Domingo. 03.07.2022
El tiempo

Asemblea Celestial da Emigración Galega

Casa de Galicia en Montevideo tarxeta
Asemblea Celestial da Emigración Galega

A moi grande estafa e a ofensa cometida en Montevideo na contra dos emigrantes moveu a que o actual presidente da Asemblea (hai rotación anual obrigatoria nos cargos) don Luís Seoane convoque para unha sesión urxente cun único punto na Orde do Día. Trátase da consideración do castigo que corresponde para quen levou ao afundimento e desaparición da Casa de Galicia na capital uruguaia. Antes da rolda de intervencións don Luís manifestou o seguinte: Coma ben sabedes eu ía moito por Montevideo xa que tiña alí moi bos amigos no seo do Patronato da Cultura Galega e admiraba o bo quefacer da Casa de Galicia que fora onde o noso irmán Castelao recibira os maiores aloumiños na súa escala de camiño a Bos Aires. Ter agora que ver a desfeita desta forte entidade é moi triste e desalentador xa que está adiantando un futuro escuro para a nosa, noutrora, loitadora colectividade emigrante. Sei que as cousas cambian e que agora son os nosos descendentes os que teña a obriga de manter acesa a lareira da nosa identidade. Entendo que moitos teñan outras preocupacións e acepto que non teñan interese en lembrar as loitas dos seus avós. Cada un escolle o seu camiño pero o que non é admisible nin exculpario é que un descendente actúe deliberadamente na contra dos seus devanceiros. Hoxe aquí nesta Asemblea que é soberana sairá un acordo ou edicto que espero faga reflexionar a milleiros de bos e honrados descendentes. Queremos abrirlles os ollos para que estean ao axexo e non permitan que lles rouben o patrimonio social por medio de escuras manobras de delincuentes da máxima indecencia.

A continuación darei lectura a listaxe de asembleístas que intervirán segundo a orde de inscrición: 1) Manuel Meilán Martínez; 2) Antonio Paleo Fernández; 3) Luís Andrade Castro; 4) Hixinio Gómez Pérez; 5) Xesús Canabal Fuentes; 6) Marcelino Martínez Gómez; 7) Antón Crestar Faraldo.

(1) O meu paso por Casa de Galicia foi emocionante xa que puiden ser activo protagonista na recepción a Castelao. Eran tempos nos que os republicanos tiñamos forza para loitar contra do moi asasino Franco. O que está a suceder non é a perda dos valores polos nosos descendentes senón máis ben que estamos diante dunha excepción. Un fillo do noso sangue cometeu un grave delicto pero este tal Iglesias é só unha mancha enriba da brancura de máis dun século de esforzo honrado. Entendo que fixo moito dano pero non metamos a todos os descendentes no mesmo saco. Coido debe ser sancionado coa máxima penalización xa que o que fixo non admite desculpa posible.

(2) Aínda que como encargado das relacións públicas non foron moitos os anos que estiven, teño que estar agradecido xa puiden sumar uns pesos logo de xubilarme de “Subsistencias”. Nos meus tempos a entidade ía ben e os problemas eran pequenos. Sempre houbo pequenas coimas e directivos que “enchufaban” recomendados ou recomendadas pero ninguén pensaba en actuar para deteriorar ou fundir a gran mutualista que daba de comer a máis de mil familias. Quero baixar cun fungueiro na man, que lle vou pedir a San Pedro (xa se sabe que o porteiro ten todo tipo de ferramentas e material para o seu labor) para quentarlle ben o lombo ao malandra de Iglesias.

(3) Eu, é non é por presumir, fun quen tivo máis poder en toda a historia da Casa de Galicia pero cometín o grande erro de non facerlle ningún caso a cando Canabal me propuxo que presentase en Asemblea a escisión xurídica entre Cultura e Sanidade. Daquela estaba moi afastado dos galeguistas que eran adversarios meus na política interna da sociedade. Non quixen atender as razóns e agora perdemos a máis importante asociación galega do Uruguai e poida que do mundo. Coido que o máximo responsable da desfeita debe ser castigado. A inmoralidade non debe quedar impune.

(4) Vou falar porque o paso do tempo fíxome bo diante do sinvergonza que enterrou a nosa benquerida Casa de Galicia. Lembraredes que cando cheguei non falabas comigo. Era certo que fixera unhas trapalladas que me deixaron queimado. Recoñezo que collín uns pesos da coima das ambulancias pero era “pataca miúda” se o comparamos co roubo dun presidente que enterrou a sociedade en trapicheo co goberno actual. Coido fun castigado xa que vin para aquí antes de tempo. Non son un santo pero estou lonxe de quen deixou a milleiros de socios no desamparo total.

(5) Desde que estou aquí é o maior dos disgustos ver que un fillo da emigración actúa na contra do seu sangue. O ano pasado foi de intensa dor e impotencia. Aproveitou a pandemia para argallar a matufia co ministerio de Saúde Pública e co “tano” do Círculo Católico. Sentín tamén moita pena, este noso descendente é un pobriño desgraciado. Vai ter, segundo nos informan, un millón e medio de dólares nunha conta no exterior pero tamén a repulsa dos avós que suaron para erguer a Casa de Galicia. Cando a ofensa é de tanta magnitude, non sei cal pode ser o castigo xa que sempre quedamos curtos na sanción. Aquela idea miña de separar Cultura de Sanidade houbese evitado a perda da “Santa” de Asorey e tamén a tristeza de ir de espidos indixentes para ver se alguén nos da unha esmoliña.

(6) Todos coñecedes a miña teima en gañar as eleccións pero non foi posible xa que Andrade era o amo e sempre perdín por milleiros de votos. O que digo é que non estaba de acordo coa liña autoritaria e paternalista do meu veciño de Ponteceso (xa sabedes que eu son de Coristanco) pero nunca o acusei de que se beneficiase persoalmente xa que é persoa honrada. Por iso é que o sucedido non ten perdón nin divino nin humano e temos que proceder para nunca se repita unha estafa que ofenda a memoria dos emigrantes que loitaron con esforzo honrado. Este desgraciado púxonos no “Guinness World Records” xa que desde agora, os emigrantes do Uruguai, somos os que perdemos o maior patrimonio social na longa historia da emigración galega.

(7) A miña intervención é para suliñar que falarei co alcalde do Concello de Miño, onde nacín, para que proceda ao anulamento de calquera inscrición ou acto documental onde apareza o nome e os apelidos deste indecente descendente de devanceiros do meu amado Miño. Tamén pedirei que se lle prohiba mediante edicto municipal calquera adquisición de bens inmobles. Quero evitar o contaxio dunha peste coimera que estragará un espazo cheo de beleza natural. Tamén pedirei autorización para acompañar a Paleo na súa misión especial de aplicación do eficaz tratamento terapéutico do fungueirazo lumbar.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

 

comentarios