Venres. 29.03.2024
El tiempo
Lola Rontano
15:38
05/06/22

As libeliñas de Debod

“Perdóneme el auditorio
Si ofende mi claridad
Cueca larga militar…”
Yo canto a la diferencia
, Violeta Parra

 

templo de Debod otra
Templo de Debod
As libeliñas de Debod

-Madrid é un como aeroporto, supoño que de aí o de Madrid ao ceo –comenta Lady Chorima.

Abofé, Madrid é unha lanzadeira, un embotellamento, un vestíbulo polo que circulan miles de persoas a un ritmo vertixinoso. Hai anos que nos baixamos deste carrusel e hoxe, ao regresar, non queda case ningunha das amizades de entón. Nin sequera nos bares. Todas andan dispersas polo mundo, parellas que se desfixeron, amigas que emigraron, familias acantonadas nos arredores.

-Aquí todo transcorre máis rápido –engade-, moitísimo máis que nos sitios pequenos.

Chori está de regreso en España, aínda que só por uns poucos días. Confluímos na capital de Españistán, ela vén facer un curso e eu acudín para vela en persoa, a fin de semana. Andamos pendentes das agullas do reloxo para non perder trens nin avións. Fáltannos horas para abrazarnos, durmir e espertar xuntas, antes de volvernos a separar, ela con destino a Escania, eu á Costa da Morte.

En Madrid hai dous lugares aos que sempre acabamos volvendo: un é a praza Ministriles, en Lavapiés, o noso antigo barrio, o outro é o templo de Debod. Son como dous remansos neste páramo urbano, que nos atraen como un espellismo de oasis.

-Este verán virás verme? –pregúntame.

-Alguén terá que sacrificarse... –respondo finxindo resignación.

Ás dúas preocúpanos a actualidade xeopolítica, esta partida de Risk que se están xogando os EEUU e Rusia en chan ucraíno, pero evitamos falar diso. Sobre todo, agora que Suecia e Finlandia están por unirse á liga da OTAN. Con todo, antes ou despois, o tema acaba saíndo, como un saurio que rompe a casca do ovo.

-Levo tres meses alucinando coas declaracións de Borrell e cía –comenta Chori mentres paseamos-. Non sei como ninguén pediu a súa dimisión… Xunto coa dos líderes que non souberon evitar esta nova carnicería: Putin e Zelenski os primeiros. Pensar en parar a guerra mediante a derrota militar de Putin é catastrófico. Con todo, Biden acaba de anunciar que vai mandar unha remesa de lanza-mísiles a Ucraína. Esta mañá escoitei as declaracións dun documentalista ruso exiliado, un tal Vitaly Mansky. Di que o verdadeiro obxectivo de Putin non é facerse co Donbass e manter Crimea, senón destruír a OTAN.

-Acabar coa OTAN… Non estaría mal –respondo, colléndoa da man-. Mesmo sería lícito, posto que esta organización creouse para combater á Unión Soviética… Que fai tres décadas que non existe. Liberarnos do xugo ianqui viríanos moi ben para acabar con esta barbarie. E evitar a crise de enerxía e de alimentos que se aveciña.

-O problema é que non podemos esixir o desarmamento cando vivimos como vivimos –responde Lady Chorima-, dentro desta aldea global: unha barriada dominada por bandas armadas ata os dentes, con xefes como Putin e Biden. Unha peña tola por destruírense e, de paso, aniquilarnos. Xa ves como está o patio en EEUU… Colexios incluídos.

-Somos unha colonia –respóndolle- e temos o cerebro tan ultraprocesado que somos incapaces de facer memoria. Outra vez volven pintar Rusia como a gran inimiga da democracia, dirixida por un perfecto tirano. Suprimido Putin, todo sería OTAN, trece franxas brancas e vermellas e cincuenta estreliñas sobre fondo azul. Como diría Castelao, acabaremos ladrando en inglés, así xa non haberá máis conflitos lingüísticos.

Nese intre calo por non mencionar a nefasta política exterior do Imperio, responsable deste desaguisado, deste xogo sucio que leva tantas décadas practicando no planeta; por non lembrar a súa doutrina do destino manifesto ou a súa guerra química en Vietnam. Míroa e sorrío pensando, como sei que pensa, mentres camiña canda min, en quen son os culpables da carreira armamentística nuclear que nos ten en xaque como especie. Non imos falar das atrocidades que a CIA provocou en Chile e logo repetiu en Arxentina, en Uruguai, en México, en Guatemala, no Sáhara, en Libia, nos Balcáns, en Iraq, en Siria, en Iemen, en Afganistán… Sempre en busca de beneficios e divisas, sen importar a perda de vidas. Pon os pelos de punta a frivolidade con que se fala de apoio militar e de bloqueo, ou se usan as etiquetas de “liberdade”, “resistencia” e “nazis” desde un e outro bando.

-E que che parecen, os tarados que se foron a defender Ucraína, ou os que se alistaron voluntariamente? A historia repítese, non dúas, senón múltiples veces –laméntase Chorima-, que época de farsas!

-Son os videoxogos e o adoutrinamento audiovisual. Tom Cruise, Mel Gibson, Kevin Costner… Crecemos vendo cinema bélico realizado polos EEUU con fins propagandísticos. Non se escapan nin os países supostamente neutrais, como Finlandia e Suecia. Agora volven á carga cun remake de Top Gun para alentar a épica da guerra. A quen viaxa á fronte a loitar non se lles pode chamar nin heroes nin patriotas. Son depredadores atraídos polo cheiro do sangue.

Mantemos esta conversación mentres subimos cara ao antigo Cuartel da Montaña, o lugar onde as tropas napoleónicas fusilaron os sublevados en maio de 1808, esas escenas terribles que retratou Goya con tanta elocuencia. Aquí foi onde comezou, en xullo de 1936, outra sublevación, a dos militares franquistas, aínda que o cuartel foi tomado horas máis tarde polas milicias da República. Sucedeu como coa Bastilla, non quedou nin unha pedra en pé. Fronte a nós, unha fila interminable de turistas espera a súa quenda para entrar ao templo de Debod. Este lugar encántanos tanto pola arquitectura como polas vistas, pero sobre todo por ese estanque que rodea os arcos e a fachada hipóstila, o único espazo acuático no centro da cidade. Sobre este charco que reflicte o ceo, como unha evocación do Nilo en Madrid, voan uns cabaliños do demo de ás laranxas que non vin en ningures. Gústame imaxinar que proceden da Baixa Nubia, que levan impresa a cor dos atardeceres e que chegaron aquí co templo, alá por 1968, aclimatándose perfectamente.

-Con tanta xente, non dan ganas de entrar –comenta Lady Chorima.

Está claro, marcharemos sen saudar Imhotep, nin Isis nin Amón. Ao chegar descubrimos con abraio que o foso do estanque continúa seco, un ano máis! Nin rastro das libeliñas. Achegámonos ao garda de seguridade, un simpático colombiano que controla o acceso aos visitantes, para preguntar. El explícanos que o baleiraron por culpa das filtracións que provocaba nun aparcamento subterráneo. Que a cousa vai para longo.

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios