzas, a semellanza do saturado verdor de abril, atópanse intactas; as ilusións brillan coma unha radiante mañá de día de festa maior. Aquelas informes vaguidades da infancia van madurando ata converterse en firmes propósitos que agora se materializarán coa forza, a determinación e o desbocado palpitar de todo o ser xuvenil: os grandes ideais; as pretensións políticas máis utópicas; a consecución dun amor apaixonado e eterno; os maiores éxitos sociais e profesionais. Todo, todo é posible nese efémero suspiro. Pero moi pronto tomarán corpo as propias limitacións ou as impostas pola familia e o entorno social. Chegarán os primeiros desenganos e pouco a pouco imos aprendendo a renunciar, a asumir a realidade, a ser pragmáticos, a conformarnos con menos. Alguén dixo que o segredo da felicidade estaba en conformarse co que tiñas ou co que conseguiras. Pero os humanos por natureza somos seres insatisfeitos e incluso aquelas persoas que nun primeiro momento logran o que desexan, non tardan en manifestar desacougo e aquilo que buscaron e conseguiron deixa de cumprir as súas aspiracións para poñelas no camiño de novos retos.
Unha boa parte destas ideas podémolas atopar reflectidas na película norteamericana ESPLANDOR NA HERBA que o director Elia Kazan filmou en 1961 con guión de Willian Inge e protagonizada por Natalie Wood e Warren Beatty. O título da historia fai referencia metaforicamente a ese momento máxico da natureza ao que aludín máis arriba e que se identifica coa intensidade e as aspiracións coas que se vive a vida na mocidade.
Deanie Loomis e Bud Stamper están no último ano do instituto e viven nunha pequena vila do centro dos Estados Unidos nos momentos anteriores á caída da Bolsa de Nova York en 1929. A familia de Deanie ten unha pequena tenda e pertence á clase media. Pola contra a de Bud posúe importantes intereses petroleiros e sitúase na cúspide social e económica da comunidade. A parella está apaixonadamente namorada mais este desexo non o poden materializar sexualmente debido ás presións familiares. A nai de Deanie está obsesionada porque esta conserve a virxinidade; aínda que o fillo dos Stamper lle parece un partido ideal para ela. E o pai de Bud, por riba dos desexos do seu fillo que prefire traballar no vello rancho familiar, quere que vaia a Universidade de Yale e que teña un futuro profesional brillante e cheo de éxitos.
Bud ante a imposibilidade de manter unha relación na que ten que suprimir a actividade sexual maniféstalle a seu pai que irá á universidade pero que antes se casará con Deanie. O señor Stamper remata por convencelo de que se despois de concluír a carreira segue querendo contraer matrimonio contará co apoio da familia para facelo. Bud rompe, en principio por un tempo, a relación con Deanie debido á desesperación que lle produce a represión dos impulsos eróticos que vive a parella e, circunstancialmente, busca desafogo ás súas pulsións nunha moza máis liberada. Este proceder deixa a Deanie á beira do desequilibrio mental e nun intento desesperado por recuperalo está disposta a entregase a el con todas as consecuencias; pero Bud insensible ao seu esforzo non lle fai caso e lémbralle que ela é unha rapaza decente. Todas estas experiencias desencadean o momento máis dramático da película: Deanie cae nunha profunda crise nerviosa na que intenta suicidarse e terán que internala nunha clínica psiquiátrica durante uns dous anos. Bud séntese culpable e desexa casarse con ela pero os médicos aconséllanlle que o mellor que pode facer por agora e afastarse dela.
Ao seguinte curso marcha para a Universidade seguindo a vontade de seu pai. Mentres que Deanie se recupera prodúcese o famoso Crac de 1929 e o pai de Bud despois de perder boa parte da súa fortuna suicídase. O fillo que xa non ía ben nos estudos, cada vez máis desencantado e resignado decide abandonalos, traballar no rancho que tiña a familia e contraer matrimonio cunha camareira coa que mantivo relacións durante a súa estadía en Yale.
Deanie na clínica coñece a un médico aínda novo que tamén ten problemas e do que se encariña. Cando ela remata o seu proceso de curación este, xa exercendo a medicina en Cincinnati, escríbelle propóndolle matrimonio. Dennie retorna a súa casa pero, descoñecedora da situación de Bud, decide visitalo para poder tomar unha decisión sobre o seu futuro enlace. Atópao casado, cun fillo e con outro en camiño. O encontro é decepcionante pero fortalécea para empezar unha nova vida a pesar de que son conscientes, tanto Deanie coma Bud, de que o que tiveron e seguen tendo entre os dous nunca o lograrán coas súas respectivas parellas.
Un final é tan triste coma fermoso e enchoupado de melancolía á que contribúe a repetición con voz en off duns versos que citaremos máis adiante. A pesar do desenlace negativo, coido que é moi realista e totalmente afastado dos tópicos e edulcorados The End de Hollywood.
A incomprensión entre pais e fillos, o intento por parte daqueles de vivir nos seus fillos o que desexaron para si mesmos e os tabús relacionados co sexo sustentan esta historia na que pasamos dunha situación de felicidade e grandes esperanzas a outra de desenganos, frustracións e renuncias. Esta evolución faise sen odio, nin entre os amantes nin entre estes e os seus proxenitores. Estamos lonxe desas caricaturas de bos e malos integrais tan socorridas nos melodramas máis trasnoitados. Aquí os personaxes aprenden a comprenderse e a perdoarse.
Estamos diante dunha película cun guión perfecto merecedor dun Óscar. O director fai unha precisa e expresiva posta en escena na que abundan as atmosferas opresivas. De excepcional podemos cualificar a fotografía de Boris Kaufman plasmando con gran beleza e eficacia todos os ambientes e creando para os protagonistas a mellor fotoxenia das súas carreiras. A evocadora banda sonora de David Anram realza con elegancia os momentos álxidos da acción. As interpretacións son moi meritorias, especialmente acertada é a linguaxe de miradas que se crea entre os protagonistas. A moi axeitada selección dos escenarios nos que transcorre a historia contribúe de maneira poderosa á súa veracidade. Dentro deste apartado quixera subliñar o entorno da torrencial fervenza ao que van as parellas nos seus coches para estar soas. A liberadora caída das augas pode ser unha metáfora da liberdade que busca a mocidade nese lugar, pero a violencia coa que se precipitan contra as pedras tampouco está exenta de dramatismo. Alí comenza a película cos primeiros bicos e os iniciáticos e interrompidos intentos de fusión sexual entre Deanie e Bud, alí terá Bud a súa primeira experiencia carnal plena con outra moza e a alí intentará suicidarse Deanie. A escolla do vestiario amplía en cada unha das situacións a mensaxe que se quere transmitir. Neste sentido é moi simbólico que Deanie poña un elegantísimo vestido branco para a visita do remate do filme, dándolle a entender a Bud que se conservou pura para el e para esa voda coa que soñaron. En fin, facendo honor ao seu título, unha espléndida película sobre a inxusta expulsión dos protagonistas do paraíso romántico e a necesidade de asumir un alto grao de resignación para seguir vivindo.
Un motivo recorrente no filme e co que remata son uns versos do poeta romántico inglés WILLIAN WORDSWORTH (1770-1850) pertencentes ao poema “Oda á inmortalidade” recollido no libro Poemas de 1807. A mensaxe deste fragmento pode aplicarse a diferentes contextos relacionados coa frustración de moitas aspiracións políticas, económicas, profesionais ou sociais da mocidade. Pero no que se refire á película vén a dicirnos que aínda que o profundo amor que se teñen os protagonistas non logrou vencer as imposicións familiares e sociais, a forza dos mutuos sentimentos e dos soños dunha felicidade imperecedoira vivirá sempre dentro deles axudándolles co seu recordo a iluminar unha existencia que xa non contará co poderoso e entusiasta alento da xuventude nin co esplendor da herba en abril:
“Aínda que os meus ollos xa non poidan ver
ese puro escintileo que na miña xuventude me cegaba.
Aínda que xa nada poida devolver
a hora do esplendor na herba, da gloria nas flores,
non debemos aflixirnos, porque a beleza
sempre subsiste no recordo”.
PARA OS QUE QUEIRAN VER A PELÍCULA: escribide en Google cinedeantes2 e levaravos a unha páxina, alí ides co cursor a CLÁSICO e pinchades en Clásico11º (1960-1969), apareceranvos por orde cronolóxica as películas desa década, buscades ESPLENDOR EN LA HIIERBA en 1961 e xa está.
- Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- A enxebre elegancia de portar un paraugas.
- Cando Beba foi a capital de Mazaricos.
- A Venus galega precisa dos brazos para vivir.
- Aqueles esforzados carretos doutros tempos.
- O Monte Pindo e o Pai Sarmiento .
- O Corcubión de arredor de 1930 na serie de tarxetas postais de Tanarro.
- A Picota: Sesenta anos como capital de Mazaricos.
- As semellanzas dun conto galego e dunha lenda xaponesa.
- Cristobal González García: o primeiro Alcalde de Mazaricos.
- Santo Hadrián do Mar (Malpica): entre a realidade e a lenda
- As primeiras fotografías da fervenza do Ézaro.
- O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776
- O silencio das campás e o continuo ouveo dos teléfonos.
- O Cruceiro dos Vaos e outras historias.
- Quizais as primeiras fotografías do Faro de Fisterra.
- Os Cruceiros: de obxectos de importación a símbolos da galeguidade.
- O Cabo Vilán nun gravado de 1896
- Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto.
- Historia dunha fotografía singular no corazón da Picota.
- Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais.
- O río Beba.
- As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
- Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta
- O Santuario de Virxindón de Quintáns.
- 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras.
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos
- O Cruceiro do Sicho dos Outeiros.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.